Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Todo vale, todo cambia
As informacións económicas, tan cotiás ultimamente, indican que a industria da moda está resistindo a crise razoablemente ben. Refírense, en concreto, á bonanza que atravesan o luxo e as marcas low cost e deportivas que, en xeral, melloraron notablemente as súas contas de resultados. Sen dúbida, os criterios globalizadores do neocapitalismo están na orixe deste éxito. A deslocalización da produción e a modulación das fronteiras comerciais foron claves para esta etapa de prosperidade. Lamentablemente, nalgúns casos, hai que recordar as inxustizas laborais cometidas polas empresas ou a súa insensibilidade ambiental, extremos denunciados polos medios de comunicación e ignorados, á vista dos magníficos resultados, por moitos dos consumidores.

Pero, aínda que os números saian, o panorama non é tan optimista dende o punto de vista sociocultural. Coa chegada de grandes compañías multinacionais, a moda transformouse nun negocio global de gran calado e a imposición de tantos valores mercadotécnicos debilitou os seus aspectos artísticos e culturais en favor dos comerciais. Por exemplo, as novas tecnoloxías de comunicación favoreceron a globalización dos hábitos de consumo e a conseguinte estandarización dos gustos e estilos de vestir a nivel planetario. Nunha escena dominada polas brandas tendencias que proxectan as marcas hexemónicas e coa antano inspiradora moda na rúa en horas baixas, o acto íntimo de cubrirse está a perder vigor creativo e capacidade subversiva.

Paralelamente, o aparato propagandístico das industrias encargouse de volver excitar o efecto hipnótico que as marcas dos grandes couturiers do século XX, coa súa promesa de luxo e distinción e a súa fantasía de status, exerceron sempre sobre o imaxinario dos consumidores de todo o mundo. Custosas campañas publicitarias, megatendas deseñadas polos mellores arquitectos e estrelas de cine disfrazadas sobre alfombras vermellas foron decisivas para conseguilo.

Lara Rodríguez Pardo, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 04-04-2015 18:23
# Ligazón permanente a este artigo
Os graduados en ESO alcanzan as cifras máis altas dende a súa implantación
O número de graduados en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) alcanzou ao 75,4 % da poboación coa idade para finalizar devandito nivel educativo (15 anos) no curso 2012-13, tres décimas máis que o anterior, e supón os valores máis altos dende que se implantou nos anos noventa coa Logse.

Así se desprende da última Análise dos principais resultados dos ensinos do sistema educativo non universitario, dados a coñecer polo Ministerio de Educación e que destacan, ademais, que a taxa bruta de poboación que terminou o Bacharelato nese curso foi do 53,4 % (1,3 puntos máis respecto ao anterior), co que se alcanza tamén un máximo dentro da serie histórica.

País Vasco, Asturias, Cantabria, Cataluña e Navarra superaron a taxa bruta do 80 % da poboación graduada en ESO no citado curso mentres que A Rioxa, Baleares, a Comunidade Valenciana e Melilla e Ceuta non alcanzaron o 70 %. As porcentaxes das mozas que promocionan curso na ESO son maiores que as dos mozos, ao redor de 5 puntos, salvo para cuarto da ESO que se eleva a 9,9 puntos.

En Bacharelato, a variación das taxas de titulados entre comunidades oscila entre o País Vasco (69,3 %) e Asturias (64,3 %) ou Baleares (41,5 %) e Ceuta (38,8 %). A porcentaxe de mozas en Bacharelato elévase ao 60,3 %, o que supón 13,4 puntos máis que a dos mozos (46,9 %). Se nos fixamos nos datos dende 1999, o curso 2006-07 foi o que rexistrou a taxa bruta máis baixa de poboación que finalizou a ESO (69,0 %).

Raquel Sardiña Tejada, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 04-04-2015 18:19
# Ligazón permanente a este artigo
Cazadores de eclipses
A pasada semana presenciamos un eclipse solar, isto é un fenómeno producido pola interposición da Lúa entre a Terra e o Sol. Seguro que moitos sentiron curiosidade e se equiparon correctamente para observalo. Pois ben, hai xente que colle un avión coa intención de perseguir ao eclipse, son os chamado cazadores de eclipses, son amantes do ceo cuxo obxectivo é roubar a luz do sol e que están dispostos sempre a percorrer o mundo en busca "do lugar exacto" da Terra no que o astro Rei se oculta por completo tras a Lúa.

Como o verían eles?

Elena Blanco González, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 04-04-2015 18:13
# Ligazón permanente a este artigo
A importancia de consumir aceite de oliva
O aceite de oliva é coñecido como o "ouro líquido" debido non ao seu parecido cromático co metal precioso, senón á gran cantidade de beneficios que achega á nosa saúde.

Dende hai décadas, sabemos que España posúe un patrimonio de alto valor, envexado por todos os países occidentais: a súa dieta. En efecto, a chamada Dieta Mediterránea, aquela que aposta por produtos frescos, receitas elaboradas, tradicionais... é un tesouro que atrae ano tras ano a millóns de turistas ao noso país.

Os nosos son os mellores cociñeiros do mundo. A nosa, a maior variedade de receitas. Dentro desta fama, ningún produto destaca como o aceite de oliva.

En efecto, o zume da oliva está detrás dos nosos máis afamados sabores. Con el fritimos as patacas da nosa tortilla, o rustrido inicial que logo será unha paella. Con el, bañamos as nosas ensaladas, tostadas... Pero todo iso, non conforma por si, o valor real deste produto. Nunha sociedade crecentemente afectada por enfermidades cardiovasculares (froito do estrés, o ritmo de vida...) o Aceite de Oliva, presenta unha amálgama de propiedades que o fan ser un baluarte da saúde.

BENEFICIOS CARDIOVASCULARES: Reduce o colesterol, provoca unha redución do colesterol malo LDL en sen reducir o colesterol bo HDL, beneficia a vasodilatación, é dicir, a circulación sanguínea, mellora a presión arterial, que se ve diminuída, reduce o risco de infarto, non permitindo a oxidación do colesterol.

BENEFICIOS DIXESTIVOS: Diminúe a acidez gástrica, evita a formación de cálculos biliares, favorece a absorción do ferro.

Alba Baltar Janeiro, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 04-04-2015 18:07
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal