Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

"A contrapartida á barbarie de París non pode ser a guerra”
Máis dun centenar de persoas berraron este sábado en Vigo contra “a guerra imperialista”. Decenas de colectivos sociais, sindicatos e partidos políticos convocaron unha concentración para denunciar a resposta militarista contra os atentados de París. “A contrapartida á barbarie de París non pode ser a guerra, e si a fin das ofensivas internacionais que deixan tras de si regueiros de medo, torturas e matanzas indiscriminadas de milleiros de persoas”, manifestou o escritor Xosé Álvarez Cáccamo, que deu lectura do manifesto conxunto.

Recordaron que en Palestina, Afganistán, Iraq, Libia, Sudán, Iemen ou Siria, “as bombas e as armas da UE, da OTAN, de Israel e Estados Unidos masacran a diario milleiros de inocentes”. “A paz é un valor sempre ameazado polo odio e polos intereses imperialistas en todo o mundo. A primeira vítima das tensións bélicas mundiais son os dereitos e a democracia”, remarcou Álvarez Cáccamo.

Ana García Barandela, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 06-12-2015 16:06
# Ligazón permanente a este artigo
O Premio de Poesía Victoriano Taibo, en perigo
O Premio de Poesía Victoriano Taibo leva xa sete edicións e xa estaba consolidado como un dos premios de poesía máis valorados do país, cunha dotación de 2.000 euros e a publicación da obra premiada. Sen embargo, este ano a institución que o financiaba (Entidade Local de Morgadáns, unha organización pública parroquial, das poucas que existen en Galiza) por mor dun cambio de goberno decidiu non apoialo cando xa estaba convocado e a piques de comunicar o gañador ou gañadora.

Desde entón o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) que o promove está a convocar ao mundo da cultura para que apoie este galardón acudindo masivamente o vindeiro día 12 ao acto de entrega do VIII Premio, que foi financiado 'in extremis' polo Concello de Gondomar.

O IEM puxo a andar e 2007 este galardón coa idea de recuperar a memoria do mestre galeguista, escritor, lingüísta e académico Victoriano Taibo (Compostela, 1885 - Vigo, 1966), que foi mestre nesta parroquia de Gondomar durante máis de vinte anos, primeiro represaliado e logo restituído no seu posto. Membro da RAG, Taibo foi discípulo literario de Cabanillas e ten publicado tres poemarios, unha colección de contos e un ensaio dedicado a Rosalía.

Nestas sete edicións acadaron o galardón destacados poetas como Carlos Negro, Carmen Caramés, Elvira Ribeiro e Silvia Penas, Goretti Fariña, Carlos Solla, ConcepciónÁlvarez, Ramón Sandoval e Lara Rozados.

Sandra Tornero Belloso, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 06-12-2015 16:05
# Ligazón permanente a este artigo
Caso Asunta: As seis razóns polas que o avogado de Rosario Porto pide a súa absolución
O recurso que presentou o avogado de Rosario Porto pide que se revogue a súa condena a 18 anos de prisión e que lla absolva porque considera que todos os feitos probados no xuízo baseáronse en «especulacións, suposicións ou conxecturas». José Luis Gutiérrez Aranguren arma a súa apelación ao redor de seis puntos principais nos que pon en dúbida desde a autopsia ata a actuación tanto do xuíz instrutor, Vázquez Taín, como do que presidiu o tribunal e redactou a sentenza, Jorge Cid Carballo.

No caso de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que é quen resolverá o recurso, non acepte absolver a Rosario Porto, o seu avogado pide que se declare nulo o xuízo e celébrese outra vista oral. Fundamentalmente, sostén que o xuíz instrutor foi parcial, que o presidente do tribunal influíu no xurado e que os xurados estaban contaminados polas informacións aparecidas nos medios.

Antía Álvarez Ferro, 2º de Bacharelato.

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 06-12-2015 16:04
# Ligazón permanente a este artigo
Os ricos galegos, máis ricos cada ano.
Os 7.500 contribuíntes en Galiza coas rendas máis altas acumulan un patrimonio que supera xa a barreira dos 31.000 millóns de euros, case 5 veces os orzamentos da Xunta de Galiza para o exercicio 2016. Unha fortuna, eses 31.200 millóns de euros, que supón mil millóns de euros máis que no ano anterior. Mel sobre filloas para unhas rendas para as que semella que a crise non foi un problema. Son dados do Imposto de Patrimonio da Axencia Tributaria, un gravame que se recuperou en 2011 após ser suspenso 'de facto' en 2008 polo daquela goberno do PSOE.

Hai en Galiza, pois, case 7.500 contribuíntes no grupo das rendas máis altas. Para declarar por este imposto ou ben tes bens por valor superior aos dous millóns de euros, ou ben os bens (deducidas débedas) e o importe da vivenda principal supere os setecentos mil euros. Con estes criterios, apenas o 0,25% dos galegos teñen que facer esta declaración, quer dicir, un por cada 400 contribuíntes.

Manuel Alejandro Fernández Carrasco, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 06-12-2015 16:02
# Ligazón permanente a este artigo
GALAXIA HOMENAXEA NO CULTURGAL ÁS FIGURAS DE XOSÉ NEIRA VILAS E CASTELAO
A Editorial Galaxia estará presente esta fin de semana na Feira das Industrias Culturais de Galicia, a 'Culturgal', cun stand propio no que se homenaxeará a dous clásicos das Letras Galegas: o recentemente falecido Xosé Neira Vilas e Castelao.

Segundo explicou a editorial, Neira Vilas preparaba con ilusión nas últimas semanas o lanzamento na feira da súa última novela, Romaría de historias, mentres que Castelao estará presenta a través do relanzamento de Cousas da vida e de Cincuenta homes por des reás.

Galaxia presentará tamén nesta feira novidades como o ensaio colectivo Tempos chegados? E o sábado 5 de decembro haberá ocasión de recordar a figura de Xosé Neira Vilas nunha conversación entre Fina Casalderrey, Dores Vilavedra, Piar Sampedro, Loli Beloso e Víctor F. Freixanes. Asemade, haberá espazo para os grandes premios literarios deste ano: Marcos Calveiro, autor de Fontán e Premio de Narrativa Breve Repsol; Manuel Portas, autor de Lourenço, xograr, Premio García Barros, e Arantza Portabales, autora de Sobrevivindo, co Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia.

Pola tarde, Julia Fernández Rodríguez ofrecerá un taller para docentes chamado 'Creaemocionatividade', no que explicará a importancia de traballar a educación emocional e a creatividade no ensino.

Xeila Crespo Rodríguez, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 06-12-2015 16:00
# Ligazón permanente a este artigo
“AQUEL RAPAZ DINAMARQUÉS”
Todas as historias teñen un comezo. A de Gustav Henningsen e Marisa Rei principia nun hotel nas aforas da cidade dinamarquesa de Helsingör, onde Shakespeare ambientou o eterno dilema do príncipe Hamlet. Era agosto, as vacacións do ano 1956. Marisa, unha estudante de orixe galega, que cursa en Londres a carreira de Early Modern English Literature, chega a ese porto de mar acompañando a unha amiga inglesa e aos seus dous fillos. Ese mesmo día chega tamén Gustav, un estudante de Slagelse, unha vila ao sur de Copenhague. "Abondou con mirarnos durante a cea. Non nos separamos en todo o mes", lembraría Gustav pasado o tempo. Casaron ao ano seguinte. As raíces galegas de Marisa facilitaron o desembarco neste país de Gustav, que durante tres anos, entre 1965 e 1968, desenvolveu as súas investigacións etnolóxicas en varios lugares de Galicia -Santo André de Teixido, as Ons e Ordes-, subvencionado pola Universidade de Copenhague. O material gráfico daquela investigación arredor das crenzas populares galegas é o corpus principal da exposición Galicia Máxica. Reportaxe dun mundo desaparecido, organizada polo Museo do Pobo Galego, patrocinada pola Deputación da Coruña e que se pode visitar en San Domingos de Bonaval.

Elena Outomuro López, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 06-12-2015 15:59
# Ligazón permanente a este artigo
Os científicos negan que poida falarse dun cerebro masculino e outro feminino
O cerebro humano presenta diferenzas en función do sexo, pero non pode falarse de que haxa un cerebro masculino e outro feminino, segundo un estudo que publica este luns a revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS).

As diferenzas cerebrais en función do sexo teñen un alto interese social porque se asume que a súa presenza proba que os humanos pertencen a dúas categorías distintas, non só en termos dos seus xenitais. Este estudo, liderado por científicos da Universidade de Tel Aviv, afirma que os cerebros humanos están compostos de «mosaicos» únicos de trazos característicos, algúns máis comúns nas mulleres en comparación cos homes, outros máis comúns nos homes comparado coas mulleres e algúns comúns en ambos.

A análise revela que os cerebros nos que predominan características só de mulleres ou só de homes son moi escasos. Para chegar a esta conclusión, a investigadora principal, Daphna Joel, e o seu equipo analizaron máis de 1.400 cerebros humanos con catro conxuntos de datos.

Patricia González Fernández, 2º Bach.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 05-12-2015 14:33
# Ligazón permanente a este artigo
Morre Ramón Lugrís, europeísta que «capitaneou o novo galeguismo»
Foi unha figura clave para Galicia, pero levaba anos anomalamente ocultada. O pasado 17 de novembro Xosé Luís Franco Grande, Xulio Ríos e Gonzalo Rodríguez Mourullo reuníronse en Madrid co xornalista Ramón Lugrís (Ferrol, 1932) e, nunha pequena homenaxe, entregáronlle un libro como agasallo, comeron con el, conversaron longa e afablemente. «Estaba feliz», recorda o escritor e académico Franco Grande. Pero, de repente, onte, Lugrís sentiuse mal; unha embolia acabou coa súa vida.

A Real Academia Galega (RAG) lamentou a morte de Ramón Lugrís, unha «voz destacada do galeguismo europeísta». A través dun comunicado, a RAG recordou a figura de Lugrís como «voz destacada da xeración de xóvenes que traballou pola recuperación da conciencia galeguista nos 50».

Para Xesús Alonso Montero, presidente da institución, Lugrís foi «un dos pioneros» da xuventude dos anos 50 que «levantaron por primeira vez a bandeira do galeguismo», unha traxectoria na que foi decisiva a figura de Ramón Piñeiro.

Antía Corral Álvarez, 2º Bach.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 05-12-2015 14:25
# Ligazón permanente a este artigo
Un proxecto pedagóxico para botar a andar o Ano Castelao.
As estampas sobre nenos e nenas de Castelao son o punto de partida do proxecto pedagóxico que a Deputación presenta o venres no Culturgal. Trátase dunha unidade didáctica que aborda diferentes aspectos da vida diaria da época de comezos do século XX recollidos nos debuxos do autor, na que os cativos e cativas son protagonistas, relacionándoos coa actualidade.

Está destinada a un uso pedagóxico transversal a través da literatura galega, a filosofía, a ética ou as ciencias sociais; e o tramo de alumnado ao que vai dirixido abrangue desde 4º da ESO ata 2º de Bacherelato. Este traballo está realizado por Diana Vilas e Óscar Rodríguez, que xa tiñan editado un estudo anterior sobre a representación na infancia en 'Cousas da vida' de Castelao.

Diana Vilas indicou que "o estudo da historia da infancia é relativamente recente, e totalmente inédita no ámbito galego". A autora explicou que a unidade didáctica toma diferentes fontes documentais, como novas dos xornais da época ou textos lexislativos, e se relacionan coas vivencias das crianzas reflectidas nas estampas. "Para relacionar estes dous mundos tan dispares utilizamos un personaxe de ficción creado polo profesor Manuel Rodríguez Conde que leva o nome de Afonsiño, en lembranza do fillo do propio Castelao, e que serve de guía a través de pequenos relatos de ficción" sinalou Diana Vilas.

Pola súa banda, Óscar Rodríguez fixo fincapé en que "a unidade didáctiva é fundamentalmente exercitiva, para permitir que o alumnado constrúa o contido a partires das actividades" ao tempo que destacou que "usa unha metodoloxía anovadora enfocada ao uso das TIC's que tanto profesorado como alumnado teñen ao seu dispor".

'A nenez galega a través dos anteollos de Castelao' presentarase hoxe, ás 19:00h no Programa Foro do Culturgal, e contará coa presenza do deputado de Cultura, Xosé Leal, e dos autores, Diana Vilas e Óscar Rodríguez. Durante os días da Feira, esta publicación estará dispoñible no posto da Deputación e durante o vindeiro ano chegará aos centros educativos e ao departamento didáctico do Museo de Pontevedra, ao que se lle dedica un último capítulo específico na mesma.





Candela Fernández del Pon, 4ºB.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 04-12-2015 15:54
# Ligazón permanente a este artigo
Cuba homenaxea a Neira Vilas con presenza estradense.

A delegación estradense na Habana, encabezada por Juan Constenla, participou onte na primeira homenaxe que rende a capital cubana a Xosé Neira Vilas, nun acto que tivo lugar no Instituto de Literatura e Lingüística. Unha institución que acolle o fondo bibliográfico en galego que estaba depositado no Centro Galego, despois de ser rescatado polo mesmo Neira Vilas para crear dese xeito a que se considera biblioteca máis grande de literatura galega no exterior.
Constenla deixou constancia da relación do escritor de Gres coa Estrada, ao tempo que fixo chegar ao cento de participantes no acto unhas verbas de Valentín García, amigo persoal do autor.
Foi na derradeira xornada da viaxe institucional, na que a delegación estradense visitou tamén o Centro Galego, xunto co presidente das sociedades galegas e do Centro Rosalía de Castro, Sergio Toledo, e co delegado da Xunta en Cuba, Enrique Repiso. Puideron ver de preto os avances das obras de restauración do edificio, que cumpre tamén este ano o seu centenario; uns traballos que afrontan a recta final.
Dende a colectividade estradense na Habana, suliñan a apretada axenda de traballo da delegación que acudiu aos actos do centenario da entidade que aglutina aos fillos da Estrada, fundada o 4 de xuño de 1915, e da que Neira Vilas era socio de honor. Uns días que incluiron desde unha homenaxe aos estradenses falecidos en Cuba que repousan no panteón social do cimeterio de Colón a un concerto na Plaza de Armas, ou a xuntanza de confraternidade estradense, na que se entregaron varios recoñecementos, con intervención final de Manuel Barros, que falou en nome dos galardoados.



Laura Feijoó González, 4ºA.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 04-12-2015 15:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal