Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A muller no cine
Quen non recorda a Katharine Hepburn abríndose camiño nun mundo laboral absolutamente masculino en A muller do ano, A Elizabeth Taylor mostrando descarnadamente a súa frustración sexual en A gata sobre o tellado de cinc, a Rita Hayworth interpretando a unha muller fatal en A dama de Shangai ou á inmortal Greta Garbodando vida a unha férrea comisaria comunista en Ninotchka? Cada unha delas interpretou ao longo da súa carreira a decenas de mulleres concretas, cos seus nomes e apelidos, pero tamén, e moi a miúdo, distintos modelos e estereotipos de muller.

Co motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, TCM dedica a programación de tódolos sábados e domingos do mes a películas protagonizadas ou dirixidas por mulleres. Un mosaico de títulos nos que se pode apreciar como se desenvolveu a vida, o traballo e a reivindicación dos dereitos das mulleres ao longo da historia. Unha programación especial que se completa cunha entrevista na que a escritora e guionista Elvira Lindo explica a súa visión sobre os personaxes femininos no cine e o traballo daquelas actrices que máis a influíron persoalmente.

A Elvira Lindo, por exemplo, non lle gusta falar de cine ou de escritura exclusivamente feminina. "Non sei se se nota que o que eu escribo o escribe unha muller. Tampouco quero ocultalo pero creo que hai tamén directores ou escritores que teñen unha mirada moi feminina ou próxima á vida da muller". Nese sentido, gústalle citar á premio Nobel de Literatura, Alice Munro, cando di que crea personaxes femininos porque é o mundo que mellor coñece, pero que as súas mulleres son de todo tipo. Non ten un paradigma moral para deseñalas.

E por que aínda hoxe en día hai tan poucas directoras de cine? Elvira Lindo pensa que, no futuro, haberá moitas máis realizadoras, como acontecerá nos altos postos executivos das empresas. Non obstante, fala de certa resistencia por parte dalgunhas mulleres a dar un último paso. "No meu caso non dei o salto á dirección por certa preguiza. Tería que abandonar moitas cousas da miña vida e da miña liberdade para dedicarme a un traballo que é moi absorbente. Non sei se tivese podido responder a tanto requirimento, non só técnico senón tamén psicolóxico", argumenta.

Pero como guionista ten unha cousa clara. "As mulleres somos a metade da poboación e non hai un só estereotipo feminino, senón tantos como mulleres haxa sobre a Terra".

Lara Rodríguez Pardo, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 09-03-2015 01:17
# Ligazón permanente a este artigo
Que revela de verdade un aperto de mans?
Cando unha persoa nos da a man para saudarnos cortesmente, valoramos ao instante a forma na que o fai. Se a extende con firmeza ou é moi frouxa, se o xesto dura moito ou pouco... Toda esa información forma parte da comunicación non verbal e pode axudar a formarnos unha primeira impresión do suxeito que temos diante. Pero un aperto de mans esconde moito máis.

Despois dun curioso experimento, investigadores do Instituto de Ciencia Weizman chegaron á conclusión de que este saúdo orixinouse como unha forma de coñecemento do outro e mantívose no tempo porque durante o mesmo trasmítense sinais químicas. Algo así como o que fan os cans e outros animais cando se atopan, pero, por mor das nosas pulcras convencións sociais, moito máis sutil.

No experimento, publicado en eLife, participaron unhas 280 persoas que foron recibidas con ou sen un aperto de mans. Cámaras ocultas gravaron a escena para comprobar cantas veces se tocaban a cara. Resulta que a xente olfatea constantemente as suas propias mans mantendo éstas no nariz cerca do 22 por cento das veces.

O máis curioso é que os individuos que foron recibidos cun aperto de mans incrementaron significativamente o xesto de tocarse a cara coa súa man dereita. Porén, o traballo especifica que este comportamento só parece suceder cando o suxeito ao que se saúda é do mesmo sexo.

«O aperto de mans é un método coñecido para transmitir unha variedade de información en función da duración do xesto, a súa forza e a postura usada. Nós sostemos que evolucionou ata servir como unha das numerosas maneiras de 'degustar' produtos químicos entre as persoas, e que todavía serve a este propósito nunha parte moi significativa, aínda que de forma subliminal», concluiu Sobel.

Raquel Sardiña Tejada, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 09-03-2015 01:08
# Ligazón permanente a este artigo
8 de marzo, Día Internacional da Muller
“A muller é a compañeira do home, dotada coa mesma capacidade mental... Se por forza se entende poder moral, entón a muller é infinitamente superior ao home... Se a non violencia é a lei do noso ser, o futuro está coas mulleres...” Mahatma Gandhi.

Un 8 de marzo de 1857, un grupo de obreiras téxtiles tomou a decisión de saír ás rúas de Nova York a protestar polas míseras condicións nas que traballaban.

Distintos movementos sucedéronse a partir desa data. O 5 de marzo de 1908, Nova York foi escenario de novo dunha folga polémica para aqueles tempos. Un grupo de mulleres reclamaba a igualdade salarial, a diminución da xornada laboral a 10 horas e un tempo para poder dar de mamar os seus fillos. Durante esa folga, pereceron máis dun centenar de mulleres queimadas nunha fábrica de Sirtwoot Cotton, nun incendio que se atribuíu ao dono da fábrica como resposta á folga.

En 1910, durante a Segunda Conferencia Internacional de Mulleres Traballadoras celebrada en Copenhaguen (Dinamarca) máis de 100 mulleres aprobaron declarar o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora.

O Día Internacional da Muller é unha data que se celebra en moitos países do mundo. Cando as mulleres de todos os continentes, a miúdo separadas por fronteiras nacionais e diferenzas étnicas, lingüísticas, culturais, económicas e políticas, se unen para celebrar o seu día, poden considerar unha tradición de non menos de noventa anos de loita en pro da igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento.

O Día Internacional da Muller refírese ás mulleres correntes como artífices da historia e afunde as súas raíces na loita plurisecular da muller por participar na sociedade en pé de igualdade co home. Na antiga Grecia, Lisístrata empezou unha folga sexual contra os homes para poñer fin á guerra; na Revolución Francesa, as parisienses que pedían "liberdade, igualdade e fraternidade" marcharon cara a Versalles para esixir o sufraxio feminino.

A idea dun día internacional da muller xurdiu ao final do século XIX, que foi, no mundo industrializado, un período de expansión e turbulencia, crecemento fulgurante da poboación e ideoloxías radicais.

Elena Blanco González, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 09-03-2015 01:00
# Ligazón permanente a este artigo
Amárrate a un bo almorzo
Almorzar é un bo costume que require moi pouco tempo. Tan só necesitas 15 minutos para gozar dun estimulante e saboroso almorzo. O teu organismo agradeceracho; a túa mente e o teu corpo renderán o dobre.

O infinito debate sobre a importancia dun bo almorzo non nos abandona. É tan importante un almorzo san e abundante como din? Efectivamente así é; de feito, o almorzo é a comida máis importante do día.

Cando espertamos pola mañá, o corpo necesita nutrientes e vitaminas para comezar as súas funcións normais. O almorzo aumenta a túa enerxía dende primeira hora da mañá.

O almorzo axúdache a controlar a fame que sentes durante o día. Os que toman o almorzo regularmente tenden a consumir menor cantidade de calorías ao longo do día. Cun almorzo san, tamén estás a coidar da túa saúde psíquica, xa que axuda a reducir os efectos negativos do estrés. Ademais, estarás a axudar a mellorar a túa memoria e a túa capacidade de concentración. Esta comida estimula o metabolismo e o proceso de queimar calorías, particularmente se mantés un estilo de vida saudable.

Saltarse o almorzo pode supoñer decaemento, falta de concentración e mal humor debido ao déficit de glicosa (o noso principal combustible enerxético) que produce o xaxún.

Hai que recordar que a primeira hora da mañá o organismo leva xa entre 8 e 10 horas sen recibir ningún alimento. A falta de glicosa empurra ao noso corpo a queimar outras reservas enerxéticas, o que causa múltiples alteracións no normal funcionamento orgánico.

Numerosos estudos, sobre todo en nenos e adolescentes, demostraron que non almorzar, en vez de axudar a adelgazar, produce tendencia á obesidade debido a que ao longo da mañá terás moita máis fame e posiblemente comas produtos menos sans.

Alba Baltar Janeiro, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 09-03-2015 00:53
# Ligazón permanente a este artigo
Joaquín Sabina actuará na Coruña no décimo aniversario do seu disco ’19 Días e 500 Noites’
O cantante Joaquín Sabina ofrecerá un concerto na Coruña no marco do décimo aniversario do seu disco ’19 Días e 500 Noites’, que volverá levarlle á estrada neste 2015.
En concreto, o seu único recital en terras galegas terá lugar no Coliseum da cidade herculina o próximo día 26, sendo un dos primeiros entre apenas unha vintena de concertos por toda a xeografía española. A continuación, a xira visitará a República Mexicana, Colombia, Panamá e Ecuador durante o próximo mes de maio.
Ademais, Sabina acaba de publicar un dobre CD+DVD que recolle máis de dúas horas da actuación que ofreceu o pasado mes de setembro no Luna Park de Bos Aires (Arxentina), dentro da mesma xira.

Sara Rodríguez Novoa, 2º bacharelato, B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 08-03-2015 19:42
# Ligazón permanente a este artigo
A ONU PIDE PROTECCIÓN PARA OS XORNALISTAS
O presidente da Asemblea Xeral da ONU, Sam Kutesa, chamou hoxe a todos os Gobernos do mundo a garantir a seguridade dos xornalistas e a perseguir os crimes que se cometen contra eles .
Cada día, en todo o mundo," xornalistas poñen as súas vidas en perigo para botar luz sobre asuntos importantes, recordou o presidente da Asemblea Xeral, que destacou que os profesionais da información contribúen a crear sociedades "abertas e transparentes" dando voz "a aqueles que non a teñen".
Segundo datos da ONU, na última década, 700 xornalistas morreron traballando e moitos máis foron vítimas de intimidación, detencións, acoso, secuestro e tortura .
"Cada vez que estes crimes quedan sen castigar, impulsan un clima de medo e impunidade e privan os xornalistas da súa liberdade", sinalou Kutesa. Por iso, esixiu a todos os Estados membros "que tomen todas as medidas necesarias para promover un ambiente de traballo seguro para os xornalistas e persigan os crimes contra eles".

Carlos Seoane Martínez, 2º bacharelato, B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 08-03-2015 19:41
# Ligazón permanente a este artigo
'O amor non ten etiquetas', o vídeo que anima a sacudirse os prexuízos
Unha pantalla xigante de raios X situada en Santa Mónica (California) reunía a decenas de persoas o pasado San Valentín. Tras ela había dúas persoas bicándose, abrazándose, bailando... pero os espectadores só podían ver os seus esqueletos, sen ningunha pista sobre que se escondía detrás. A sorpresa chegaba cando se descubría que as parellas eran de persoas do mesmo sexo, de diferente raza, de diferentes relixións, de idade avanzada, etc. Tratábase dun acto da campaña Love Has Not Labels (O amor non ten etiquetas) contra a discriminación. Mentres as decenas de espectadores asistían ao "experimento", unha cámara gravaba o momento e o resultado xa conseguiu millóns de espectadores. Colgado o pasado martes 3 de marzo, este xoves a mediodía xa sumaba 14 millóns de reproducións e crecía a gran velocidade (máis dun millón de visualizacións cada media hora). Detrás está Ad Council, unha organización sen ánimo de lucro que realiza campañas para ONG's e gobernos con fins sociais. "Antes que outras cousas, todos somos humanos. É tempo de abrazar a diversidade. Deixa as etiquetas a un lado, en nome do amor", é o recibimento da web lovehasnolabels.com na que se enmarca a campaña. A acción está financiada por oito organizacións, entre ellas Human Rights Campaign ou a Liga Anti-Difamación. Na web, ofrecen consellos para intentar loitar contra eses prexuízos no traballo, en público ou no colexio. Tamén propoñen un test para que os lectores reflexionen sobre actitudes discriminatorias que fan de xeito inconsciente. "Se ben a gran maioría dos estadounidenses consideran que non teñen prexuízos, moitos de nós xulgamos precipitadamente os demais sobre a base do que vemos: raza, idade, sexo, relixión, sexualidade ou minusvalidez. Os prexuízos inconscientes (chamados nesgos implícitos) teñen profundas implicacións en como vemos e interactuamos cos que son diferentes a nós. Poden dificultar a unha persoa encontrar traballo, conseguir un préstamo, alugar unha vivenda ou ter un xuízo xusto, perpetuando as desigualdades na sociedade estadounidense", di na súa descrición de Youtube. Ad Council realizou outras campañas sobre inclusión, seguridade alimentaria e oportunidades para a comunidade latina, pero ningunha tivera un éxito como esta. "Decidimos levala a cabo porque nos pareceu que era moi importante animar a xente a examinar os seus prexuízos inconscientes", dixo Lisa Sherman, a presidenta de Ad Council, nunha entrevista. "A pesar dos progresos que fixemos en EUA, seguimos tendo moito traballo por facer".

Ana Martínez Fernández, 2º bacharelato, B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 08-03-2015 19:39
# Ligazón permanente a este artigo
Elefante Elegante conducirá a gala de entrega dos XIX Premios María Casares.
Elefante Elegante será a compañía encargada de conducir a gala dos XIX Premios María Casares, que se celebrará o próximo 26 de marzo, véspera do Día Mundial do Teatro, no Rosalía de Castro da Coruña.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade organizadora dos galardóns, confíalle a dirección artística e a condución da gala á compañía fundada en 2007 por María Torres e Gonçalo Guerreiro.

A compañía, que xa traballa nos detalles do espectáculo, propón uns XIX Premios María Casares nos que a ambientación e a inspiración nacerán do concepto de viaxe e das súas diferentes perspectivas.

“A gala servirá así de espello para esa forma de vida dos actores, que vivían como viaxeiros forzados nunha época na que se movían polo mundo en ‘troupe’, sinala a propia María Torres, que engade que esa dimensión de viaxe “entronca” cunha serie de ideas que queren tratar durante a gala, como son “a itinerancia como modo de vida, a emigración e a multiculturalidade”.

A compañía, ademais, contará coa música en directo de Kibitka, formación multiinstrumental que nutre o seu repertorio con sons de Armenia, Belorrusia, Moldavia, Rusia e Galicia.

“A banda sonora que achegará Kibitka ofrecerá a ambientación perfecta para estes María Casares viaxeiros”, destaca a organización nun comunicado de prensa.

Pola súa banda, Torres asegura que recibe o encargo da AAAG como “unha honra”. “É, ademais, un reflexo da valoración que se fai do noso traballo, do camiño recorrido nestes anos en Galicia”, resalta a codirectora de Elefante Elegante.

Beatriz Pereiras López, 2º bacharelato, B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 08-03-2015 19:36
# Ligazón permanente a este artigo
A Universidade recorda a "espontánea" despedida en galego de Otero Pedrayo e eloxia o seu compromiso coa educación.
Decenas de persoas homenaxearon este martes en Santiago o compromiso coa educación, a lingua e a cultura galegas de Ramón Otero Pedrayo nun acto, no que conmemoraron o 57 aniversario da súa última intervención na Universidade de Santiago como catedrático, un discurso que realizou de forma "espontánea" por vez primeira na súa lingua materna, o galego.

O evento, organizado de forma conxunta pola USC e a Fundación Otero Pedrayo, celebrouse no Paraninfo universitario, o mesmo lugar no que o intelectual galego pronunciou o seu 'Última lección' ante alumnos, exalumnos, amigos e admiradores o 5 de marzo de 1958.

Ante un auditorio repleto de decenas de estudantes, o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Víctor Freixanes, eloxiou a figura do intelectual ourensano, asegurando que foi "unha bomba nuclear ao servizo dunha causa: a cultura galega". "Se tivese que elixir unha palabra para definir a súa figura utilizaría a palabra enerxía, era enerxía en estado puro", sinalou.

Do mesmo modo, destacou da súa personalidade a súa preferencia por "falar sempre de futuro" e fixarse, sobre todo, "nas novas xeracións".

DISCURSO EN GALEGO

Dende a tribuna de oradores, como no seu día fixo Otero Pedrayo, o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, recordou a valentía que o catedrático demostrou esa xornada ao realizar o seu discurso en galego, algo inédito no ámbito académico durante a ditadura franquista.

Alonso Montero asistiu esa xornada ao discurso de Otero Pedrayo "de pé", dado que o Paraninfo, como este martes, se enchera para oír a que sería a "última lección" do "mestre aos seus alumnos", recordou o presidente da RAG.

"Ese día tiven o privilexio de oír por primeira vez unha conferencia académica proferida dende unha tribuna en galego", indicou Alonso Montero, que recordou os sentimentos de "desconcerto" e "emoción" que lle produciu escoitar a Otero Pedrayo falar en galego e o tempo que el mesmo levaba desexando oilo falar "na lingua dos seus pais".

Nunha época na que o "preceptivo" a nivel académico era empregar o castelán, a asistencia ao discurso dun catedrático en galego produciu no agora presidente da RAG unha "emoción" tan profunda que levou a un segundo plano o contido.

"Cando me preguntan de que falou Otero Pedrayo ese día sempre digo: eu recordo a música, pero non a letra", afirmou Xesús Alonso Montero, para quen utilizar este idioma supuxo unha defensa a ultranza da cultura galega. "Falou coma se que falase fose o Pórtico da Gloria", sentenciou.

PROFESOR E ESTUDOSO

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, tamén interveu no acto de homenaxe para recordar a figura de Otero Pedrayo como profesor e estudoso.

O intelectual ourensano, recordou, "mostrou un gusto pola xeografía bastante precoz" e foi un "innovador" do "estudio xeográfico de Galicia". "Creou o concepto de terra, que en aquel momento pesaba máis que o de raza, no nacionalismo", recordou Villares.

Galeguista e Republicano, afastado da docencia, a súa vocación, por motivos ideolóxicos durante o franquismo, Otero Pedrayo foi capaz de "interpretar a sociedade moderna" e "albiscar saídas" cara ao futuro" afastadas do "rancor".

Para concluír, Ramón Villares dedicou un espazo no seu discurso para recordar o amor de Otero Pedrayo polo "agro galego" e a súa "preocupación" e "tristura" pola súa "decadencia". "Manexaba a idea de que a civilización rural é a esencia de Galicia", resumiu.

UNHA REFERENCIA PARA A UNIVERSIDADE

O reitor da USC, Juan Viaño, foi o encargado de pechar o acto asegurando que a figura de Ramón Otero Pedrayo "forma parte da historia colectiva" tanto de Galicia como da Universidade Compostelana e que supón unha "referencia" a nivel cultural e académico.

Tamén Viaño quixo agradecer o xesto que o intelectual ourensano tivo o o seu última lección co galego. "Nunha iniciativa espontánea, rompeu a falar en galego como un xeito de dicir 'Aquí estamos", destacou o reitor, quen se sente "herdeiro" desa "afirmación".

Otero Pedrayo, explicou Juan Viaño, forma parte da "memoria" da institución universitaria de Santiago e das súas aulas, nas que deixou unha "pegada imborrable".

FOTOBIOGRAFÍA

Este acto serviu para a presentación do volume de recente publicación 'Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía' (Galaxia), que recolle a totalidade da traxectoria do patriarca das Letras Galegas a través de máis de 400 instantáneas públicas e privadas.

Os seus autores, Patricia Arias Chachero e Afonso Monxardín, realizaron este martes un repaso por algunhas das fotografías máis significativas, algunhas delas inéditas, nas que pode verse a Otero Pedrayo como profesor, rodeado de intelectuais, cos seus pais ou no ámbito familiar, coa súa muller.

As imaxes e os textos incluídos, que actúan como "fío condutor", son froito dun traballo de selección e recuperación levado a cabo nos fondos de institucións como a Editorial Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Pezol, a Real Academia Galega, o Museo de Pontevedra ou o Museo do Pobo Galego.

Sara Pimentel González, 2º bacharelato, B.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 08-03-2015 19:36
# Ligazón permanente a este artigo
Unha clase de literatura no cine
Chegaron aos cines Gran Vía de Vigo coas páxinas de "A esmorga", de Eduardo Blanco Amor, frescas na súa memoria, para ver a tráxica noite de esmorga de Cibrán, Bocas e Milhomes en imaxes. Medio millar de alumnos dos institutos Álvaro Cunqueiro, Santo Tomé de Freixeiro, Castelao, Coruxo e Valladares cambiaron onte as aulas polas salas de cine e deambularon polo Ourense dos anos cincuenta retratado polo director Ignacio Vilar na súa adaptación deste clásico da literatura galega.

Unha das impresións que transmitiron ao realizador ourensano tras a proxección foi a capacidade da película de transmitir aos espectadores a mesma sensación de frío e humidade que viven os personaxes. "Unha das cousas máis difíciles en cine é rodar en inverno -explicou o realizador a estes mozos de 16 e 17 anos- e os actores estiveron catro e cinco horas ao día baixo a auga e o frío do inverno en Ourense. Non obstante, isto era fundamental para captar a atmosfera que describe no libro Blanco Amor".

Os criterios de elección dos actores, de máis idade que os personaxes de papel, tamén espertou a curiosidade dos alumnos vigueses. Neste sentido, Vilar recoñeceu que tivo tres actores da mesma idade que os compañeiros de "A esmorga" de Blanco Amor, pero que se decidiu por Miguel de Lira, Antonio Durán "Morris" e Karra Elejalde para encarnar a Cibrán, Milhomes e Bocas precisamente porque a súa bagaxe vital e profesional confería aos personaxes unha riqueza que outro actor con menos traxectoria non podía dar.

Como chegou ao cine o cineasta ourensán foi outra das curiosidades que transmitiron os alumnos ao realizador, que recordou que deu os seus primeiros pasos na curtametraxe e invitou aos que teñan historias que contar a que o fagan. "Teñen a miña axuda para o que necesiten. Eu estou no cine grazas á axuda que me prestou Chano Piñeiro cando comecei e creo que agora son eu quen ten que axudar ás futuras xeracións de cineastas galegos", asegurou.

Pola experiencia destas proxeccións para estudantes, a película clarifica determinados aspectos que non a todos lles queda claro nas páxinas imprimidas, entre elas, a homosexualidade de Milhomes. "Aínda que este tema está tratado de forma moi sutil tanto no libro como na película, parece que esta llo deixa máis claro", explica Vilar, que invita a outros realizadores a levar ao cine outros títulos da literatura galega.

David Cebreiros López, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 02-03-2015 01:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal