EDLfranciscanasOurense


Blog do EDL do Colexio Plurilingüe Divina Pastora de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Vendido un orixinal de Tintín
Os orixinais da cobertura para os álbums das aventuras de Tintín de 1937 debuxados polo creador do personaxe, Hergé, vendéronse hoxe a un prezo récord de 2.519.000 euros pola casa de poxas Artcurial en París.

Unha voceira de Artcurial destacaba a Efe que a prancha foi adxudicada ao inicio dunha poxa de debuxos e álbums raros de Hergé, tanto en branco e negro como en cor, dende os anos 1930 á década de 1960.

A cobertura, realizada con tinta chinesa, mostra a Tintín e Milú en 34 situacións que representan outras tantas aventuras dos álbums aos que estaba destinada.

Iso incluía unha historia que debía terse situado en terras nórdicas e que o autor belga non chegou a concibir. A prancha saíra cun valor estimado de entre 700.000 e 900.000 euros.

Patricia González Fernández, 4ºB da ESO.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 27-05-2014 00:47
# Ligazón permanente a este artigo
Xacio Baño e Iria López lévanse os premios mellor dotados do XI Edición do Festival de Cans
O xurado da XI edición do Festival de Cans outorgou os premios á mellor curtametraxe de imaxe real e á mellor curtametraxe de animación aos curtos 'paraSer e voltar', de Xacio Baño e 'Xamón' de Iria López, respectivamente. Ambos os dous autores recibiron un galardón de 1.500 euros e un 'Can de Pedra'. Ampliar foto El Premio de Honor Pedigree'14 foi concedido á actriz María Bouzas, como recoñecemento á súa traxectoria profesional. O humorista Juan Ibáñez -coñecido por ser a voz da formiga Trancas do programa El Hormiguero- e unha octoxenaria veciña da aldea chamada Divina Campos, foron galardoados co 'Chimpín de prata', en recoñecemento á súa colaboración e implicación no festival. Ademais, na gala final do festival, celebrada na noite deste sábado, 'Tupper' de Anxo Maceira conseguiu o Premio do Público á mellor curtametraxe, dotada de 1.000 euros e un 'Can de Pedra'. O Premio especial do xurado dos veciños á mellor curtametraxe levoullo '3-1 =0', obra de Juan Galiñares. Ese último premio está galardoado cun 'Can de Pedra', ao igual que o Premio do xurado á mellor interpretación feminina e o destinado á mellor interpretación masculina, galardóns que foron para Déborah Vakusic por '3-1 =0' e para Javier Gutiérrez por 'Tupper'.

Nerea Rial Conde, 1ºB Bach.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 25-05-2014 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
500 pacientes con párkinson temen quedarse sen medicación
As primeiras estimacións das sondaxes a pé de urna en Francia amplían as peores previsións dos grandes partidos. Cun lixeiro aumento da participación, que chegaría ao 43%, as enquisas sitúan como o primeiro partido do país á fronte Nacional de Marine Le Pen, que alcanzaría o 25% dos votos, fronte ao 20% da UMP e o 14% do PS, o que de confirmarse colocaría ante os socialistas no nivel máis baixo da súa historia.

En 2009, Francia elixiu 72 deputados, houbo un 40,6% de participación, e o partido máis votado foi a UMP, de centro dereita, que obtivo 4,8 millóns de votos, o 27% e 29 escanos, fronte ao 16,4% dos socialistas (2,8 millóns 14 deputados) e o 16,2% dos Verdes (tamén 14). As listas da Fronte Nacional lograron hai cinco anos un millón de votos, o 6,7% e tres parlamentarios. As sondaxes estiman que Le Pen pasaría a ter entre 23 e 25 deputados.

De confirmarse esa tendencia, o escrutinio supoñería unha lombeirada monumental para Marine Le Pen, que lograría a primeira vitoria a escala nacional co seu renovado discurso patriota, xenófobo e populista. Le Pen ten posto ao día o partido fundado en 1974 mesturando propostas clásicas da extrema dereita como o peche das fronteiras comerciais e á inmigración, ou a "Francia si, Bruxelas non", con ideas proteccionistas que tamén abraza a extrema esquerda.

A campaña de Le Pen modernizou a mensaxe do FN quitándolle unha parte da súa impresentable carga racista, aínda que o octoxenario fundador do partido non puido evitar esta semana unha das súas bromas pesadas no mitin de Marsella ao afirmar que "o señor Ébola podería arranxar o problema demográfico de África".

Carlos Seoane Martínez, 1ºB Bach.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 25-05-2014 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
Fondo Galego e Ecos do Sur melloran as condicións educativas e sanitarias nunha escola de Mozambique
A iniciativa facilitará o acceso das nenas ás aulas e reducirá enfermidades coma o cólera nunha zona con altas taxas de analfabetismo e de mortalidade infantil // O proxecto incorpora actividades de sensibilización en colexios de Galicia con intercambio de experiencias entre alumnado dos dous países lusófonos.
O Fondo Galego de Cooperación e a ONGD Ecos do Sur están a mellorar as condicións educativas e sanitarias na escola de Hitakula das Mahotas, en Mozambique. A asociación de concellos e deputacións cofinancia con 18.000 euros este proxecto, no que se incorporan actividades de sensibilización en diversos centros educativos galegos arredor do Día de África, que se conmemora este domingo, 25 de maio.

A intervención no colexio mozambicano permitirá reparar e estender os servizos de auga e saneamento, ao tempo que se formará á poboación en temas de hixiene, saúde e xestión da auga. Limpar e ampliar as foxas sépticas, construír desaugues para as duchas, instalar portas e pechaduras nos aseos ou montar os sanitarios son algunhas das actuacións levadas a cabo, coa asociación Adane Mozambique como parceiro local. Ao tempo, capacítase a un grupo de axentes promotores para impartir charlas nas aulas sobre boas prácticas hixiénicas e ambientais e para crear brigadas verdes que conciencien á comunidade neste eido.

A escola e centro infantil de Hitakula das Mahotas foise deteriorando ao verse desbordada pola migración interna cara a capital. Na actualidade acolle máis de 2.500 estudantes, dos que un 57% son nenas. O proxecto permitirá ir aumentando o número de prazas, nun país cun 20% de analfabetismo, maioritariamente femininino, e facilitará o acceso igualitario á educación, pois prevese que descenda o absentismo escolar das rapazas ao garantirlles maior seguridade e intimidade, sobre todo cando teñen a menstruación. Porén, o beneficio será para todas e todos, xa que ao eliminarse as deposicións no patio e nas inmediacións reducirase tamén a incidencia de doenzas coma o cólera ou a diarrea, nunha zona cunha taxa de mortalidade infantil das máis elevadas do mundo.

Beatriz Pereiras López, 1ºB Bach.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 25-05-2014 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
Máis cerca dunha vacina contra a malaria
Investigadores descubriron unha proteína que xera anticorpos e que podería axudar a previr a multiplicación de parasitos da malaria, dando unha nova esperanza para unha vacina, segundo un estudo divulgado a semana pasada. Esa proteína podería axudar aos científicos no seu traballo na loita contra as formas máis severas da malaria, unha enfermidade que mata a máis de 600 mil persoas cada ano, particularmente aos nenos pequenos na África subsahariana.

O descubrimento da proteína podería engadirse a un grupo limitado de antíxenos utilizados en potenciais vacinas contra a malaria, indicaron científicos que conduciron o estudo no Instituto Nacional de Alerxias e Enfermidades Infecciosas. Os anticorpos xerados pola proteína deteñen o parasito da malaria, xa que van abandonando un glóbulo vermello para invadir outro, previndo que se multiplique. As poboacións que viven en áreas onde a malaria é común a miúdo desenvolven respostas inmunolóxicas naturais que limitan o número de parasitos no sangue e preveñen a febre alta e síntomas severos.

Os investigadores basearon o seu estudo en mostras de sangue de pequenos de 2 anos provenientes de Tanzania que eran resistentes ou susceptibles á malaria. Segundo a Organización Mundial da Saúde, entre as intervencións fundamentais para controlar a malaria encóntranse o tratamento rápido e eficaz con combinacións de medicamentos baseadas na artemisinina, o uso de mosquiteiros impregnados en insecticida por parte das persoas en risco e a fumigación dos espazos pechados con insecticidas de acción residual, co fin de controlar os mosquitos vectores.

Laura Abad Álvarez, 4ºA da ESO.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 25-05-2014 14:49
# Ligazón permanente a este artigo
A Semana Verde de Galicia xa supera nun 12% a afluencia do 2013
A feira Semana Verde de Galicia e os seus certames paralelos xa superan nun 12 por cento o número de expositores que se comprometeran na edición anterior.

A feira e os certames que comparten con ela o recinto de Silleda celebraranse do 12 ao 15 de xuño, datas similares ás do ano 2013, cando o número de expositores previstos era inferior na citada porcentaxe, informou a organización nun comunicado.

As empresas e entidades que confirmaron a súa presenza formarán parte dunha área expositiva para a que se segue comercializando espazo e que contará con firmas de numerosos sectores, como a biomasa e bioenerxía, xardín e piscina, gandaría, pequena maquinaria, antigüidades, mascotas, servizos para a terceira idade e tempo libre, entre outros.

Ademais, na edición deste ano ofreceranse novas feiras, como as da caza, pesca e natureza ou a de festas de interese turístico, que celebran as súas primeiras edicións.

Os organizadores destacan que esta oferta expositiva e lúdica permitirá que a Feira Internacional Semana Verde de Galicia revalide a súa condición de maior certame multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular.

David Cebreiros López, 1ºA de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 25-05-2014 14:44
# Ligazón permanente a este artigo
O olor das persoas permite identificar o seu xénero
O corpo humano produce sinais químicos que informan do xénero ás persoas que se senten atraídas por el. Así o indica unha nova investigación, publicada na última edición da revista Current Biology.

O olor dos ingredientes activos das hormonas sexuais -androstadienona nos homes e estratetraenol nas mulleres- inflúe sobre a percepción do movemento corporal dos demais axudando a identificar a que xénero pertencen.

"O novidoso deste estudo é que as feromonas humanas informan sobre a masculinidade ou feminidade da persoa que as segrega dependendo do xénero e a orientación sexual de quen as detecta", explica a Sinc Wen Zhou, científica da Academia China das Ciencias e investigadora principal do traballo.

Ata agora sabíase que os animais detectan as feromonas mediante o órgano vomeronasal e transmiten a información recollida directamente ao cerebro. En cambio, poñíase en dúbida que isto acontecese en humanos, xa que cría que este desapareceu ao longo da súa evolución, polo que algúns científicos negan a existencia de feromonas humanas.

"Os nosos achados defenden a existencia destas feromonas sexuais", afirma Zhou. "Demostramos que o nariz pode detectar o xénero dunha persoa mediante as súas secrecións corporais, mesmo cando cremos que non ulimos nada de forma consciente".

Estudos anteriores xa mostraran que a androstadienona, que se encontra no seme masculino e as axilas, promove o bo humor nas mulleres en comparación cos homes; e que o estratetraenol, presente nos ouriños femininos, ten efectos similares nos varóns.

Alba Baltar Janeiro, 1ºA de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 25-05-2014 14:40
# Ligazón permanente a este artigo
A final da Champions fronte ao traballo fin de máster
Este domingo, os electores que acudan á mesa situada no Salón de Actos do Voluntariado de Muxía atoparanse, ademais de coa urna e as papeletas das candidaturas, coa imaxe dos peitos espidos dunha muller.

Non se tratará dunha exhibición de nudismo, senón dunha camiseta artística coa que a moza creadora, Teresa Búa, pretende compaxinar a obrigación de presidir devandita mesa co traballo final do máster de Investigación e Creación de Arte Contemporáneo que cursa en Pontevedra. A súa intención é desempeñar o labor con esta camiseta que terá estampada no peito unha imaxe dos seus propios seos. «Non quero falar moito do significado porque quero que a xente reaccione de xeito espontáneo, sen condicionantes», conta.

A idea xurdiu tras ser rexeitado o recurso que presentara para evitar estrearse como integrante dunha mesa -invocara as tarefas que se lle acumulan nesta recta final do curso- e aínda que asegura que non se trata dunha protesta, non disimula o seu malestar ao ver que as autoridades electorais si tiveron máis sensibilidade cun afeccionado desexoso de acudir á final da Champions en Lisboa.

Elena Blanco González, 1ºA de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 25-05-2014 14:35
# Ligazón permanente a este artigo
O dinosauro máis grande descuberto
Un grupo de paleontólogos do Museo Egidio Feruglio da provincia de Chubut anunciaron este venres o descubrimento baixo chan arxentino do "dinosauro máis grande xamais descuberto", cunhas medidas de 40 metros de longo e 20 metros de alto, que lle proporcionaban un peso total dunhas 77 toneladas.
Trátase da "criatura máis grande que camiñou sobre a Terra", segundo afirmaron os investigadores, que cren que é unha nova especie de titanosaurio, uns enormes herbívoros de pescozo longo que viviron hai uns 100 millóns de anos, durante o Cretácico Tardío -o período máis próximo á desaparición dos dinosauros-.

O achado dos fósiles produciuse por casualidade hai un ano, cando un agricultor local deu cos restos no deserto, preto da localidade de La Flecha, situada a uns 250 quilómetros ao oeste de Trelew, na Patagonia, de acordo coa información do diario arxentino Clarín.

Tras meses de minuciosos traballos para desenterrar todos os ósos -150 pezas de sete espécimes-, este venres exhibíronse por primeira vez para desbancar como o dinosauro máis grande xamais achado ao Arxentinosaurio, que albergaba este título dende que fose encontrado na provincia arxentina de Neuquén, tamén na Patagonia.

Patricia González Fernández, 4ºB da ESO.
Comentarios (1) - Categoría Xeral - Publicado o 19-05-2014 15:46
# Ligazón permanente a este artigo
Guitiriz, capital do mundo das palabras
A Real Academia Galega enxalza a "forza creadora da palabra de Xosé María Díaz Castro, o poeta que fixo esforzo cara á perfección". "Ningún tempo pasado foi mellor" para o galego, sinala Núñez Feijóo.

A localidade natal do poeta Xosé María Díaz Castro converteuse onte, durante unhas horas, na "capital do único mundo que interesa, o da palabra", segundo o criterio que expresou o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, na sesión extraordinaria que celebrou a institución en Guitiriz para conmemorar o Día das Letras Galegas. Un pouco antes, no acto institucional convocado pola Xunta nun colexio de Guitiriz (Lugo), o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que "ningún tempo pasado foi mellor" para o noso idioma, porque hoxe "é o que os galegos queren que sexa" e é un idioma vivo, dado que é "o pobo o que ten o timón" nunha Galicia que se converteu "nunha gran potencia de palabras".

Sandra Tornero Belloso, 4ºB da ESO.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 18-05-2014 16:39
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal