Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Un centenar de curtos participarán na sección oficial do IX Festival Curtocircuito, con Romanía como país invitado
Un centenar de curtos foron seleccionados para participar na sección oficial de concurso da IX edición do Festival Internacional de Curtos de Santiago de Compostela 'Curtocircuito', que terá lugar entre o 2 e o 11 de maio e que contará con Romanía como país invitado.

En total, o festival recibiu este ano máis de 2.600 curtos de 89 países para participar na competición oficial e facerse con algún dos premios previstos nas 5 categorías, Concurso Internacional, Concurso Explora-Aqualogy, Concurso Compostelae, Panorama Galicia e Concurso Escolas Galegas-Acme; aos que se suman os premios especiais ao mellor guión da Agag, o premio RTP-Onda Curta e o premio do público.

O programa iniciarase o mércores 2 de maio ás 20.00 horas no Teatro Principal, co acto de inauguración. Durante os días que dure o festival, os organizadores programaron un "completo" programa de actividades paralelas, que concluirán coa clausura, na mesma sede, o día 11.

Entre as actividades, destacan os concertos, como o que ofrecerá a Banda Municipal de Música durante a proxección de 'The Pawn Shop', con Charles Chaplin, o día 2 de maio; o do Dúo Cobra, o 4 de maio na 'Zona C'; o de Toy Dolls e Novidades Carminha o 7 de maio na Sala Capitol; o de Coralie Yap Chine Cuartet en Abastos EGC, o 10 de maio; ou o que ofrecerá Man de Obra o día 11 ás 22.30 horas no Teatro Principal, dentro da gala de clausura.
ROMANÍA

Como país invitado, Romanía protagonizará nesta novena edición de Curtocircuito unha mesa redonda sobre 'O novo cinema romanés', que terá lugar ás 18.00 horas do 10 de maio na Zona C --San Domingos de Bonaval--.

Paralelamente, poderán verse dúas sesións de curtos deste país europeo, El novo cinema romanés' I e II, os días 4 e 8 de maio, por unha parte; e 6 e 10 de maio, por outra; todos na Zona C.

Ademais, terán lugar outras actividades, como un taller de efectos especiais organizado en colaboración coa Fundación Autor, que terá lugar entre o luns 7 e o venres 11 nas instalacións de Salvadas.

O día 11, tamén na Fundación Autor, terá lugar a clase maxistral 'o guión para ciencia-ficción', realizado coa colaboración da Asociación Galega de Guionistas e a cargo do dramaturgo Sergi Belbel.


Victoria Fernández
2º Bach B
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 29-04-2012 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
Despiezan o cachalote de dez metros varado en Praia América

Operarios de Nigrán traballan hoxe na retirada do macho de cacaholte que varou onte en Praia América, no municipio pontevedrés de Nigrán. O especíment, de dez metros de lonxitude, tivo que ser troceado para facilitar o seu traslado, previsiblemente para a súa posterior incineración.
O macho de cachalote foi atopado na mañá de onte xunto á beira e debido ás súas grandes dimensións non puideron evitar que acbara no areal. Especialistas do Cemma trasladáronse á zona para extraer mostras do cadáver. Trátase do segundo rexistro dun cachalote varado en menos dunha semana, xa que hai uns días varou outro exemplar en Malpica.


Elena Seijo
2º Bach B
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 29-04-2012 21:59
# Ligazón permanente a este artigo
Máis de 300 estudantes da UDC protestan cunha sentada polos recortes en educación
A planta 0 da Facultade de Ciencias da Educación foi tomada durante media hora por máis de 300 estudantes, que protagonizaron unha sentada coa que protestaron polos recortes nas bolsas e a subida das taxas universitarias anunciada polo Goberno do PP. A convocatoria, que se repetiu en todos os campus galegos, foi convocada pola agrupación estudantil Iesga, cuxo portavoz na Coruña, Juan Jesús Sánchez, afirmou que «non imos permitir baixo ningún concepto que se ataque os dereitos que ata agora levamos gañados durante todos estes anos. Estase poñendo en perigo o estado de benestar, e estes recortes implican que o ano que ven moitos dos estudantes que agora están presentes non podan estudar debido á ausencia de becas, é a consecuencia que trae este aumento das taxas». Recordou que os graos adaptados a Bolonia obrigan a asistir ás clases presenciais, e que moitos estudantes procedentes de fóra da Coruña non poderán permitirse estudar na UDC por falta de axudas. Por estes motivos, pediu aos reitores galegos que se unan e esixan a Feijoo que non apoie o incremento de prezos das matrícula, xa que recordou que cada comunidade autónoma ten liberdade para decidir como se aplica a norma estatal.


Elena Seijo 2º Bach B
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 29-04-2012 21:58
# Ligazón permanente a este artigo
Antón Reixa é o candidato máis votado nas eleccións da SGAE

A SGAE dará a coñecer en breve os resultados oficiais das eleccións á xunta directiva e a presidencia da sociedade que xestiona os dereitos dunha gran parte dos autores e editores españois.
O galego Antón Reixa, que lideraba a lista de Aunir, foi o candidato máis votado aínda que está por confirmar se conta cunha maioría absoluta ou terá que pactar con algunha das outras listas para acceder á presidencia.

Reyes López
2º Bach B
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 29-04-2012 21:56
# Ligazón permanente a este artigo
Cesa Helena Villar na Fundación Rosalía e denuncia deslealdades no padroado
Helena Villar Janeiro presentou onte o "cesamento irrevogable e a petición propia" na súa responsabilidade como presidenta da Fundación Rosalía de Castro. Así llelo comunicou aos padroeiros da entidade que acudiron ao pleno extraordinario celebrado en Padrón. Nese encontro déuselle leitura a un informe da presidencia e outro da tesouraría, no que se cifra en 139 mil euros o saldo total a favor da Fundación. Tamén se divulgou entre os asistentes o contido da carta de cesamento na que a escritora sinala que "non ten sentido prorrogar a estancia por máis tempo". A decisión de Helena Villar de abandonar a presidencia da Fundación xa fora avanzada, de feito, a semana pasada nas páxinas deste xornal; unha saída que precipitaron as leas internas da institución arredor da distribución dos seus orzamentos. Villar alude a esas informacións sobre ese conflito, publicadas na prensa, "con datos falsos e malintencionados", como un dos motivos da súa partida adiantada. Segundo a escritora, a filtración dos asuntos internos da casa fixo "imposible que eu seguise coa confianza de quen require un labor que non se pode facer a golpe de denuncias nin comunicados de prensa". A Fundación Rosalía –apunta a autora– "é unha institución seria que non pode estar mediatizada, e menos desde dentro, con fins espurios".
Apelando aos novos estatutos da Fundación, aprobados durante a súa presidencia, Villar sinala que os cargos directivos e dos padroeiros non vitalicios nin institucionais teñen unha limitación de oito anos, polo que, aínda que era a súa vontade cesar no cargo durante o derradeiro trimestre de 2012, a deslealdade de certos padroeiros –"coa utilización sesgada do estado de contas, omitindo os ingresos pendentes, sen se axustar á verdade e con afán desestabilizador"– precipitaron a súa marcha.


Victoria Fernández
2º Bach B
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 29-04-2012 21:54
# Ligazón permanente a este artigo
«Un canto e unha luz na noite» estuda o asociacionismo cultural na ditadura
Ramón Villares e Ricardo Gurriarán coincidiron en sinalar que a exposición "Un canto e unha luz na noite" era unha homenaxe ás asociacións culturais que nos últimos quince anos do franquismo dinamizaron o tecido cultural e social de Galicia, superando os atrancos que puña a ditadura.

A exposición coordinada por Ricardo Gurriarán foi ideada, segundo Ramón Villares, «para recoñecer o traballo das xentes e os colectivos pioneiros do asociacionismo cultural». A mostra está organizada polo Consello da Cultura e a Fundación 10 de Marzo e desde hoxe e ata o 13 de maio poderá verse no Museo do Pobo Galego, iniciando despois un percorrido itinerante por distintas cidades de Galicia.

Gurriarán sinalou que a mostra quería recuperar o traballo realizado por asociacións como "O Galo", nada en Compostela en 1961; "O Facho", que se formou en A Coruña en 1963 ou a Asociación Cultural Vigo nacida en 1965. Ademais de documentación, imaxes, publicacións e carteis dos colectivos que traballaban en Galicia, a exposición ofrece nos seus vinte paneis a eclosión do asociacionismo galego no exterior e tamén a multiplicación de asociacións que tivo lugar en Galicia chegando aos anos setenta.

Gurriarán salientou o xeito en que estas asociacións foron penetrando na sociedade «utilizando un quefacer tenaz e unha metodoloxía prudente que supuxo os primeiros pasos na construción dunha cultura nacional».

Segundo o seu coordinador, a mostra está baseada na recollida de preto de 20.000 documentos que agora, en versión dixital, xa están a disposición dos investigadores nos fondos do Consello da Cultura Galega e tamén nas entrevistas realizadas con persoeiros que foron promotores de asociacións ou participaron nas actividades levadas a cabo durante os anos da ditadura en Galicia.


Alba Muñoz López ( estudante de Grao en Lingua e Literatura Galegas)
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 29-04-2012 21:53
# Ligazón permanente a este artigo
O veleno dos animais podería ter propiedades curativas
Xerar novos fármacos a partir de velenos de animais para aplicalos en patoloxías como a diabetes, cancro, obesidade, dor ou enfermidades cardiovasculares é o obxectivo do proxecto Venomics, presentado hoxe en Valencia e do que forman parte entidades de cinco países europeos.
Este proxecto, que se iniciou en novembro de 2011 e prolongarase ata o 2014, conta cun orzamento de 9,1 millóns de euros, 6 deles financiados pola Unión Europea, e supón, segundo os seus impulsores, a "iniciativa máis grande ata o momento neste campo en todo o mundo".
Un dos obxectivos do proxecto é crear un banco de 10.000 moléculas sintéticas derivadas de velenos que poidan erixirse en fontes de desenvolvemento de novos medicamentos.
Na actualidade hai comercializados tres medicamentos que proceden de velenos animais, o antihipertensivo captopril ou os fármacos utilizados para o tratamento do infarto de miocardio tirofiban e eptifibatinda, derivados de velenos de serpes, así como outros cinco en distintas fases de ensaio clínico.
"Parécenos fascinante contribuír cunha novo paradigma na procura de novas moléculas", asegurou Mayte Gil, responsable de Proxectos e Relacións Institucionais de Sistemas Xenómicos, quen agregou que na actualidade "requírese e esixe un cambio de paradigma na forma de buscar novas terapias".

Sara Álvarez González
1ºA Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 29-04-2012 17:07
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxean a Antonio Casares no Día do Científico Galego
O Día do Científico Galego congregou a tarde do 24 de Abril na sede da Real Academia Galega de Ciencias a representantes institucionais da ciencia, a cultura e a política para render homenaxe á figura de Antonio Casares, coñecido como o 'pai da Química galega', con motivo do 200 aniversario do seu nacemento.

Home "polifacético", como o definiu o seu tataraneto, o actual reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Casares Long, Antonio Casares foi unha persoa "dedicada á ciencia e á química aplicada", dixo o reitor en declaracións a Efe. Entre outras anécdotas do seu antepasado familiar, Casares Long recordou que Antonio Casares experimentou no seu propio corpo, e por segunda vez na historia do Medicamento, os efectos do éter como anestésico.

O reitor tamén sinalou que o seu tataravó, que era un gran afeccionado á electroquímica, anticipouse ás compañías eléctricas ao introducir a luz na cidade de Santiago de Compostela. Engadiu que un dos experimentos que levou a cabo foi a instalación dun arco voltaico ou arco eléctrico para iluminar un dos históricos edificios da Universidade compostelá, un experimento que repetiría en xullo do mesmo ano 1851 con motivo da noite de San Juan.

Sara Álvarez González
1ºA Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 29-04-2012 17:07
# Ligazón permanente a este artigo
A danza galega reclama á Agadic o seu plan para o centro coreográfico
Unha intervención nas salas do Centro Galego de Arte Contemporánea deu comezo aos actos do fin de semana dedicados a conmemorar o Día Internacional dá Danza. Organizada por Danesga, asociación que agrupa ás compañías de danza en Galicia, a intervención serviu como quecemento para a lectura do manifesto preparado polo colectivo galego e no que, unha vez máis, volve lembrar a pésima situación do sector.

A asociación considera que até hai un ano a danza gozaba de certa saúde, pero ese «crecemento vese agora deteriorado polo escaso apoio do Goberno, dá Agadic e do Centro Coreográfico Galego». Entre as reclamacións do colectivo, a primeira é a publicación por parte de Agadic do plan que goberne ao CCG, ao que consideran un centro «escurantista e falto de rigor». Consideran desde Danesga que ningún dos principios que rexen ao CCG están a cumprirse na actualidade e que o labor do equipo directivo foi «precaria e pouco transparente co sector». O colectivo pregúntase como están xestionados os 400.000 euros de orzamentos con que conta esta entidade.

Elena Corral Fernández
1ºA Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 29-04-2012 17:06
# Ligazón permanente a este artigo
O Goberno elevará ata 680.000 euros a asignación da Academia
Os Presupostos Xerais do Estado destinarán, finalmente, 682.000 euros para financiar a Real Academia Galega. Esta nova cifra supón un incremento de 301.000 euros sobre a partida de arredor de 380.000 euros prevista inicialmente para a RAG, e que a deixaba a moita distancia das cantidades consignadas para as institucións académicas vascas ou catalá ou mesmo doutras academias nacionais doutros xéneros.
Na tarde de onte presentáronse diferentes emendas pedindo a equiparación das asignacións que debe recibir a Real Academia Galega ao longo deste ano procedentes do Ministerio de Educación y Cultura con outras institucións. Deste xeito, tanto PP, PSOE como BNG presentaron peticións neste sentido, nas que se pedía un trato máis igualitario da corporación galega coas outras academias.
O propio Partido Popular presentou na tarde de onte a súa proposta para que as institucións académicas catalá, vasca e galega teñan o mesmo trato económico nos Presupostos Xerais do Estado. Segundo esta emenda presentada onte no Congreso dos Deputados, a Real Academia Galega recibirá 301.000 euros adicionais sobre o montante inicial previsto, de maneira que no texto definitivo dos orzamentos figurarán as academias ou institucións homólogas cunha cifra similar de 682.000 euros de dotación por parte do Goberno central.
A introdución da emenda por parte do grupo parlamentario do PP, con maioría absoluta na cámara, pode considerarse xa como definitiva e, segundo fontes deste partido, supón devolver á Real Academia ao lugar que xa se conseguira para ela nos presupostos anteriores, os primeiros que equiparaban a dotación económica para a RAG coas outras academias.
A proposta do PP supón, segundo o partido no Goberno, un recoñecemento para o carácter e a importancia que ten a institución que preside Xosé Luís Méndez Ferrín.
A partida de 682.000 euros asignada finalmente á RAG reduce o millón de euros que tivo o pasado ano, pero este recorte será similar ao que o Goberno aprobou para todas as institucións académicas e, segundo fontes do PP, supón un axuste noutras partidas do ministerio. A Xunta amosou onte a súa satisfacción pola tramitación da emenda, que «representa as xestións realizadas polo Goberno autónomo e o seu compromiso coa Real Academia».

Elena Corral Fernández
1ºA Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 29-04-2012 17:05
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal