EDLfranciscanasOurense


Blog do EDL do Colexio Plurilingüe Divina Pastora de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Conclúe a restauración na torre norte da catedral de Santiago.
As tarefas de restauración da torre norte da catedral de Santiago finalizaron e os traballadores xa comezaron a desmontar as estadas que cobren a fachada, un feito que permitirá que esa construción non estea cuberta por estadas na tempada estival. Aínda así, as estadas si que permanecerán no «castillete» desta torre, por ser dende onde os traballadores acceden, tamén, á restauración da torre sur, polo que a infraestrutura non se pode quitar na súa totalidade.

En todo caso, o xerente deste templo que preside a praza do Obradoiro, Daniel Lorenzo, pediu que a estada non se converta «nunha obsesión», xa que, ironizou, «que estean» é unha boa noticia e «o perigo sería que non os houbese», porque se a Catedral «non se intervén, destrúese». En canto ás actuacións na torre sur, Lorenzo recoñeceu que se prolongarán no tempo, posto que o estado de conservación desta era peor do que se esperaba.

Martín Pérez Rodíguez, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 27-02-2015 20:17
# Ligazón permanente a este artigo
Feijóo asina na Coruña un memorando para o estudo do portugués na Galiza
Nun acto que se desenvolveu na Coruña, na sede da Real Academia Galega (RAG) que contou coa presenza do presidente da República de Portugal, Anibal Cavaco Silva, quedou asinado o Memorando entre a Xunta e a Embaixada da República de Portugal en España para a adopción do portugués como lingua estranxeira de opción e avaliación curricular no sistema educativo non universitario galego.

No seu discurso, Alberto Núñez Feijóo falou da necesidade de aproveitar no ensino a oportunidade “entre a lusofonía e os galegofalantes”. Segundo afirmou, o memorando “reafirma os vencellos entre Portugal e Galicia, afianza a amizade entre Portugal e España e representa un paso máis na tarefa da construción europea”.

“A lembranza do tronco común das nosas linguas está na orixe deste acto”, sinalou ao tempo que se referiu ás oportunidades de futuro da relación entre as linguas. Fixo mención así a que o portugués é a sexta lingua máis falada no mundo, a quinta máis empregada en internet e a terceira en redes como facebook e twitter.

Non é este o primeiro aceno de Feijóo cara ao portugués. Mesmo nalgunha tertulia da caverna madrileña o presidente da Xunta ten defendido o caráter internacional da lingua galega através da lusofonía. Porén, a efeitos prácticos, neste momento en Estremadura existen máis aulas de ensino secundario leccionando português do que na Galiza.

Sofía Fernández Martínez, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 27-02-2015 20:15
# Ligazón permanente a este artigo
Un documental recolle a expansión mundial dunha técnica galega de cirurxía de pulmón
E por que non? A resposta a esta pregunta é a historia dun sono cumprido. A interrogante formuloulla hai anos o cirurxián coruñés Diego González Rivas. Se era posible realizar unha operación con tres pequenas incisións, sen necesidade de abrir o paciente, por que non sería posible facelo cunha? Conseguiuno por primeira vez no 2010 cando extirpou un tumor de pulmón mediante videocirugía cun só corte de menos de catro centímetros. Foi o principio dunha técnica, denominada Uniportal Vats, que dende entón se estendeu por máis de trinta países de todo o mundo, un procedemento minimamente invasor que acelera a recuperación do ENFERMO e evita complicacións postoperatorias.

Antía Corral Álvarez, 1º de Bacharelato.

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 27-02-2015 20:13
# Ligazón permanente a este artigo
Sen rastro dunha xoven lusa desaparecida en Ourense.
María de Lourdes Marques, o seu esposo e o seu fillo adolescente viven pendentes do teléfono móbil. Onte non houbo sorte. Só foron chamadas de familiares, amigos ou coñecidos interesándose pola súa filla de 21 anos. Os interlocutores reclamaban información, pero non a proporcionaban. A familia ao completo xa está en Ourense, a 400 quilómetros da súa cidade, Castelo Branco. Esperan que alguén lles dea noticias de Sandra Isabel Antunes Marques, quen desapareceu na noite de luns, tras unha cea cunha amiga.

Dende entón, a busca policial, que onte se centraba nas marxes do Miño, resultou infrutuosa. A moza reside na cidade dende o 24 de outubro do pasado ano xa que lle foi concedida unha bolsa Leonardo para realizar prácticas como traballadora social na Fundación Meniños. A bolsa expiraba o próximo 24 de marzo.

A nai de Sandra di que é "unha rapaza normal e responsable" que nunca deu visos de estar deprimida salvo este fin de semana, na que a notou "un pouco baixiña". Pero tratou de animala e ata cre que o conseguiu. A última vez que contactou con ela foi o luns pola noite por Facebook, tal como facían todos os días, e alegrouse de que fose a cear cunha amiga. "Eu animeina e díxenlle que era bo que se divertira para non pensar en problemas", asegura. Ao día seguinte non puido contactar con ela. Só puido ler mensaxes tristes e rapidamente dirixiuse á cidade para denunciar a súa desaparición.

A última que viu a moza foi a amiga coa que ceou, pero, segundo relatou á Policía, non quixo saír de festa de Entroido e dixo que se ía ao piso que comparte con outras tres mozas. Na casa deixou o móbil, e na caixa de correo, as chaves da casa.

Luis, o seu irmán, asegura que a Sandra lle gustaba o traballo ben feito e ás veces se obsesionaba con iso porque "é moi esixente con ela mesma". A súa nai engade que está moi apegada á familia. "A miña filla contábamo todo, eramos moi amigas, non había secretos. Ela é moi chegada dá familia", di. Por esta razón, sabe que non tiña problemas sentimentais.

Andrea Marquina Rodríguez, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 27-02-2015 20:11
# Ligazón permanente a este artigo
A ECONOMÍA GALEGA, Á SOMBRA DA ESPAÑOLA
A economía galega medra moi por baixo da media do Estado español e tamén menos que as propias previsións que a Xunta de Galiza realizou. Dados ambos os dous que deitan unha xerra de auga fría sobre as proclamas e discursos triunfalistas do goberno galego sobre a economía galega.

Os dados do Instituto Nacional de Estatística confirman que a economía galega medrou un 0,4% en 2014, un punto por baixo da media do Estado español (1,4%). Cómpre lembrar que en maio do ano pasado a propia Xunta a través da Consellaría de Economía variaba a súa previsión de medre para 2014, elevándoa até o 1,2%, catro décimas por riba do previsto no Orzamento. Elena Muñoz, conselleira, defendía a pertinencia desa variación en dados e interpretacións que sinalaban o bo momento da economía galega. Pouco despois, no outono, rebaixaba esa predición até o 0,9%.

Desde a Xunta evadiron nesta quinta feira responsabilidades ao respecto desta "ralentización"' da economía galega, e mesmo xogaron a baza do triunfalismo, destacando que é o mellor comportamento do PIB galego desde 2010.

Fiel ao seu estilo, Feijóo fuxiu das súas responsabilidades e atribuíu o exiguo crecemento á queda de dous sectores básicos da economía galega, o naval e a automoción.

Manuel Alejandro Fernández Carrasco, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 27-02-2015 20:09
# Ligazón permanente a este artigo
Os Xerais abren os seus xurados a través dunha convocatoria pública
Os xurados dos Premios Xerais xa non estarán compostos por persoas decididas só pola propia editorial. A través dunha convocatoria pública, quen queira participar no proceso de elección de obras gañadoras do Premio Xerais de Novela, do Merlín de literatura infantil e máis o Jules Verne de literatura xuvenil, pode presentarse para formar parte dos xurados desta nova convocatoria dos recoñecidos premios literarios.

Se desde hai tres décadas a editorial optou por integrar lectores e lectoras non profesionais como membros dos xurados dos seus premios, agora dá un paso adiante e abre a posibilidade para quen o desexe formar parte do grupo que selecciona as obras gañadoras entre os orixinais presentados. “É unha incógnita para nós a acollida que pode ter este chamamento, cuxa intencionalidade é facilitar a lectores e lectoras que se presenten voluntarias poidan gozar durante dous meses unha moi intensa e complexa experiencia literaria”, explica o director da editorial, Manuel Bragado no comentario que insire no seu blog Brétemas.

Anímovos a que participedes e podades ser parte de este xurado tan especial, non sen antes disfrutar os libros!

Sandra Tornero Belloso, 1º de Bacharelato.

Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 27-02-2015 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
Fernando Alonso sofre un accidente en Montmeló
O piloto español Fernando Alonso, que este luns sufriu un accidente no Circuíto de Cataluña, permanecerá en observación entre 24 e 48 horas, informou o seu representante, Luis Garcia Abad, no Hospital Xeral de Barcelona. “Fernando someteuse a varios recoñecementos por precaución e está ben. Así e todo permanecerá entre 24 e 48 horas en observación”, dixo García Abad. “Veu por precaución. Fixéronselle todas as probas pertinentes, que saíron ben. O choque co valo provocou todo o demais. Agora está na padiola, cómodo e tranquilo. Todo ocorreu en situacións normais”, dixo García Abad.

Ademais, García Abad aclarou que o accidente non se debeu a un fallo do coche ou a unha indisposición do piloto. “Desmentimos que se atopase mal antes do accidente. O coche colleu grip, había un vento tremendo e foise contra o valo”, dixo.

Alonso rodaba a unha velocidade relativamente baixa cando sufriu o accidente segundo asegurou o piloto alemán Sebastian Vettel. “A velocidade era máis ben lenta, tal vez a 150 quilómetros por hora. Despois chocou contra o muro. Pareceume raro”, dixo o catro veces campión do mundo á revista alemá Auto, motor und Sport.

Lucía Vázquez Nóvoa, 4º ESO A.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 27-02-2015 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
Polémica pola extrema delgadeza dunha modelo nunha revista danesa.
As fotografías dunha modelo na revista danesa Cover desataron a polémica no país a raíz de que varios usuarios se fixeran eco das polémicas que se levantaron a través das redes sociais.

En concreto, é a súa extrema delgadeza a que chamou a atención dalgúns medios, e sobre todo dos usuarios das redes sociais. As fotografías son impactantes. Nelas pódese ver a nova modelo posando para a revista nunhas fotografías que resaltan as súas pernas, cara e incluso mans máis delgadas do habitual.

Foron moitos os usuarios de twitter os que lamentaron que estas fotografías saíran á luz, e ademais nunha revista de moda, que é o espello no que moitas persoas se fixan.

Tal foi o escándalo en Dinamarca que a fundadora da revista disculpouse a través da televisión asegurando que “esta vez cometín un erro, non debín publicar esta foto”.

Selena González Rodríguez, 4º ESO B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 27-02-2015 20:02
# Ligazón permanente a este artigo
UN CADRO DE GAUGUIN, A OBRA MÁIS CARA XAMAIS SUBASTADA
O cadro 'Nafea Faa Ipoipo' (' Cando casarás comigo? '), unha obra do pintor francés Paul Gauguin, converteuse na obra de arte máis cara xamais subastada ao alcanzar un prezo na poxa de 265 millóns de euros, segundo informa a cadea británica BBC.

A obra, de 1892, era propiedade do coleccionista suízo Rudolf Staechelin, quen a doara ao Museo de Arte de Basilea (Suíza), ata que discrepancias coa dirección o levaron a poñer a obra a poxa.

O óleo foi pintado polo artista francés durante a súa estanza enTahití, onde chegou un ano antes. Segundo fontes da cadea británica non confirmadas, o cadro tería sido vendido a un museo de Qatar. Previamente, un coleccionista qatarí pagara a cantidade máis alta ata agora xamais fixada por un cadro: 'Os Xogadores de Cartas', de Paul Cézanne, vendido por 228 millóns de euros.

Irene Iglesias Bastos, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 27-02-2015 19:59
# Ligazón permanente a este artigo
2025: viaxe sen retorno a Marte

Mars One, o proxecto creado por unha fundación holandesa que prepara unha misión sen retorno a Marte para establecer en 2025 unha colonia permanente no planeta vermello, non está exento de críticas e algúns detractores consideran pouco ético que esta viaxe sexa só de ida. O cofundador do proxecto e inspirador da aventura Mars One, Bas Lansdorp, explicou a Efe que esas críticas veñen normalmente de persoas que non coñecen en detalle o seu plan.

Mars One é un proxecto xestionado pola fundación holandesa creada por Lansdorp e o físico Arno Wielders, que pretende enviar no 2018 unha primeira expedición e a partir do 2025 iniciar unha colonia humana permanente e autosuficiente no planeta vermello. A iniciativa tivo algunhas críticas procedentes do prestixioso Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT) de Estados Unidos, que nun recente estudo elaborado por estudantes baixo a dirección da doutora Sydney Do alertaba de problemas de viabilidade técnica e na previsión de custos.

Lansdorp entende que un proxecto así teña detractores, pero considerou que «Marte é agora o paso máis lóxico no camiño de expansión humana no sistema solar e máis alá» e agregou que viaxar a outro planeta segue sendo algo complicado de entender. «Neste momento, Marte parece algo difícil e calquera intento máis alá deste planeta parece case imposible. Non obstante, cando xa esteamos a vivir en Marte, todos os novos avances na nosa exploración nos parecerán sinxelos e próximos», engadiu.

Cristina Rey Pérez, 4º ESO B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 27-02-2015 19:58
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal