Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O presidente da CHMS expón no Porto as vantaxes da colaboración transfronteiriza en materia de auga.
Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), participou no Conselho de Regiao Hidrográfica Norte (ARH Norte), celebrado no Porto. O presidente da CHMS aproveitou o encontro para agradecer á ARH Norte a boa coordinación e colaboración entre as administracións de ambos os países no proceso de planificación, tal e como establece a Directiva Marco da auga que impulsa a xestión integrada das concas hidrográficas cuxos territorios se estenden por varios Estados membros. A través do Convenio de Albufeira establécese o marco de cooperación entre España e Portugal para a protección das augas superficiais e subterráneas e dos ecosistemas acuáticos e terrestres directamente dependentes deles e para o aproveitamento sustentable dos recursos hídricos das concas hispanoportuguesas.

Na Demarcación Hidrográfica do Miño Sil identifícanse dúas concas internacionais, os ríos Miño e Limia e, como augas internacionais, a zona costeira da Guarda, o Estuario do Miño -augas de transición-, os ríos Troncoso e Laboreiro e os encoros de Salas e Lindoso. Francisco Marín destacou que durante todo o proceso de planificación mantivéronse múltiples contactos e reunións coa ARH Norte, como responsables dos plans de xestión das augas compartidas dos ríos Miño e Limia para concluír un Plan Hidrolóxico da conca Miño-Sil adaptado ás necesidades de xestión e coordinación que liquide a problemática de adaptación á lexislación de dous países distintos. «A xestión de augas arriba afecta directamente augas abaixo», destacou. O presidente da CHMS relatou que en Europa, 40 das 110 demarcacións hidrográficas son internacionais, o que supón que máis do 60% das concas europeas exceden fronteiras.

Como final de relatorio, quixo destacar a importancia da coordinación á hora de presentar candidaturas a proxectos europeos, facendo especial mención a dous proxectos recentes presentados de forma conxunta aos proxectos de cooperación transfronteiriza POCTEP e que están pendentes de resolución. Por unha banda o proxecto RISK Miño-Limia, por importe de 2,7 millóns de euros, co que se pretende, a partir de simulacións, poder predicir as zonas afectadas polas crecidas dos ríos en función da choiva esperada e que poida servir para actualizar o Plan Especial ante situacións de Seca extrema. Por outra banda, o proxecto Raira Termal, cun investimento previsto de 3,4 millóns de euros e co que se pretende potenciar, abrir e valorizar a cultura balnearia tradicional cara a un modelo de turismo de benestar e de natureza como vía para a creación de novos empregos directos e indirectos vinculados aos recursos termais.

María Millán 2º Bach A
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 07-05-2017 11:04
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal