Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A Unión Europea dá luz verde a novas normas que garanten o dereito ao esquecemento en Internet

Os Vinte e oito aprobaron este venres os cambios que reforzan as normas de protección de datos na Unión Europea e que, entre outros, garantizarán o dereito ao esquecemento en Internet e a eliminación os datos persoais e esixirán o consentimento parental para que os menores de 16 anos poidan utilizar as redes sociais como Facebook, aínda que os países terán a posibilidade de reducir esta idade ata os 13 anos.

A adopción formal dos Vinte e oito da reforma das normas de protección de datos este venres prodúcese despois do principio de acordo que alcanzaron sobre o paquete normativo coa Eurocámara en decembro e facilita o camiño para a súa adopción final, aínda pendente do visto bo polo pleno do Parlamento Europeo, o próximo 14 de abril.

A reforma das novas normas acordadas consiste nun reglamento sobre a protección de datos, que permitiría aos cidadáns un mellor control dos seus propios datos e normas uniformes e actualizadas para que as empresas poidan aproveitar ao máximo as oportunidades do mercado dixital europeo e, por outra banda, unha directiva sobre protección de datos procesados polas autoridades policiais e xudiciais.


Cristina Rey Pérez, 1ºB de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 10-04-2016 17:21
# Ligazón permanente a este artigo
Ourense leva catro décadas sen a figura de Ramón Otero Pedrayo
O Abril oteriano vive as súas xornadas máis emotivas. Hoxe é a data, o día no que se cumpren os corenta anos do pasamento de Otero Pedrayo, e o programa de actividades organizado para honrar a figura e a obra do patriarca de Galicia acolleu onte propostas no cemiterio de San Francisco e no Liceo, e hoxe a cita terá á catedral como escenario.

En San Francisco, ante a campa na que está soterrado o intelectual -xunto á súa familia e á súa muller Fita- xuntáronse os membros da Fundación Otero Pedrayo, representantes institucionais, da Coral de Ruada, da Fundación Vicente Risco e amigos do homenaxeado, entre outros. Víctor Freixanes, responsable da entidade oteriana, lembrou a vixencia da obra e a figura do homenaxeado, referiuse a unha imaxe do seu enterro -que figura na fotobiografía de Afonso Vázquez-Monxardín e Patricia Arias Chachero- para recordar que a súa figura foi quen de suscitar a participación e o apoio sen fisuras en 1976. Sinalou que os actos deste ano terán continuidade por toda Galicia.

Miguel Santalices, Rosendo Fernández, Jesús Vázquez e Rafael Rodríguez fixeron a ofrenda en representación do Parlamento de Galicia, Deputación e concellos de Ourense e Amoeiro -respectivamente- e José María Eguileta fixoo en nombre da Fundación Risco. O filósofo Carlos Baliñas despositou tres rosas na campa: unha para Otero, outra para Fita e a terceira para a nai do escritor. No Liceo escoitouse a gravación dun discurso pronunciado polo homenaxeado en Bos Aires, en 1959, e Vázquez-Monxardín comentou a conferencia.

Hoxe, ás 09.30 horas, haberá misa na catedral en memoria do escritor e na mesma cantará a Coral de Ruada.


Antía Corral Álvarez, 2º Bach.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 10-04-2016 12:05
# Ligazón permanente a este artigo
“Co novo plano forestal a Xunta quere expulsar a veciñanza da xestión do monte galego”
A Organización galega de comunidades de montes (Orgaccmm) non ve o plan forestal que está a impulsar a Xunta para substituír o vixente (de 1992) o documento que o monte galego precisa. “Coas directrices do novo plan imos a un monte que fique só para especies de rápido crecemento e cultivos enerxéticos”, manifesta Xosé A. Pereira, da Orgaccmm. Desde logo, aponta, non un roteiro para un “monte vivo”. Pereira resume, en conversa con Sermos Galiza, en tres os obxectivos das directrices do plano forestal que elabora a administración galega: Eliminar a veciñanza da xestión do monte, acabando co modelo 'xermánico' do monte comunal que pervive na Galiza e norte de Portugal e ir cara á privatización; poñer o monte ao servizo de produción forestal intensiva para determinadas especies, e que esa produción priorice sobre calquera condicións ambiental.

“O obxectivo é botar a veciñanza da xestión do monte galego”, manifesta Pereira, que afirma que esta intención “vén de vello”, e que xa figuraba en estudios e informes elaborados por entidades financeiras. “Nalgún deles até se afirmaba que as comunidades de montes non podían xestionar o monte porque non tiñamos cultura, vaia afirmación!!”.
Para este responsábel da Orgaccmm, a Xunta debería alicerzar o proxecto ou plan para o monte galego en base a tres eixos: unha política que permita e favoreza e incentive un monte multifuncional e preservábel; reforzar a propiedade xermánica do monte e que nas políticas económicas, sociais, de ordenación do territorio... se tome en conta o monte, sempre en beneficio de todos. “Non é difícil, é o contrario do que eles propoñen”, ironiza Pereira.


Sandra Tornero Belloso, 2º Bach.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 10-04-2016 12:00
# Ligazón permanente a este artigo
Lectura pública de Manuel María para o 23 de abril
A Fundación Manuel María, a través da súa presidenta Saleta Goy e o seu secretario Alberte Ansede, presentou onte a actividade Manuel María, na túa voz. A actividade que promove a Fundación consistirá na lectura pública da obra Manuel María o vindeiro día 23 de abril, Día Internacional do Libro, en distintas cidades e vilas de Galiza. 
Esta actividade, segundo informou a Fundación, acordouse recentemente coa FEGAMP traslaladada a todos os concellos de Galiza para que en torno ao día 23 de abril ás 12 horas os concellos, xunto ás entidades culturais, veciñais, deportivas…, se animen a convocala. Ferrol, Pontevedra, Ourense, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Lalín son algúns dos lugares onde xa se coñece que se realizarán estes actos, os cales serán organizados nalgúns casos por entidades culturais con ou sen colaboración dos concellos, e noutros polas propias entidades municipais. Tamén haberá actos nalgúns centros galegos de Europa e doutros lugares do mundo. 
Os representantes da Fundación Manuel María tamén fixeron fincapé en que os centros educativos participen da actividade, quer preparando co alumnado distintas lecturas para acudir conxuntamente coas persoas adultas o sábado 23 de abril. 


Andrea Marquina, 2º Bach.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 10-04-2016 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
A ORIXE DO GALO DE BARCELOS
Inspirado na historia dun peregrino galego que se dirixía a Santiago de Compostela, o popular "Galo de Barcelos" é hoxe en día un dos símbolos de Portugal e imaxe de marca que está presente en todas as tendas para turistas do país.
Co seu corpo de cor negra, unha ostentosa crista vermella e unha variada e colorida decoración, a figura do típico galo inspírase nunha lenda do século XVI, aínda que non se comezou a usar como símbolo nacional ata mediados dos anos 30 do século pasado.
O vínculo que tiña co rural foi o que lle levou ao réxime ditatorial de António de Oliveira Salazar, moi achegado á tradición, a apostar pola figura do animal.
Así, a iniciativa do réxime salazarista (1926-1974), o Galo de Barcelos comezou, na década dos 30, a representar a Portugal en feiras internacionais, transmitindo a imaxe dun país ligado ao seu folclore.
O primeiro galo foi creado polo artesán luso, Domingos Côto, natural de Barcelos, unha localidade ao norte do país, a beiras do río Cávado.
Fíxoo inspirándose na lenda que conta que un peregrino galego que se dirixía a Compostela foi acusado, ao seu paso por Barcelos, dun crime que non cometera e foi condenado á forca.
Nunha apelación final, pediu unha reunión co xuíz que ditou a condena e que lle recibiu cando se dispoñía a comer un galo asado. O imputado xurou que, como proba da súa inocencia, o galo levantaríase do prato e cantaría.
O maxistrado non lle creu, pero cando o preso ía ser aforcado, o galo levantou e cantou.
Dándose conta do seu erro, o xuíz correu á forca e descubriu que o peregrino se salvara grazas a un nó mal feito na soga coa que ía ser aforcado.
Esta historia foi moi difundida por toda Europa, aínda que deixou a súa maior marca en chan luso, onde se converteu nunha das principais insignias do turismo portugués.


Patricia González, 2º Bach.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 10-04-2016 11:43
# Ligazón permanente a este artigo
Nacen os premios 'Crea' para promover o traballo de cineastas galegos
A Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (Crea) presentou a primeira edición dos premios 'Crea', composta por 11 categorías e un duodécimo galardón honorífico, á que concorreron 110 traballos. Os gañadores daranse a coñecer nunha gala en Santiago o próximo 14 de maio.
Así o explicou o presidente da asociación, Jorge Coira, nunha rolda de prensa na que explicou que o obxectivo deste certame é "promover o traballo dos directores" galegos e que naceu con vocación de converterse no premio "máis importante" deste ámbito a nivel autonómico. Neste sentido, indicou que xa se entregaran recoñecementos a directores con anterioridade, aínda que esta é a primeira vez que se constitúen uns premios deste modo.
Entre as categorías atópanse os recoñecementos á mellor curtametraxe ou longametraxe ficción e un honorífico que se entregará a un individuo ou a unha entidade que defendera o "talento dos directores de Galicia".
Respecto aos traballos, Jorge Coira asegurou que, aínda que "hai de todo", en xeral, observou "moito nivel". Ademais, explicou que a convocatoria estivo aberta tamén aos directores que non pertencían á asociación.
Ademais, destacou as actividades e talleres realizados neste período, que permitiron poñer en contacto novos directores con produtoras e guionistas mediante os proxectos 'Conecta' e 'Conecta+'.


Xeila Crespo Rodríguez, 2º Bach.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 10-04-2016 11:34
# Ligazón permanente a este artigo
Nova entrega do Play-Doc
O Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui presentou hoxe a programación da súa duodécima edición, que desenvolverá do 13 ao 17 de abril nunha intensa actividade con 45 filmes en cartel. A retrospectiva sobre o cineasta afroamericano Charles Burnett e a estrea do filme perdido do estadounidense Les Blank sobre o cantautor Leon Russell son algunhas das citas destacadas desta nova entrega do encontro, que ofrece un dos carteis máis diversos dos últimos anos e amplía a súa selección galega.

Manuel Alejandro Fernández Carrasco, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 09-04-2016 15:30
# Ligazón permanente a este artigo
A iniciativa para fomentar a transmisión do galego suma 23 concellos e unha poboación dun millón de habitantes
En apenas un ano de vida, o proxecto para a socialización da infancia en galego “Apego” estaba xa en 23 concellos, que representan unha poboación de máis dun millón de habitantes. En marzo de 2015 asinaban un protocolo de colaboración os concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo. Nacía así este programa para promover e arroupar a transmisión da lingua ás nenas e nenos.

Os concellos participantes impulsaron diversas accións, centradas nas crianzas entre 0 e 6 anos que abranguen os diferentes contextos da vida dos nenos e nenas. Deseñáronse e distribuíronse materiais específicos, organizáronse actividades, achegáronse argumentos, información e recursos, etc., para as familias e para os profesionais e en todas as accións do proxecto resalta a valoración positiva da lingua. “Apego” mantense desde os servizos de normalización lingüística dos concellos participantes, impulsados inicialmente pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).

A comunidade creada arredor do Apego foi medrando nestes meses. O sábado, día 9 de abril, ás 12.00 h no Centro Ágora da Coruña, tivo lugar o acto de adhesión de novos concellos: A Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo.

Ana García Barandela, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 09-04-2016 15:29
# Ligazón permanente a este artigo
Carteis machistas no Xulgado de Violencia de Xénero de Madrid
“Xulgado feminazi”; “Denuncias falsas”; “Auschwitz-Feminazi: trituradora de homes”; “Criminais prevaricadores”; “Perigo feminazis soltas”. Os arredores do Xulgado de Violencia de Xénero de Madrid, situado na zona norte da capital, na rúa Manuel Tovar, volveron a amencer infestado de carteis machistas. Estes presentan unha linguaxe extremadamente agresiva contra as mulleres e o tribunal especializado neste tipo de denuncias e permanecen colocados nos arredores do edificio desde o pasado luns sen que ninguén os retirara.

Os letreiros comparan ao Xulgado de Violencia de Xénero co campo de concentración alemán, acúsanlle tamén de “criminal e prevaricador” e insulta gravemente ás mulleres e vítimas da violencia machista. Ademais, nun deles tamén se pode ler “Denuncias falsas”. Os últimos datos publicados pola Fiscalía Xeral do Estado que datan do ano 2014 revelan que as denuncia falsas representan o 0,01% da porcentaxe total.

Non é a primeira vez que aparecen este tipo de carteis no Xulgado de Violencia de Xénero de Madrid. É máis, estes insultos sucedéronse de maneira continua durante os últimos meses. O pasado mes de novembro apareceron pintadas machistas contra as mulleres que simulaban un sinal de tráfico na que se podía ler “Stop feminazis” nunha beirarrúa próxima a este xulgado. O tribunal parece ser o branco deste tipo de ataques que non cesan.

Segundo datos ofrecidos polo ministerio de Sanidade o pasado mes de xaneiro, 822 mulleres foron asasinadas por violencia machista en España desde o ano 2003. É dicir, máis de cinco mulleres ao mes durante trece anos. Ademais, desde o ano 2013 o organismo tamén computa os fillos das mulleres maltratadas asasinados a mans do maltratador. Estas cifras revelan que foron asasinados trece nenos en algo menos de tres anos. O total de vítimas en pouco máis dunha década elévase a 834 vítimas. Doutra banda, no que vai de ano once mulleres foron asasinadas polas súas parellas, máis do dobre que o ano pasado nestas mesmas datas.

Laura Abad Álvarez, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 09-04-2016 10:45
# Ligazón permanente a este artigo
Arte posta ao servizo da loita contra a violencia de xénero
Loitar e concienciar aínda máis se cabe á sociedade contra a lacra da violencia de xénero e incidir na necesidade de educar en igualdade: ese é o obxectivo final que pretende transmitir a mostra itinerante que onte se inauguraba no concello lalinense, promovida pola Deputación de Pontevedra, baixo o título ‘Mulleres en acción: violencia zero’.

Trátase, segundo incidiron os presentes, dunha exposición na que se mostran os resultados dun proxecto de acción artística contemporánea (danza, teatro, performances) levado a cabo de xeito simultáneo o pasado 25 de novembro en dez espazos públicos da provincia de Pontevedra, entre eles Lalín, por outras tantas artistas femininas sensibilizadas coa loita contra a violencia machista e os malos tratos, para concienciar sobre esta problemática e incentivar a integración de mulleres e homes “contra unha realidade que afecta a todos e todas”, por unha parte e, por outra, para provocar o achegamento á arte contemporánea a través “do diálogo con todos os públicos, a experiencia e a creación colectiva”, precisaban.

Elena Outomuro López, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 09-04-2016 10:44
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal