Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

As fotos de Varufakis xunto á súa segunda esposa traen polémica.
A Yanis Varufakis, o ministro de Finanzas de Grecia e home forte do Goberno de Syriza, pódelle saír moi caro o pousado que fixo xunto á súa segunda esposa, Danae Stratu, para a revista Paris Match.

O seu estilo de vida dista moito das penurias polas que atravesan os gregos, polo que a aparición das imaxes, que se difundiron a través das redes sociais, espertou un gran balbordo e non pouca indignación entre a cidadanía grega, xa que a ostentación de Varufakis e a súa esposa choca coa difícil situación económica de moitos cidadáns helenos. O xornalista Yanis Koutsomitis, por exemplo, falou do “socialismo de viño branco baixo a Acrópole”. As fotos foron realizadas o pasado 8 de marzo, un día antes dunha decisiva reunión co Eurogrupo en Bruxelas. Á parella vella nas instantáneas compartindo peixe e ensalada e brindando con viño branco.

No interior da vivenda tamén se pode ver a Varufakis cun piano, imaxe que se comparou con outra similar protagonizada polo nacionalista galego Xosé Manuel Beiras.

Lucía Vázquez Nóvoa, 4º ESO A.

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 16-03-2015 21:42
# Ligazón permanente a este artigo
Localizan en Rianxo un domen inédito
Foi atopada en Burés por un grupo de afeccionados, coñecida na zona como ‘A Cova dos Mouros’.

Un grupo de afeccionados da comarca do Barbanza localizaron un gran monumento megalítico na localidade de Burés (Rianxo), segundo informa Cultura Galega. Trátase dunha anta megalítica rodeada dunha estrutura tumular de aproximadamente catro metros de altura. A anta conserva unha boa parte dos esteos da cámara aínda en pé, aínda que lle falta a tapa superior, e estaba inédita.

Porén, era coñecida na veciñanza da contorna como a Cova dos Mouros e era un lugar habitual de xogo dos nenos hai décadas, afirma Cultura Galega. Xa se notificou á Xunta o seu achádego.

Irene Iglesias Bastos, 1º de Bacharelato.

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 16-03-2015 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
OS 'HIPPIES REXUVENECEN NEGUEIRA:
Ernes, unha das aldeas onde sobrevive o espírito da comuna hippy que se asentou en Negueira de Muñiz, a beiras do encoro de Grandas, no límite entre GALICIA e Asturias, a finais dos setenta. Fóra do horario escolar, a algarabía é aínda maior xa que, do medio centenar de persoas que seguen apostando por un modo alternativo de vivir neste escarpado canto da montaña lucense, trece son nenos. E de aquí ao verán nacerán tres máis, como destaca Dora, que ten catro: Laura e Orballo (acollidas) e Teixo e Guayén (biolóxicos). Todo un luxo para un municipio rural de 211 habitantes, segundo o último padrón do INE. O segredo deste inesperado bum demográfico «está na felicidade, aquí todo o mundo está feliz», asegura Tania, de 30 anos, mentres dá de mamar a Sasha, o seu primeiro fillo. Embarazada do segundo, ela e a súa parella, Fabio, que é italiano, percorren os festivais de música, de Pardiñas a Ortigueira, vendendo artesanía de coiro e pizzas que cocen nun forno móbil. «A xente pensa que andamos todo o día nus, drogándonos e fodendo, pero non é así, o da comuna estivo ben, pero rematou, só durou os dous primeiros anos», chancea sostendo un té Alfonso, que chegou nos primeiros oitenta, «coa segunda fornada». Aos seus 54 anos é o veterano e o carpinteiro, xunto ao seu fillo Isimaio, dunha comunidade que confesa seguir aplicando o de facer o amor e non a guerra, «pero cada un na súa casa».

Antía Corral Álvarez, 1º de Bacharelato.

Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 16-03-2015 21:38
# Ligazón permanente a este artigo
Prohíbese o tabaco en Disney
Disney prohibirá o tabaco en todas as súas películas que estean dirixidas a nenos. Esta decisión afectará a todos títulos do estudo, incluídos os de Marvel, a menos que sexa historicamente necesario. O presidente do estudo, Bob Iger, asegurou que estará «absolutamente prohibido» fumar.

Iger foi o encargado de anunciar esta noticia durante a reunión de investidores do estudo. O presidente de Disney respondeu á pregunta dun asistente preocupado por este tema. Iger comprometeuse a acabar co tabaco nas películas que obteñan unha cualificación PG-13 (non recomendado para menores de 13 anos) ou inferior, é dicir, para todos os públicos.

«Creo que é o correcto», comentou sobre a recente decisión, da que quedarán exentas as películas que se centren nun personaxe histórico que sexa coñecido pola súa afección a fumar, como é o caso da próxima cinta sobre Abraham Lincoln.

Martín Pérez Rodríguez, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 16-03-2015 21:37
# Ligazón permanente a este artigo
A débeda pública galega duplicouse desde que goberna Núñez Feijóo
Un informe do Banco de España sinala que a débeda representa o 18% do Produto Interior Bruto (PIB), aumentou un 8% en 2014 e xa rolda os 10.000 millóns de euros.

A débeda pública galega situouse a finais de 2014 en 9.961 millóns de euros, un 8,13% máis que a rexistrada en 2013. A débeda representa o 18% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galiza.

En 2009, ano no que o PP de Núñez Feijóo chegou á Xunta, a débeda pública galega non chegaba a 5.000 millóns de euros: 4.859 millóns. Naquel ano supoñía o 8,4 do PIB. Seis anos despois, o 18%.
En base ao informe do Banco de España, o 42,5% da débeda de Galiza correspóndese con empréstitos, supoñendo un valor de 4.231 millóns.

As empresas públicas galegas acumulan unha débeda de 47 millóns de euros en 2014, o que supón un descenso do 40,5% no cuarto trimestre de ano a respecto do anterior.

En todo o Estado, a débeda das administracións públicas situouse a finais de 2014 en 1.033 billóns de euros, o que supón o 97,67% do PIB español.

Sofía Fernández Martínez, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 16-03-2015 21:35
# Ligazón permanente a este artigo
Un párroco íntimo do cura de Vilanova dos Infantes asegura que a reitoral foi "desvalixada".
O párroco de Viveiro, Freixo e Casardeita, Antonio Gómez, sinalou hoxe que a casa reitoral de Vilanova dos Infantes na que residía o cura falecido, Adolfo Enríquez Méndez, de 77 anos, do que era "amigo íntimo", estaba totalmente "desvalixada".

Do falecemento deste relixioso, o cal os investigadores analizan para descubrir se é unha morte violenta, dixo que o roubo está claro e falta por esclarecer agora como se produciu o falecemento deste home, localizado nun palleiro anexo á vivenda "inclinado cara a abaixo e sangrando pola boca e o nariz".

Antonio Gómez comentou á prensa que Adolfo Enríquez era unha persoa "que se daba" ás demais, "completamente solidario, preocupábase dos outros ata despreocuparse de si mesmo" e mesmo era capaz de quedar sen comer por entregar os víveres aos que máis o necesitaban.

Como natural de Celanova, concello ao que pertence a parroquia de Vilanova dos Infantes, Antonio Gómez coñecía a Adolfo Enríquez dende o seminario e decatouse do suceso no retiro que celebran os mércores para prepararse e orar, aínda que nun primeiro momento se lles comunicou que estaba enfermo. Foi para non os preocupar, e el entendeuno, pero cando xa puideron contactar cos axentes da Garda Civil, contóuselles con detalle o acontecido.

O cadáver do párroco presentaba aparentes signos de violencia ao existir sinais de, polo menos, un golpe na cabeza.

Laura Abad Álvarez, 1º de Bacharelato.

Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 16-03-2015 21:33
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia ficha o mellor físico novo europeo de partículas
O físico Diego Martínez Santos tívoo claro xusto dende o momento en que hai uns meses lle confirmaron que gañara unha bolsa do elitista programa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC): ía regresar a Galicia. Coa axuda de 1,5 millóns de euros, que se fará efectiva a partir de abril, tiña a posibilidade de crear un equipo de investigación onde quixese. E escolleu Galicia, malia que aínda está contratado polo instituto holandés Nikhef. Tiña o diñeiro para cumprir o seu desexo de traballar na súa terra, pero tampouco tiña o futuro despexado máis alá dos cinco anos de duración do programa europeo. Este problema quedou resolto onte. O focense Martínez Santos, que no 2013 foi elixido o mellor físico novo europeo na área de partículas, é xa o primeiro investigador en acollerse ao plan galego de captación de talento Oportunius, segundo anunciou onte a Consellería de Economía e Industria, a impulsora dunha iniciativa que, salvando as distancias, pretende emular ao programa catalán Icrea ou ao vasco Ikerbasque.

O acordo, á espera de que se materialice o contrato, foi visibilizado onte coa reunión mantida entre o científico e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, ademais de co reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño. A USC será, precisamente, a institución que acollerá o físico cunha vinculación estable que permita a súa continuidade en Galicia.

«Eu retorno a Galicia porque conseguín os 1,5 millóns de euros, pero tamén podería pasar que a metade do programa, se aquí non vira posibilidades de futuro, marchase de novo para outro sitio. Por iso penso que o Oportunius é unha boa oportunidade para que quede en Galicia, porque se me ofrece unha estabilidade», explica Martínez Santos. O físico tamén espera que o programa non só sirva para atraer o talento que está fóra, senón para reter o que xa existe aquí e que podería verse tentado de marchar se consegue unha axuda do programa europeo e, aínda así, non ten garantida a súa estabilidade.

David Cebreiros López, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 16-03-2015 02:54
# Ligazón permanente a este artigo
Os enfermos aplauden o plan estratéxico da hepatite C, pero avogan por tratar a todos
Asociacións de pacientes mostráronse este venres "satisfeitos" co borrador do Plan Estratéxico Nacional de Hepatite C, que analizaron nunha reunión co Servizo Galego de Saúde (Sergas).

En concreto, participaron nesta reunión representantes da Asociación de Transplantados de Galicia, da Asociación Galega de Hemofilia e da Plataforma de Afectados pola Hepatite C, os que trasladaron ao Sergas as súas impresións sobre este borrador, que está previsto que se aprobe a última semana de marzo no Consello Interterritorial de Saúde e entre en vigor o 1 de abril. 

Por parte do Sergas, participaron nesta reunión o director xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, e a subdirectora xeral de Farmacia, Carolina González-Criado. Nela, segundo precisou o Sergas nun comunicado, puideron "coñecer de primeira man" as impresións das tres plataformas sobre o plan. 

A pesar de mostrarse satisfeitas tras a reunión, estas tres plataformas defenderon, en declaracións aos medios, a necesidade de tratar a todos os enfermos de hepatite C dende que "se detecta o contaxio". Segundo trasladou o Sergas, o plan está aberto á participación de asociacións de pacientes, colexios profesionais e sociedades científicas que, de forma independente, poden presentar as alegacións e achegas que consideren oportunas.

 Coa reunión deste venres, o Sergas continúa avaliando como implementar as liñas de actuación do plan nos distintos hospitais de Galicia.

Lara Rodríguez Pardo, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 16-03-2015 02:30
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia véndese mellor con retranca
A pesar da negativa que agocha, a páxina de Facebook «Non veñas a Galicia porque...» converteuse en tan só unha semana nun perfecto escaparate das bondades da terra galega e nunha orixinal e masiva chamada turística.

A iniciativa, que se une ao fenómeno xurdido hai meses na rede social polo que distintas páxinas reivindican a pertenza a un lugar, creouse ao amparo dun traballo para a Escola de Turismo CENP da Coruña. Foron dúas mozas herculinas (Ana Sánchez, Uxía Castro) e unha mexicana (Karla Fernández) quen a puxeron en movemento nun intento de demostrar como Galicia tamén se pode promocionar a través da retranca que a caracteriza. As tres administradoras do grupo tan só piden aos usuarios que publiquen unha foto dun recuncho único pero baixo o prisma dun comentario humorístico ou enxeñoso, que sirva para evidenciar o que se perderían aqueles que non coñecen a comunidade.

Sorprendidas aínda pola enorme repercusión lograda nunha semana (a páxina xa suma 10.000 «gústame»), as tres novas recoñecen que o seu obxectivo inicial era alcanzar os 5.000 seguidores, a cota que ten hoxe en día o grupo galés que lles serviu de referencia (Non veñas a Pembrokeshire porque...). En poucos días a meta superárona amplamente.

Polo momento son as postais típicas galegas (como a catedral de Santiago, a praia das Catedrais ou a praia de Riazor) as que lideran as entradas dos usuarios aínda que tamén aquelas con sabor a marisco ou licor café.

Raquel Sardiña Tejada, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 16-03-2015 02:25
# Ligazón permanente a este artigo
Todo o que non coñecemos do chocolate
O Tchocolatl, ou chocolate, que é como o chamaron os primeiros descubridores españois, era unha bebida considerada de Deuses, xa coñecida polos Maias arredor do século IV a. de C. Os Aztecas crían que as sementes do cacao eran a personificación do Deus da sabedoría e tiñan tanto valor que o facían servir como moedas de cambio. Pois ben, non só son estes datos os que descoñecemos do adorable chocolate para moitos, probablemente a maioría non estean ao tanto de todas as cousas boas que nos aporta este alimento.

O chocolate dá forza. As súas moléculas conteñen gran cantidade de enerxía, que a nosa bioloxía sabe utilizar. Ademais, unha cápsula de chocolate ofrece o 10% da cantidade recomendada de inxestión diaria de ferro.

O chocolate prevén o envellecemento. O cacao ten un gran poder antioxidante, o que resulta beneficioso non só para combater o paso do tempo, senón tamén para previr o cancro.

Hai pouco, os investigadores descubriron que o chocolate contén feniletilamina: para resumir, unha substancia "do bo estar" con concomitancias coa anfetamina. En experimentos de laboratorio, os animais vólvense tolos con esta substancia e compórtanse coma se estivesen en pleno cortexo. Non obstante, nos humanos parece producir menos efecto. Pode que nos sintamos máis atentos, pero atento non significa necesariamente excitado. O chocolate tamén contén triptofano, un aminoácido que produce no cerebro outra substancia pracenteira, a serotonina. Lamentablemente, ao cerebro chega moi pouco triptofano do chocolate, así que é probable que non exerza ningún efecto real.

A diferenza do que se adoita crer, o chocolate non posúe un alto contido de graxa. Por iso, é posible consumilo sen pensar nos quilos de máis. Non obstante, non é recomendable esaxerar no seu consumo.

A todo o mundo, literalmente, lle gusta o chocolate. Trasladado a cifras reais, isto quere dicir que arredor do mundo se gasta máis de 8.800 millóns de euros ao ano en chocolate.

Alba Baltar Janeiro, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 16-03-2015 02:11
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal