Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Os estudantes plantan árbores xunto ao Sil
Ao redor de setenta alumnos de segundo e cuarto de secundaria e primeiro de bacharelato do IES Lauro Olmo barquense tiveron onte como escenario escolar a área recreativa do Salgueiral. Alí pasaron boa parte da mañá para plantar corenta árbores.
Parapetados coas súas pas (e algúns tamén con botas de goma, aínda que houbo quen optou por ir con francesitas), cavaron os hoyos nos que despois foron metendo as árbores, aos que ademais de terra lles botaron abono.
Non é a primeira vez que os alumnos do instituto realizan unha actividade deste tipo. Xa houbo plantacións en anos anteriores, e noutras ocasións ata acomodaron unha zona con juncos para os patos que usan o río Sil como espazo para vivir.
A actividade enmárcase dentro do proxecto Voz Natura, organizado pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Esta décimo cuarta edición do programa ambiental dirixido aos centros escolares de Galicia está patrocinada polas Consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, a Deputación da Coruña, Cabreiroá, Sogarisa, a Fundación Gómez Franqueira e a Fundació Agbar. Colaboran en Voz Natura Novacaixagalicia, Begano Coca-Cola e Coeticor.

UXía Paz 2ºA
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 19-03-2011 17:29
# Ligazón permanente a este artigo
Virxilio, excelso a rabiar
Internarse na pintura de Virxilio Fernández Cañedo, 'Virxilio' (Ourense, 1925), é como escoitar as fermosas partituras da natureza, como introducirse nun dos nosos bosques e deixarse levar polos sons e as formas cheas de matices. Neses enunciados descubrimos unha beleza plena que zumega nostalxia, unha dicción que recrea momentos que nos retrotraen a outros tempos; é inevitábel, sobre todo, cando o pintor gozou dunha vida tan rica, con amizades ben gañadas. 'Máis ca nunca', o artista sempre di o mesmo, non se bromea coas cousas serias, e o traballo é algo moi serio: el sempre está a traballar. O vello lobo de mar segue altivo outeando o horizonte á espera de ventos favorábeis, os ollos iluminados e a gorra en riste, non mariñeira pero case, quizais rememorando aqueles anos mozos nos que o futuro lle debuxaba un destino transoceánico. O neno segue coa mesma ilusión de sempre, así ten que ser, os ollos dun neno sempre deben estar iluminados polo porvir. Ollos como luceiros que ao resto dos mortais nos iluminarán o camiño. Quedarse na superficie das cousas é perigoso, non se pode vivir toda a vida lambendo as mesmas feridas, salvo que estas sexan excelsas, sublimes e marcadas polo misterio. Virxilio é un artista temático, un debuxante fantástico que atopou na superficie das cousas a clave da súa creación; quen mire cara esas formas sinuosas de cores acendidas e rostros redondeados xa non as esquecerá nunca. Xeneroso coa materia converte cada enunciado pictórico nunha sorte de escultura bidimensional; baixorrelevos tan recoñecíbeis que o engarzan co máis salientábel da tradición pictórica galega. Táboas cheas de pintura e filigranas barrocas na procura do momento para relatar unha atmosfera plena. Unha pintura que cando a atravesamos coa mirada temos a impresión de conectar co mellor da escultura de Faílde, co xesto vibrante de Seoane, a descrición de Colmeiro, e tantos e tantos outros, porque se todos nós somos memoria, para que Virxilio puxera en pé este exercicio de narratividade envolvente, tivo que mamar das mellores fontes. A pintura de Virxilio é hipnótica, atemporal, xamais simple. Unha obra preñada de historias que o autor gusta de repetir, pintor temático que dirían os antigos, unha obra que de simple poderíase liquidar dun plumazo, ao mesmo tempo que se nos deixamos atrapar polo seu laberíntico trazado lineal, como esta de 'Jazz Em Strekstrump', a lámina que temos entre mans -froito das estadías en terras teutonas que o acercaron ao mundo e o fixeron máis sabio- teremos traballo dabondo. Nesta obra descubrimos un universo puntillista e escenográfico, cheo de luces e manchas de cor que recrean unha atmosfera que el viviu si, pero que despois o perseguiu a el dun xeito idealizado. Hai moitos Virxilios, cadaquén terá o seu preferido, a estas alturas non vou descubrir nada novo. Atopamos o costumista das vendimadoras e mariñeiros; o urbano, das escenas de terrazas e de jazz; o dos bodegóns e paisaxes, a quen non lle impresionan esas plumillas tan exquisitas! o precursor do informalismo en Galicia, o magnífico cartelista; o máis sensual, a través das mulleres espidas, aínda que explícita ou non toda a súa pintura zumega sensualidade, un don que lle é innato.

Cora Saburido 2ºA
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 19-03-2011 17:27
# Ligazón permanente a este artigo
A Real Banda desfila polas rúas de Nueva York
A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense sorprendeu onte a miles de cidadáns de Nueva York cando detivo a súa marcha no gran desfile de San Patricio para interpretar o Ave María de Schubert diante da Catedral da cidade americana.
A Real Banda, que participa nos actos de conmemoración do patrono da cidade, tamén quixo render homenaxe ao mundo celta estreando a marcha 'Saint Patrick's New York Parade', composta polo director da Real, Xosé Lois Foxo, cuxa melodía funde sons galegos e irlandeses para conmemorar o irmanamento do pobo celta. É a primeira vez nos 250 anos de historia da Parada que unha formación interpreta no desfile unha obra creada expresamente para a Saint Patrick's Parade.

Ao longo de catro horas a Real Banda de Gaitas desfilou xunto con outras formacións celtas pola Quinta Avenida, interpretando para os miles de neoiorquinos que ateigaban a rúa un total de 11 marchas. Esta fin de semana actuará tamén nos centros de Galicia e de Ourense da cidade americana de Newark.

María Gutiérrez 2ºA
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 19-03-2011 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
Queremos Galego organiza o 30 de abril un grande acto pola lingua
A plataforma cívica Queremos Galego “porá voz” á defensa do idioma propio de Galicia o próximo 30 de abril no marco de “un grande acto nacional”, que se celebrará previsiblemente no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. En concreto, será un acto que contará con intervencións de numerosas figuras pertencentes aos diferentes ámbitos da sociedade e cultura galega e no que se pretende impulsar un manifesto “de reivindicación” e en defensa do galego, sobre todo, tras “dous anos nefastos” en materia lingüística co goberno da Xunta.

Este evento verase acompañado, o próximo 17 de maio e con motivo do Día das Letras Galegas, de diferentes concentracións de protesta cidadá para dar lectura ao documento que sairá adiante nesa reunión en Compostela e sobre os que, polo momento, falta concretar a súa “extensión”. En rolda de prensa e ao coincidir “días antes das eleccións municipais”, o portavoz da plataforma, Carlos Callón, pediu aos votantes do Partido Popular desconformes coa súa actuación respecto ao idioma “que saian do armario”, pois “non poden apoiar” esta formación “se de verdade defenden” a cultura galega.

Por outra banda, o colectivo contrario á normalización lingüística, Galicia Bilingüe, impartirá unha conferencia hoxe mesmo na cidade da Coruña para, segundo di, “explicar o que hai detrás da imposición lingüística”.

Carmen Selina Meire Pérez 2ºB
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 19-03-2011 12:44
# Ligazón permanente a este artigo
Reigosa denuncia o “sectarismo” nos libros de memoria histórica

A editoria Xerais recupera para o galego a obra A agonía do León. Esperanza e traxedia dos Escapados, a lembrada investigación sobre o fuxido Manuel Girón Bazán realizada por Carlos G. Reigosa en 1996 para a editorial Alianza. Neste título, o xornalista e escritor mergúllase na historia de Girón, un guerrilleiro berciano que actuou por terras de León e Galicia até 1951.

Con este libro, Carlos González Reigosa gañou o Premio Internacional Rodolfo Walsh de Literatura Testemuñal e marcou un antes e un despois nesa senda que abriron investigadores ao redor da memoria histórica. “Este libro é un libro precoz, aínda que parece serodio. Foi o primeiro que uniu a perspicacia dun investigador coa elegancia de quen é escritor. Recuperou no seu momento un dos moitos posibles relatos sobre a oposición franquista”, explicou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), institución que acolleu a presentación do libro, no que estiveron o autor da obra e o director de Xerais, Manuel Bragado.

Reigosa aproveitou a presentación da súa obra– que o autor define como “unha conxunción de xéneros”– para reflexionar sobre o debate ao redor da recuperación da historia dos vencidos na contenda civil. “A nosa memoria histórica resulta que é moi débil, pero non debe saír dese estado para ir a unha forma torcida”, sentenciou o autor. Nese sentido, apuntou os dous xeitos nos que se pode desenvolver o traballo de recuperación. “Por unha banda, hai unha maneira de respectar os feitos históricos e contalos con precisión; pola outra, temos ese afán de traer os feitos ao presente dun xeito trapalleiro con fins utlilitarios”, explicou Reigosa, quen advertiu que “o preocupante agora” é que hai un “sectarismo excesivo” en moitas das obras sobre memoria histórica.

Respecto da represión que se aplicou despois da Guerra Civil, Reigosa fixo unha comparativa entre o que aconteceu en Galicia e noutros lugares do estado. “A represión en Galicia foi absurda, porque se levou a cabo, en gran parte, por leas e problemas persoais”, dixo Reigosa, que explicou que noutros lugares se realizaba de forma máis exhaustiva e concreta.

A versión en galego d’A agonía do lobo –coa que Xerais estrea o novo fomarto da súa colección Crónica– inclúe una serie de novidades con respecto á obra en galego. Por unh­a banda, Carlos González Reigosa escribiu un prólogo con todo o que aconteceu dende a publicación en 1996 da primeira edición do libro. Pola outra, o periodista e investigador Manu Leguineche realiza o prólogo actualizado da Agonía do León.

Carmen Selina Meire Pérez 2ºB
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 19-03-2011 12:41
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta incumpre as metas da década que marcou Fraga ao galego
“No ano 2010, a lingua galega debe estar plenamente normalizada. Haberá unha habilitación completa no uso oral e escrito da lingua galega para todos os cidadáns. O instrumento fundamental para conseguir esta capacitación é o sistema educativo. Nos niveis iniciais e medio (incluíndo as ensinanzas técnicas), debe empregarse como idioma vehicular o galego de xeito preferente”. Un grupo de expertos lingüistas aseguraba no 2000 que estas previsións estarían a pasar en Galicia, polo ben do idioma propio, a finais da década. Non obstante, no día de hoxe láianse da falta de cumprimento por parte da Administración galega daquel proxecto denominado Galicia 2010.

Efectivamente, este é un dos parágrafos das ducias de traballos que hai máis de dez anos puxeron en marcha diversos expertos de diferentes ámbitos da vida galega. Aquel conxunto de estudos redactados no ano 2000, baseábanse en facer unha predición de como tería que ser a comunidade galega pasada unha década. O proxecto contou co pulo do propio presidente da Xunta por entón, Manuel Fraga, así como das dúas caixas galegas e do Banco Pastor.

Un dos apartados destacados dese estudo era o que versaba sobre a lingua galega, na que, entre outros aspectos, pedíase que no 2010 o proceso normalizador estivese plenamente instaurado na comunidade. Hoxe en día, a gran parte dos lingüistas denuncian que o galego segue sen comportarse como a lingua propia da comunidade e da Administración.

O lingüista Henrique Monteagudo, quen participou como relator no apartado que ten que ver con lingua e institucións culturais, ten claro que “hai dez anos non se acertou en moito”. Segundo o secretario do Consello da Cultura Galega, “naquel momento, nós pensabamos que no 2010 o trilingüismo conviviría nas aulas galegas, pero para nada pensaba que se poría en marcha un proxecto como este de agora. No ano 2000, non pensaba que pasados dez anos estariamos indo para atrás na defensa do galego, como agora”.

Os expertos tamén demandaban no ano 2000 que o profesorado estivera capacitado en todos os niveis do ensino para a impartición de materias en galego e que se instase os medios a promocionar o uso do idioma “establecendo mínimos de uso para as concesións privadas na radio e na televisión e priorizando o criterio de idioma a atención informativa por Galicia nas novas concesións”. Recordando o que foi o proxecto, Henrique Monteagudo manifesta: “Vendo como son as cousas podes pensar que o traballo foi en balde”.

Se as predicións que se fixeron con respecto da lingua e a cultura galega quedaron desfasadas por completo, tamén o quedaron os estudos en materia de autogoberno. Deste xeito, no apartado de “novas perspectivas para o autogoberno e o Estatuto galego”, o profesor Jaime Rodríguez-Arana vaticinaba que “no ano 2010, o Parlamento de Galicia terá recobrado o pulso e será o centro real das deliberacións públicas que preocupan á xente. Alí escoitaranse palabras que proceden das preocupacións da xente e non das burocracias dos partidos políticos. Probablemente, o Parlamento debería financiar unha oficina a nivel de bisbarras, por exemplo para que os deputados estean á mercé da xente cun horario de atención esixente”.

Neste mesmo apartado de estudo, o catedrático de Economía Aplicada e colaborador de Xornal de Galicia, Luis Caramés, apostaba porque de cara ao final da década, as autonomías de España estarían converxendo cara un proceso máis federalista que o actual. Nese punto, Caramés apostaba por afondar no proceso de adquisición de competencias. Xa hai dez anos estaba presente a vella reclamación de Galicia de que o Estado tivese en conta a súa dispersión poboacional á hora de levar a cabo o reparto de fondos estatais. “A transferencia ás comunidades autónomas de servizos tales como educación, sanidade e servizos sociais, que poden representar facilmente en ó redor do 80% do gasto, aconsella atender tamén aos elementos de custo que están estreitamente vinculados coa dispersión da poboación”, escribía hai unha década Caramés.

Hoxe en día, o catedrático asegura ser “moito máis pesimista”, á vista do grao de cumprimento das previsións que os expertos da comunidade realizaron no proxecto Galicia 2010. “No momento no que participei neste proxecto non pensei en que foramos caer nunha involución centralista. Eu apostaba porque roldando o 2010, habería dende o Estado unha distribución verdadeiramente máis federalista e que se tería avanzado máis no reparto de competencias”, comenta, tendo en conta o factor decisivo que xogou a crise económica.

“As crises son cíclicas e veñen dadas precisamente pola frivolidade do capitalismo pero a verdade é que esta situación que estamos a vivir está a ser especialmente profunda”, comenta o colaborador de Xornal, quen lamenta que non se afondase máis no federalismo: “A crise non ía ser máis pequena por virar máis cara ao federalismo, pero dende logo habería máis mecanismos para combatela”.

Carmen Selina Meire Pérez 2ºB
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 19-03-2011 12:38
# Ligazón permanente a este artigo
Importante presenza galega no Festival de Videoarte Latina de Nova York
A comunidade de artistas latinos ten unha cita importante coa videocreación do 24 a 27 de marzo no Centro Rei Juan Carlos I da Universidade de Nova York. É as datas nas que se desenvolve Region O, o festival de videoarte latina de Nova York. Un encontro que ten unha importante presenza galega por dúas bandas. Dun lado, a comisaria e encargada da selección das pezas é a galega Eva Mendoza Chandas e, polo outro, que varios artistas do noso país figuran na lista de convidados. Féliz Fernández, Vicente Blanco, Mal Caldas ou Lois Patiño son os nomes galegos presentes nun encontro que representa as tendencias actuais da creación audiovisual.

Alba Muñoz López 2ºB
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 19-03-2011 12:34
# Ligazón permanente a este artigo
As salas galegas perden 450.000 espectadores nun ano
Galicia perdeu máis de 450.000 espectadores en 2010 con respecto a 2009, o que sitúa á comunidad en termos de asistencia ao cine en niveis próximos aos de 1995. Este retroceso cambia a tendencia de pequeno repunte que se observara en 2009 e que fora atribuído á incorporación das novas tecnoloxías como o 3D. Son datos do Observatorio da Cultura Galega, unidade dependente do Consello da Cultura Galega.


Proporcionalmente, a caída é maior en Galicia que no conxunto de España, onde tamén minguou a asistencia ás salas. En concreto, fronte a unha perda porcentual dun 7,5% en España, a porcentaxe de espectadores de cine en Galicia descendeu un 11%.

En termos de recadación, o descenso é máis moderado, xa que os case 500.000 euros que se perderon en 2010 con respecto a 2009 supoñen un 2% de retroceso, quedando o montante en 24,6 millóns de euros. A caída foi tamén proporcionalmente inferior no total estatal.

Esta diferenza nos descensos destes dous indicadores débese ao prezo medio da entrada, que segundo este avance de resultados de 2010 quedou en 6,65 euros en Galicia e 6,52 en España, o que supón un incremento anual de 60 e 42 céntimos, respectivamente.





Fátima Carballo Río 2º Bach,B
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 19-03-2011 12:31
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia terá unha gran rede para estudar os terremotos
Nove sismómetros móbiles e catro GPS de Topo-Iberia estudarán catro anos os movementos da codia. Dende hai décadas coñécese a orixe do risco sísmico do sur da península Ibérica, pero ninguén sabe con certeza a causa dos numerosos terremotos de intensidade baixa ou moderada que durante os últimos dez anos se produciron en Lugo e León. Esas incertezas sismolóxicas sobre Galicia e España despexaranse nun prazo de oito ou dez anos grazas aos datos que solicitará a rede Topo-Iberia, un programa de alta tecnoloxía financiado polo Goberno e no que participan 120 investigadores de dez centros, tres organismos públicos e sete universidades españolas. O pasado mércores colocábase na provincia de Lugo o último sismógrafo de Topo-Iberia en Galicia, co que se completa toda a rede de sismómetros móbiles (60 en España e nove na comunidade galega) e GPS (40 na Península e cinco en Galicia) que rexistrarán durante cinco anos todos os movementos da codia terrestre peninsular, segundo informaba ao CORREO Roberto Rodríguez, xeólogo e director adxunto de Infraestrutura Geocientífica del Instituto Geológico e Mineiro, pertencente ao Ministerio de Educación e Ciencia. Rodríguez, doutor en Xeoloxía por Oviedo, explica cun exemplo a importancia deste sistema ao referirse a un traballo publicado en 2009 polo instituto de xeofísica francés en colaboración co chileno na zona de Concepción (Chile). Ambos os dous organismos calcularon que dende o último terremoto catastrófico, acontecido en 1835 en Chile, se producira un desprazamento acumulado de 10 metros e, polo tanto, predixeron que nun tempo próximo acontecería outro de entre 8 e 8,5 graos Richter na mesma zona, o que desgraciadamente aconteceu ao ano seguinte. Predición sísmica. A rede Topo-Iberia, indica Roberto Rodríguez, ten como obxectivo analizar os movementos milimétricos pero constantes da codia peninsular para visualizar en que áreas hai maior cantidade de deformación e movemento e polo tanto é predicible que teña unha sismicidade máis avanzada e as súas causas. Estes datos permitirán coñecer a estrutura da codia e polo tanto diagnosticar as causas dos sismos nunha zona concreta e, á vez, concretar o mapa sismolóxico da península Ibérica.

Christian García 2ºB
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 19-03-2011 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
Denuncian que para visitar Meirás haberá que dar datos a unha empresa privada
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña denunciou que para entrar no pazo de Meirás haberá que facilitar datos persoais a unha empresa privada de seguridade. Este anuncio prodúcese despois de que a Xunta confirmase este domingo a data de apertura da antiga residencia de verán da familia Franco, que será o próximo 25 de marzo.

En concreto, todos aqueles que queiran visitar o edificio deberán mandar os seus ao correo visitas.pazomeiras@prosegur.com, indicando nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto, segundo indicou o Goberno galego nun comunicado. Ademais, o pazo só abrirá catro días ao mes, o mínimo esixido por lei para un monumento declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Por iso, a CRMH considera que "a Xunta de Galicia actúa defendendo os intereses particulares da familia do ditador Franco e non o interese público". Así, afirma que o Executivo galego "non fixo cumprir a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, permitindo que a familia Franco mantivese pechado o pazo de Meirás desde que foi declarado Bic hai dous anos" e "non aplicou tampouco as sancións previstas por esa lei cando se negou a abrir o pazo ao público".

Un convenio "impresentable"
O convenio que asinou agora a Xunta cos propietarios é tachado pola asociación de "impresentable", pois "pon todos os obstáculos para que o pazo non sexa visitado". Neste sentido, apunta que demanda "requisitos discriminatorios e de dubidosa legalidade, como dar os datos persoais por correo electrónico a unha empresa privada de seguridade, e cun horario imposible de cumprir para moitas persoas que teñan unha xornada normal de traballo".

Tras insistir en que se trata dun "caso insólito, porque estes requisitos non se esixen para visitar outros monumentos declarados BIC", agrega que "o problema de fondo é que en Galicia o PP aínda non rompeu o cordón umbilical co franquismo e teñen medo a aplicar a lei aos descendentes do ditador". Finalmente, demanda da Xunta que faga público o contido íntegro do convenio coa familia Franco.


Fátima Carballo Río 2ºBach B
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 19-03-2011 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal