EDLfranciscanasOurense


Blog do EDL do Colexio Plurilingüe Divina Pastora de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Galicia mostra a súa conmoción e condena os atentados en Bruxelas
Multitude de municipios, institucións e organismos participaron no mediodía deste mércores en concentracións de repulsa para condenar os atentados perpetrados o martes no aeroporto e o metro de Bruxelas, que se saldaron con 31 falecidos e máis de 200 feridos. Os minutos de silencio e actos de condena sucedéronse ante o Parlamento de Galicia, a Xunta, as deputacións provinciais ou a Delegación do Goberno en Galicia.

Así mesmo, multitude de concellos uníronse á convocatoria realizada pola Femp e a Fegamp para expresar o seu rexeitamento á violencia e o apoio ás vítimas e ás súas familias. Así, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu o minuto de silencio que gardaron ás 12,00 horas membros da Administración autonómica ante o edificio de San Caetano, as bandeiras da cal ondeaban a media hasta en sinal de do. A práctica totalidade dos conselleiros e outras autoridades do Goberno acompañaron traballadores nunha concentración de repulsa que contou tamén coa participación da presidenta do CES, Corina Porro. A protesta concluíu cun aplauso.

Posteriormente, Núñez Feijóo arrancou a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta trasladando a "conmoción" do Executivo galego ante os atentados de Bruxelas. "Máis que nunca, como galegos, españois e europeos creemos na liberdade, fronte a quen nos quere dividir", dixo o presidente, quen adiantou que as nacións democráticas non "aceptarán de ningún modo calquera fanatismo criminal que poida rematar" coa vida de cidadáns europeos". Na sala de prensa, as bandeiras tamén ondearon a media hasta.

Selena González, 1º A de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 24-03-2016 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
Ourense afronta a Semana Santa con 100 % de ocupación nos hoteis
Pola súa situación de provincia de interior Ourense non é un destino turístico de primeira, nin tampouco é un referente para os asiduos das procesións e actos relixiosos da Semana Santa pero, aínda así, as previsións para os próximos días festivos son moi optimistas.

Tras os bos resultados do ano pasado, espérase que este ano se manteña a tendencia e que a provincia se sitúe aos poucos no mapa do turismo nacional. Onte mesmo xa era imposible atopar habitación en máis de dous hoteis da capital e as alternativas obrigaban a desprazarse a outras localidades próximas para pernoitar, como San Cibrao das Viñas. Esas boas previsións non afectan só á capital, senón tamén a vilas como Allariz e mesmo a establecementos de turismo rural e balnearios, alternativas que tamén teñen unha demanda á alza e nas que se espera tamén colgar o cartel de «completo».

Sara Fernández, 1º A de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 24-03-2016 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
A POLICÍA BUSCA AO MOZO FERROLÁN QUE DESAPARECEU O VENRES EN SANTIAGO
O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, indicou hoxe que a Policía Nacional está a efectuar "as procuras correspondentes" para tratar de localizar a un mozo de 24 anos desaparecido desde o venres despois que se lle perdese a pista en Compostela.

"Esperábaselle o sábado para que volvese en tren, non volveu e aí empezou a preocupación", explicou Villanueva, quen indicou que o Corpo de Policía traballa para tentar localizar algunha pista que lles leve ao seu paradoiro. O mozo ferrolán, de 24 anos, estuda Bioloxía na universidade de Santiago de Compostela e estaba previsto que viaxase en tren, pero non o fixo e ninguén tivo noticias del, nin familiares nin amigos. Actualmente, familiares e amigos de Brais Bogo iniciaron "unha campaña de pegada de carteis", tamén a través das redes sociais, para tratar de dar co seu paradoiro.

Desde o venres, o móbil do novo, cuxa familia puxo os feitos en coñecemento das autoridades policiais, permanece apagado e os seus coñecidos acharon no seu domicilio "a carteira e efectos persoais", comentou Villanueva. Ademais da pegada de carteis, o delegado de Goberno fixo un chamamento para que "calquera persoa que o vexa se poña en contacto coa policía ou a través do 112". O delegado manifestou a súa confianza en que o caso se poida resolver "de forma positiva" e que o mozo apareza. A última vez que houbo noticias del foi o venres pasado.Bo mozo mide 1,70, leva o pelo longo, ten lentes e, ademais, vestía cazadora negra.

Nuría Vázquez Gómez, 1º A de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 24-03-2016 21:15
# Ligazón permanente a este artigo
A RAG leva perante o Tribunal de Estrasburgo o decreto do plurilingüismo

A Academia presentará unha demanda perante o Europeo de Dereitos Humanos contra o decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario, coñecido popularmente como ‘decretazo’. Farao como "novo paso na defensa dos dereitos lingüísticos das crianzas en idade escolar e por encomenda de nais e pais" , segundo sinalou nun comunicado de prensa a institución após o acordo plenario adoptado o 17 de marzo.

Segundo a RAG o decreto 79/2010 e varias das decisións tomadas ao longo do procedementos xudiciais seguidos contra esta norma ante o TSXG, o Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional vulneran "os dereitos fundamentais recollidos no Convenio Europeo para a protección dos Dereitos Humanos".

Desde as familias e a Academia sinalan que "despois de cinco anos de aplicación comprobamos que a norma vulnera o dereito a ser iguais dos nosos fillos e fillas con independencia da lingua" e "afonda na desigualdade histórica" o que "conduce a enormes dificultades para exercer o dereito a falar galego, e a levar unha vida en galego como persoas adultas". Imposibilidades que, sinalan, "son imposíbeis de superar para nenos e nenas en idade escolar aos que se lles transmite a idea de que a súa lingua non é útil", recolle a carta remitida por familiares á RAG.

Neste senso, a Academia sinala que "desde a súa aprobación" decidiron "esgotar todas as vías xudiciais contra unha norma que infrinxe a legalidade, lesiona os dereitos das persoas galegofalantes e está en flagrante contradición co compromiso que o Reino de España suscribiu ao asinar a Carta europea de linguas rexionais e minoritarias". Descarte, lembran que "o propio Consello de Europa manifestou o pasado mes de xaneiro a súa preocupación polo efecto negativo da "redución gradual" do galego no ensino de Galiza". Unha valoración recollida no informe elaborado a respecto da aplicación da Carta e no que se subliña que no ensino infantil o galego só está presente no 6,57% das poboacións con máis de 50 mil habitantes.

Ana García Barandela, 2º de Bacharelato.
Comentarios (1) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 20-03-2016 20:32
# Ligazón permanente a este artigo
Dolores Macías e Mini e Mero, Mestra e Mestres da Memoria
Este sábado celébrase en Lugo a Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, na que se recoñecerá os seus méritos na recuperación da cultura popular.

A gala tivo lugar o sábado 19 ás 19 horas na Casa do Saber. Neste evento fíxose entrega dos IV Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se concede a dous informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional.

A AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a literatura de tradición oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», tivo lugar o 19 de marzo, na xornada previa ao Día da Narración Oral.

A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, aprobada pola asemblea da AELG, foi a de outorgar os premios de 2016 a Dolores Macías Pose e Mini e Mero. No acto, ademais dos premiados, intervirán o grupo de gaiteiros Lúa chea de San Xoán, o acordeonista Eloi Mato, Matilde Vilariño e Francisco Almuíña.

Sandra Tornero Belloso, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 20-03-2016 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
Morren 13 universitarias nun accidente de autobús en Tarragona
O número de vítimas mortais no accidente de autobús de hoxe en España é de trece persoas e todas son mozas estranxeiras, confirmou o ministro español de Interior, Jorge Fernández Díaz, sen detallar as nacionalidades.

O ministro informou de que se están levando a cabo as tarefas de identificación e contacto coas familias, e a partir de aí comezará o procedemento de repatriación, que se inicia agora e probablemente durará días.

No autobús sinistrado viaxaban estudantes de Perú, Bulgaria, Polonia, Irlanda, Palestina, Xapón, Ucraína, a República Checa, Nova Zelandia, o Reino Unido, Italia, Hungría, Alemaña, Suecia, Noruega e Suíza.

O autocar levaba en total a 56 estudantes de Erasmus -programa de intercambio universitario de estudantes estranxeiros- de diversas nacionalidades que volvían de ver a Noite do Lume das festas das Fallas de Valencia, e chocou cun coche.

O sinistro produciuse pouco antes das 6 da mañá, cando un vehículo da empresa Autocares Alejandro, de Mollet do Vallès (Barcelona), que circulaba en sentido Barcelona e que transportaba a 57 persoas, perdeu o control tras un volantazo, atravesou a mediana e envorcou en sentido sur, chocando con outro vehículo, cuxos dous ocupantes resultaron feridos.

O conselleiro de Interior da Generalitat, Jordi Jané, achacou inicialmente a un "erro humano" a causa do accidente.

Lucía Vázquez Nóvoa, 1º B de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 20-03-2016 19:55
# Ligazón permanente a este artigo
SANTIAGO ACOLLERÁ UNHA NOVA ESCOLA INFANTIL AUTONÓMICA CONSTRUIDA POLA FUNDACIÓN AMANCIO ORTEGA.
A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou este venres a cesión ao Consorcio Galego de Benestar dunha parte segregada dunha parcela de titularidade municipal do SUNP-13 do Castiñeiriño, para a construción dunha escola infantil autonómica. O centro será construído pola Fundación Amancio Ortega, e terá cando menos 6 unidades e 80 prazas.

Segundo o acordo, as obras de construción deberán comezar nun prazo de seis meses dende a obtención das licenzas necesarias, e deberán estar rematadas no prazo dun ano desde o inicio dos traballos. En todo caso, a escola deberá estar rematada o 30 de marzo de 2018, para entrar en funcionamento en setembro de 2018.

O alcalde explicou que o próximo paso antes de executar o proxecto será a sinatura dun convenio entre o Concello, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Irene Iglesias Bastos, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 20-03-2016 19:54
# Ligazón permanente a este artigo
Unha gran homenaxe a Neira Vilas pon en valor a súa achega á cultura galega
A homenaxe póstuma oficial ao escritor Xosé Neira Vilas celebrada onte no Gaiás serviu para afondar na contribución que o autor de Memorias dun neno labrego fixo á cultura galega, tanto dende América, onde pasou gran parte da súa vida emigrado, como despois dende a súa aldea natal de Gres (Vila de Cruces), onde creou a fundación que leva o seu nome. Aos actos, que estiveron encabezados polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, ademais de representantes políticos e de institucións culturais, acudiron numerosos escritores así como os seus propios veciños, ata encher a sala do museo da Cidade da Cultura.

O presidente da Xunta eloxiou a herdanza deixada polo autor cruceño, que faleceu o pasado 27 de novembro, incidindo en que logrou converter o seu Gres natal nun «epicentro da literatura universal», xa que Balbino está no Olimpo literario xunto a outros nenos célebres da literatura mundial como Tom Sawyer ou Oliver Twist. Núñez Feijoo tamén destacou que grazas a Neira Vilas «sabemos como eramos» e indicou que o autor seguirá agora presente «no seu legado e, sobre todo, nos seus lectores».

Antía Ramos Gallego, 1º A de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 20-03-2016 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
Unha muller falece tras o erro dos médicos ó confundir un cancro cun embarazo
Demi Wright, unha británica de 22 anos, faleceu vítima dunha agresiva forma de cancro que os médicos confundiron nun primeiro momento cun embarazo. Segundo recollen varios diarios, a moza empezou a notar dores nun costado o pasado novembro. Cando foi ao hospital, detectaron altos niveis dunha hormona (HGC) que habitualmente se relaciona co embarazo. Desta forma, programouse unha ecografía para unhas semanas máis tarde, coa intención de observar a evolución do feto. Cando chegou o día da proba, non atoparon o bebé, polo que lle realizaron unha laparoscopia. Foi aí cando acharon o tumor no fígado. O cancro era terminal. A moza faleceu só tres semanas máis tarde.

Segundo explicaron os expertos, esta hormona, a HGC, aínda que usualmente aumenta os seus niveis no corpo debido a estar embarazada, tamén pode crecer en certos tipos de cancro, como o de ovario ou o de fígado.

Kelly Pousa Veloso, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 20-03-2016 18:23
# Ligazón permanente a este artigo
O ano comezou en Galiza cun aumento nos sinistros laborais graves e mortais

O 2016 entrou con malos datos de sinistralidade laboral na Galiza e iso que o 2015 despediuse batendo récords en canto accidentes laborais: Entre xaneiro e decembro (ambos inclusive) faleceron en Galiza 64 persoas por sinistros laboral. En todo o 2014 a cifra de traballadores mortos foi de 59. En 2013 foron 47 e en 2012, 45. Así pois, Galiza acumula catro anos consecutivos de aumento nas cifras de mortalidade por sinistralidade no traballo.

Xaneiro deixou un total de 1.780 sinistros laborais de carácter leve no noso país, un lixeiro descenso respecto do mesmo mes 2015 (rexistráranse 1.795). Mais en sinistros graves houbo un aumento: 37 en xaneiro de 2016 -máis dun cada día- fronte aos 24 de 2015 e os 29 de 2014. Un aumento do 54%. A maior parte dos sinistros graves decorreron no sector servizos (14), seguidos da pesca (8), da agricultura e industria (6 en cada un) e da construción (3 accidentes).

Tamén nos accidentes con resultado mortal xaneiro comezou peor que este mes de anos anteriores. O primeiro mes do ano deixou 3 traballadores mortos en sinistros laborais, un máis que en xaneiro de 2015 (2 falecidos). En xaneiro de 2014 morrera un traballador.

De 2010 a 2104, morreron no noso país 268 traballadores, unha media de un por semana. Aliás, o número de accidentes de carácter grave foi de 2.403, o que supón dez por semana, máis dun por día.

Sofía Fernández Martínez, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 20-03-2016 18:17
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal