Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Terremotos en Xapón
Dous potentes terremotos en Xapón, os maiores desde o que xerou o tsunami de 2011, golpearon o xoves e hoxe sábado o sueste do país, e causaron ata o momento máis de trinta mortos, milleiros de feridos e centos de miles de desprazados.
O último e máis poderoso, con 7,3 graos de magnitude na escala aberta de Richter, ocorreu na madrugada de hoxe con epicentro a uns 10 quilómetros de profundidade -relativamente preto da superficie- na costa occidental da illa de Kyushu, prefectura de Kumamoto.
Este segundo terremoto ocasionou ata agora 25 mortos e uns dous milleiros de feridos de diversa consideración, segundo o Goberno xaponés, que despregou un continxente de 15.000 efectivos das Forzas de Autodefensa para tarefas de rescate que podería ampliarse a 20.000.
Un primeiro sismo de 7,0 graos de magnitude ocorrido o xoves na mesma zona xa causou dez mortos, 1.126 feridos en 13 municipios -dos que 171 son graves- e 44.400 evacuados.
A Axencia Meteorolóxica de Xapón (JMA) considerou que o terremoto do xoves foi o precursor e o desta madrugada o principal ao ter unha intensidade 16 veces maior.
Os medios nipóns divulgaron imaxes que dan fe da magnitude do terremoto principal, como unha instantánea da axencia Kyodo na que se mostra unha descomunal falla de centos de metros de lonxitude que dividiu literalmente en dúas o pequeno pobo de Minamiaso.


Kelly Pousa, 2º Bach.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 17-04-2016 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta fará un plan para dinamizar o galego na mocidade
Nas bocas do futuro: mocidade e lingua é o título desta edición dos encontros para a que desde hai dezaoito anos organiza o Consello da Cultura Galega. Este ano volven poñer a atención nos comportamentos lingüísticos da mocidade, como xa fixeron no 2015. Precisamente na inauguración deste foro de debate, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, anunciou o primeiro plan da Xunta para dinamizar a lingua galega entre a mocidade, un documento de propostas que se fará de xeito coordinado entre a Secretaría de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude.Os obxectivos deste plan serán aumentar a presenza do galego nesta franxa de idade, para o que se potenciará unha oferta asociativa e de lecer en galego, produtos nesta lingua para o público xuvenil, ademais de proporcionar modelos galegófonos de referencia aos rapaces de orixe castelán falante. García asegurou que hai campos nos que aínda é preciso traballar e implantar medidas positivas para potenciar o galego, como o da mocidade, «un ámbito no que non temos avanzado todo o que nos gustaría».
Na inauguración destes encontros estivo a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, quen definiu as xornadas como «unha feira de mostras do mellor que se fai aquí», e na que se presentan propostas das que sempre saen iniciativas colaborativas moi interesantes. Neste caso os encontros céntranse nos xoves, polo que ata esta tarde especialistas en lingüística, comunicación ou mesmo psicoloxía falarán do comportamento dos máis novos a nivel lingüístico, os usos e as actitudes en contextos bilingües, o sistema educativo, ou as oportunidades do galego na era dixital.


Martín Pérez, 2º Bach.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 17-04-2016 19:17
# Ligazón permanente a este artigo
Unha profesora de Nigrán crea e ensaia cunha banda de gaitas de Brasil por Skype
Varios dos alumnos de May da Peña están a máis de 5.500 quilómetros de distancia. Coñecéronse persoalmente en Brasil, onde ela viaxou a través do programa de profesores galegos do mundo da Xunta no 2011. Desde entón só puideron traballar xuntos fisicamente en dúas ocasións, pero desde Nigrán, May da Peña creou, ensaia e dirixe ao Grupo de Gaitas e Percusión de Santos, un municipio de costa como o seu pero que está en litoral de San Paulo.

Foi un dos seus alumnos, de tan só sete anos, o que lle deu a idea de sortear as fronteiras espaciais a través das vídeo chamadas gratuítas de Skype. «Eu daba clases de baile no Centro Español de Santos e eles eran moi bos e traballaban moito así que me pareceu moi inxusto que tivesen que danzar con música de disco compacto», recorda May da Peña . A filla de Teodoro da Peña e Gloria Costas, fundadores da asociación Breogán Vale Miñor, entidade que cumpre agora 40 anos e na que traballa coa súa irmá xemelga Glori, herdou tamén a súa paixón pola música e a arte, así que non dubidou, recorda, en buscar unha alternativa á música enlatada.

«Tiñan algunhas gaitas pero moi vellas e estragadas así que, aínda alí, o que fixen foi facer frautas rectificadas, que se conseguen empregando silicona para abrir ou pechar os buracos e conseguir así tonalidades parecidas ás da gaita», explica a moza miñorana. Tamén arranxou algunhas das gaitas que aínda tiñan posibilidades e, sobre o terreo, dirixiu aínda as primeiras actuacións do seu grupo brasileiro-galego. Entón eran uns 6 mozos músicos, pero, a día de hoxe son 17 en persoal, 12 gaiteiros e 5 especialistas en tambor e bombo.

As clases son os sábados e aínda que a profesora está en Nigrán e hai un océano de cinco horas de distancia, conseguiron tocar xuntos. Tanto así que ata antes de cada actuación, «e tamén a través do Skype, repasamos e afinamos os instrumentos».

Lucía Vázquez Nóvoa, 1º B de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 17-04-2016 12:34
# Ligazón permanente a este artigo
O papa aos refuxiados de Lesbos: «Non estades sós, non perdades a esperanza»
O pontífice e os líderes ortodoxos piden ao mundo un maior esforzo ante a «grave crise humanitaria» O papa Francisco visitou este sábado aos refuxiados que se atopan no campo para inmigrantes de Moria, na illa grega de Lesbos, onde saudou un a un a decenas de nenos, a maioría dos cales fixeron sós a perigosa viaxe por mar desde Turquía a Grecia.

No campo esperaban ao pontífice centos de persoas. Moitos portaban carteis con inscricións como «queremos liberdade» e «es a nosa esperanza». Entre eles había yazidíes (unha minoría relixiosa de Oriente Medio), paquistanís e kurdos. Unha muller botouse a chorar e rogoulle que a levase con el.

«Quixen estar hoxe convosco. Quero dicirvos que non estades sós. Nestas semanas e meses, sufristes moito na vosa procura dunha vida mellor. Moitos de vós vístesvos obrigados a fuxir de situacións de conflito e persecución, sobre todo polo ben dos vosos fillos, polos vosos pequenos», sinalou o pontífice na súa mensaxe no campamento. «Viñemos para atraer a atención do mundo ante esta grave crise humanitaria e para implorar a solución da mesma», sinalou.

O papa Francisco deu unha nota final de sorpresa á súa visita á illa grega de Lesbos e levouse no avión papal a doce refuxiados. «O papa quixo dar un signo de acollida aos refuxiados acompañando a Roma no seu mesmo avión a tres familias de refuxiados, doce persoas, das cales seis menores de idade», indicou o pai Federico Lombardi, quen precisou que a iniciativa foi tomada co permiso das autoridades competentes.

Antía Ramos Gallego, 1º A de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 17-04-2016 12:25
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe musical a Manuel María no IES María Soliño de Cangas
Mini e Mero, fundadores de “Fuxan os ventos”, estiveron no IES María Soliña de Cangas este venres 15 de abril para rendir homenaxe a Manuel María, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Baixo o nome artístico deste dúo de cantautores chairegos agóchanse Baldomero Iglesias e Xosé Luís Rivas, que chegaron acompañados do violinista ucraíno Sasha, para cantar poemas de Manuel María e Bernardino Graña, entre outros poetas galegos.

Sempre defendendo o galego por encima de todo, preocupados por recuperar o patrimonio inmaterial do noso país e facendo unha continua defensa do ensino público, os integrantes do grupo ‘A Quenlla’, hoxe en día formado por dez músicos, encheron o IES María Soliño de esperanza para o futuro de Galicia.

Foi unha actuación pensada para todo o alumnado e profesorado do centro.

Selena González Rodriguez, 1º A de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 17-04-2016 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
Condenado a 6 anos por facer fotos a nenos coruñeses en parques e colexios
Saía á rúa coa súa pequena cámara, escondíase tras árbores ou vehículos e sacaba fotografías a nenos e nenas en parques e xardíns da Coruña. Tamén tomou imaxes de tres menores da familia. Fai dúas semanas, este coruñés sexagenario foi xulgado por iso na Audiencia da Coruña e pese a declararse inocente e amante da fotografía, terminou sendo condenado a seis anos e medio de prisión como autor dun delito de pornografía infantil e outro de elaboración de material pedófilo.

A este home atrapárono grazas ao dono dunha tenda de informática á que levara o seu ordenador a reparar. Cando o técnico procedeu ao seu arranxo, en agosto do 2012, observou que tiña multitude de vídeos e imaxes de contido sexual con menores de idade. Fixo o que tiña que facer, chamar á policía, que acudiu ao establecemento a recuperar o ordenador. Cando se comprobou o que alí había, procedeuse á súa detención. Xa co pedófilo arrestado e en compañía do seu avogado, a policía rexistrou o seu domicilio, achando multitude de tarxetas de memoria con numerosas fotos e vídeos de nenos. Localizáronse 28.900 imaxes e 1.905 vídeos nos que aparecían menores de idade en escenas sexuais. Coa investigación xa avanzada constatouse que o inculpado non se limitou a descargar arquivos pedófilos en Internet e realizar fotos en lugares públicos a nenas e adolescentes, senón que dera un paso máis. Fotografou a tres menores da familia.

Nuria Vázquez Gómez, 1º A de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 17-04-2016 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
A pianista María Mendoza presenta o seu primeiro disco
Escoitar noutros as súas propias composicións foi o empuxe que necesitaba María Mendoza para decidirse a publicar o seu primeiro disco, "cento por cento feito en Ourense". "Foi unha evolución, cheguei á conclusión de que había moita xente tocando a miña música, e cando o vía dábame envexa, así que decidín defender as composicións eu mesma", sinalou.

Este primeiro traballo, chamado "Intro", foi presentado onte á prensa no Liceo pola propia pianista que estivo acompañada por Marcos Vázquez, músico e profesor de percusión no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, onde tamén imparte clases María Mendoza. Aínda que será hoxe cando o mostre ante o público, ás 20,00 horas no Liceo, cunha pequena actuación que servirá como aperitivo ao gran concerto que ofrecerá o 7 de maio.

María Mendoza explicou que o disco se divide en tres partes. "A primeira delas está baseada nas cantigas de Martín Codax; a segunda, en temas tradicionais galegos, e xa a terceira, é a parte máis cinematográfica da música", asegura, xa que Mendoza compuxo bandas sonoras para contos e curtos. “Esta música é inqueda e con ganas de experimentar”, explicando tamén que "creei dous formatos diferentes de concertos. Nun actúo soa e no outro o fago acompañada dunha cantante e unha bailarina. Así, dependendo das circunstancias e os espazos, podo adaptarme". As súas composicións son só instrumentais, polo que "a cantante interpretará algunha canción tradicional, sen música, para despois retomar eu o concerto".

Laura Pérez Madriñán, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 17-04-2016 10:56
# Ligazón permanente a este artigo
BARCO GALEGO MULTADO POLA BANDEIRA GALEGA
Un barco pesqueiro galego, o 'Cabo de Hornos Dos', fai fronte a un expediente sancionador que lle pode supoñer unha multa de até 120.000 euros. O motivo? Ter izada no buque unha bandeira galega de tamaño non inferior á española. Así o recolle esta cuarta feira o xornal 'La Opinión de A Coruña'.

O parte aberto pola Capitanía Marítima de Santander, pois a denuncia iniciouse cando estaba atracado en Santoña, sinala que o buque galego puido incumprir até catro puntos no que atinxe ás bandeiras nun barco, segundo di o mencionado xornal. A lei establece que todas as embarcacións deben levar como única ensina a española e que esta ten que estar situada nun lugar ben preferente na popa.

Manuel Alejandro Fernández Carrasco, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 17-04-2016 10:56
# Ligazón permanente a este artigo
Festa 'indie' do Cineclube compostelán con Emilio José e a estrea de Atrás Tigre
A festa vai dar comezo ás 19:30 coa proxección do primeiro filme de Woody Allen: Que foi, Tiger Lily? Nesta fita, Allen colle un filme de espías xaponeses para dobralo ao seu xeito e convertilo na historia do axente secreto Phil Moscowitz, contratado polo Gran Exaltado Alto Maxá de Raspur para buscar unha valiosa receita de ensalada de ovos que foi roubada, nunha trama inzada de chistes visuais, xogos de palabras e todo tipo de brincadeiras.

As actuacións musicais ao vivo terán lugar a partir das 21:30, comezando coa agardada estrea en directo de Atrás Tigre, un proxecto pop nacido en Compostela no que conflúen as músicas e letras en galego de algúns nomes máis ligados á poesía, como Olalla Cociña ou Xiana Arias, que son o 50% da banda xunto con Pedro Carrasco e Carlín.

A continuación, Emilio José -músico de culto no indie patrio- presentará o seu novo disco Agricultura Livre (editado por Foenh Records), acompañado de Os Indígenas, banda formada por algúns membros de Os Amigos dos Músicos. Tamén actuará co DJ set Nistra, un dúo mariñao que emprega a tecnoloxía como ferramenta para experimentar coa ruptura de fronteiras entre xéneros. Para rematar a noite, DJ Chapaev.

Sofía Fernández Martínez, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 17-04-2016 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
MASSIMO DUTTI ABRE UNHA TENDA ATENDIDA POR PERSOAS CON DISCAPACIDADE EN IGUALADA
Massimo Dutti abriu este venres en Igualada (Barcelona) un novo establecemento 'for&from', en colaboración coa entidade sen ánimo de lucro Moltacte, que xerará 15 postos de traballo, dez deles para persoas con algún tipo de trastorno mental, segundo informa a compañía.

Esta apertura enmárcase dentro do programa do Grupo Inditex de integración sociolaboral de persoas con discapacidade física ou psíquica, que xa conta cunha rede de dez tendas en sete cidades.

Massimo Dutti 'for&from' Igualada vende produtos de campañas anteriores a prezos reducidos en réxime de franquía especial. Todas as franquías están xestionadas por organizacións sociais especializadas na integración de persoas con discapacidade como Moltacte ou a Fundació Moín d'en Puigvert. Actualmente, a rede de tendas 'for&from' ten unhas vendas anuais de máis de 5,3 millóns de euros.

Elena Outomuro López, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 17-04-2016 10:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal