Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O cantante de Los Suaves Yosi trasladado ao hospital
O cantante do grupo de rock ourensán Los Suaves, Yosi Domínguez, tivo que ser trasladado ao hospital tras precipitarse do escenario cara ao público e golpearse contra o valo metálico que separaba aos espectadores do escenario.

Diversos comentarios nun grupo de Facebook, afirman que se golpeou contra os valos da primeira fila e tiveron que parar o concerto. Unha fan afirma que "Foi visto e non visto. Non puideron nin detelo. Dixo Charlie que o levaban ao hospital".

Laura Pérez Madriñán, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 13-12-2015 18:16
# Ligazón permanente a este artigo
O Sorriso de Daniel reivindica a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade
O Sorriso de Daniel publica un novo calendario con fotografías de Soledad Felloza. Nesta ocasión reúne unha manchea de imaxes das igrexas románicas dos concellos de Taboada e Chantada. A través do calendario, a entidade quere reivindicar a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

O roteiro que percorreu as igrexas de Santa María de Pesqueiras e San Salvador de Asma en Chantada e a de Santa María de Castelo en Taboada serviron, amais de para presentar o calendario, para homenaxear Xaime Delgado Gómez, finado hai dous anos e autor dunha extensa obra sobre o románico de Lugo.

En comunicado de prensa, O Sorriso de Daniel apunta que reivindicou desde Taboada a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade porque “a falta de información oficial verificada recentemente, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra colgou na súa web un mapa do grupo de traballo que está a redactar a candidatura e excluiría a práctica totalidade das igrexas románicas de Chantada e todas as de Taboada”.

Sofía Fernández Martínez, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 13-12-2015 15:36
# Ligazón permanente a este artigo
#PebloIsReal
Pablo Iglesias e Pedro Sánchez ámanse. Ámanse porque o amor pode con todo: coas barreiras ideolóxicas, cos casos de corrupción, coa competición polo trono de votos e ata coa mismísima caste. Ámanse e o seu amor é puro e verdadeiro.

Centos de mentes creativas dedicáronse os últimos días a gritar a unión de Pablo e Pedro polas súas redes sociais. Dino eles, que foron capaces de ver máis aló da disparidade de estaturas, os bailes de San Vito e os House Water Watch Cooper do debate televisado do pasado luns. Máis aló deses sorrisos cegadores de Pedro Sánchez cuxo destinatario agora queda claro. E máis aló dese boli bic azul que, sospeitamos, puido perfectamente ser usado entre bambalinas para escribir notiñas secretas, poesía mesmo.

De súpeto, termos como “ship” (diminutivo de 'relationship' usado para expresar que es fan dunha parella ficticia concreta) que só utilizaramos para falar de personaxes e parellas de series, películas, libros ou cómics, aterraron como un meteorito contundente na vida política do noso país. E ata teñen o seu propio nome de parella, a carón de Brangelina (Brad Pitt e Angelina Jolie): aquí chega Peblo.

E que sabemos de Peblo á parte de que o seu amor é puro, verdadeiro e, como indican os seus seguidores, real? Pois se facemos caso aos fics (relatos escritos por fans baseados en obras ou personaxes maioritariamente ficticios) que xa pululan por Wattpad e Tumblr sobre a parella, o primeiro que confirmamos é que a súa é unha historia digna de telenovela interminable.

No relato “Podemos… ser amigos”, Iñigo Errejón é un pobre resentido co corazón partido porque Pedro Sánchez lle roubou ao home da súa vida. En “You are my sunshine” Pedro, que non pode quitarse da cabeza ese'Non te poñas nervioso' do debate, soña con enterrar as súas mans na coleta de Pablo mentres lle bica apaixonadamente. Pero se hai unha temática que se repite nestes relatos decididos a documentar a que probablemente sexa a historia de amor máis truculenta e descacharrante da nosa democracia, é aquela que lle segue a sombra a Christian Grey e Anastasia. En “50 sombras de Pedro”, Pablo acode a entrevistar a Pedro substituindo a Moedeiro, sospeitamos (porque así se insinúa), con eróticos resultados. E en “Fifty Shades of Peblo”, entran directamente ao meollo do asunto, cun Pedro que pide, excitado, que Pablo lle chame ‘Presidente’ e un Pablo cunha única maneira de deter tan intenso frenesí: usar a súa palabra de seguridade: Troika.

O amor é así. Ás veces un pouco tolo, ás veces imposible, ás veces completamente inesperado, e ás veces todo o anterior xunto. E quen somos nós para poñerlle trabas ao amor? Seica non estamos en eleccións? E seica o fin último das eleccións non é deixar que o pobo fale e decida? Pois xa está, o pobo falou, e decidiu que #PebloIsReal.

Laura Abad Álvarez, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 13-12-2015 15:25
# Ligazón permanente a este artigo
Por primeira vez todas as obras de gran formato de Castelao, xuntas
A Deputación de Pontevedra pensa dedicar boa parte da súa programación de 2016 a Castelao, a quen se lle dedica o Día das Artes Galegas instaurado pola Academia de Belas Artes de Galiza. Ademais no vindeiro ano cúmprense 100 anos da chegada deste autor á cidade de Pontevedra.

"No ano 2016 o Museo de Pontevedra vai ser un centro de referencia tanto para as efemérides relacionadas co Ano Castelao como por mor do centenario do nacemento de Valle Inclán", anunciou o deputado de Cultura, Xosé Leal, na presentación das grandes liñas de actuación do Museo provincial para o vindeiro exercicio.

Leal explicou que Castelao protagonizará dúas grandes exposicións. "Haberá unha primeira exposición sobre o Castelao artista que se inaugurará o 1 de abril, con motivo do Día das Artes Galegas, e que reunirá por primeira vez na historia a totalidade da obra de gran formato de Castelao" sinalou Leal. O deputado de Cultura estivo acompañado na presentación polo director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, que explicou que esta primeira exposición "recolle a obra do primeiro Castelao desde o punto de vista biográfico e que atinxe ás dúas primeiras décadas do século XX".

A segunda exposición referida a Castelao está previsto que se presente o 28 de xuño coincidindo coa data da celebración do plebiscito do Estatuto de 1936. Levará por título 'Castelao - Meu Pontevedra' e segundo indicou o deputado de Cultura "estará composta na súa maior parte por fondos propios do Museo e do Arquivo e suporá unha reflexión sobre a Pontevedra na que lle tocou vivir a Castelao no primeiro terzo do pasado século".

O centenario do nacemento de Valle Inclán acadará protagonismo coa exposición 'El rostro de las letras' que se presentará de cara ao outono da man de Acción Cultural Española. Trátase dunha mostra fotográfica que fai un itinerario polas grandes figuras literarias e fotográficas desde o Romanticismo ata a xeración de 1914. No eido das exposicións, o deputado tamén mencionou a mostra retrospectiva que se dedicará a Miguel Anxo Prado.

Sandra Tornero Belloso, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 13-12-2015 15:24
# Ligazón permanente a este artigo
VINTE COMERCIOS OPTARÁN AO MELLOR ESCAPARATE DE NADAL E DAN A BENVIDA Ó APALPADOR
Segue a programación de Nadal na capital amesá, un concello que recibiu a visita do Apalpador nas últimas horas e que terá certame de escaparates de tempada coa participación de vinte establecementos comerciais.

Empezando co Apalpador, foi o contador de contos, Anxo Moure, o encargado de abrir a programación local e de encarnar a esta figura da mitoloxía galega que visitou ao alumnado dous centros educativos de Infantil e Primaria, así como aos rapaces das unitarias e escolas infantís.

Elena Outomuro Lopez, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 13-12-2015 15:22
# Ligazón permanente a este artigo
Unha lei para privatizar o mar galego
Non é doado poñer de acordo a todos os sub-sectores que viven do mar en Galiza, desde os mariñeiros da frota de baixura ás mariscadoras, pasando por bateeiros (mexilloeiros), percebeiros, e demáis. Mais o anteproxecto de lei da acuicultura da Xunta logrou ese acordo... na súa contra. Esta fin de semana comezará a evidenciarse en público o que é un clamor dentro do sector do mar: é un proxecto contrario aos intereses do sector do mar de Galiza e que beneficia o desembarco de multinacionais da acuicultura industrial a costa de destruír e desprazar os sectores produtivos tradicionais. Confrarías, agrupacións de mariscadoras, colectivos da frota artesanal e asociacións mexilloeiros van dar roldas de imprensa para facer público este malestar.

“É un ante-proxecto de marcado carácter neo-liberal”, explícase nun documento dunha agrupación bateeira da Ría de Arousa que fai parte de Opmega, a principal organización do sector productor mexilloeiro. Coa Lei de Acuicultura a Xunta “trata de facer o mesmo que intentan facer en todo: privatizar”. Mais, privatizar o mar, é posíbel? Para os sectores produtivos das nosas rías a proposta do goberno galego demostra que si.

Manuel Alejandro Fernández Carrasco, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 13-12-2015 15:22
# Ligazón permanente a este artigo
A USC, á cabeza das universidades en divulgación científica
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) sitúase á fronte das universidades españolas con máis proxectos financiados pola Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt) a través da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e de innovación de 2015, un programa que na súa última edición recibiu 722 solicitudes das que se aprobaron un total de 190. Do total das propostas aprobadas para o seu financiamento, sete corresponden a proxectos presentados e liderados por profesores e investigadores da institución académica compostelá.

Entre os proxectos da USC que volven a contar con respaldo económico da Fecyt mantéñense programas xa coñecidos e consolidados como o son o campionato internacional de modelado de precisión en 3D con teléfono móbil D3Mobile, dirixido por Juan Ortiz.

Irene Iglesias Bastos, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 13-12-2015 15:20
# Ligazón permanente a este artigo
'Ramón Piñeiro. A Vontade da intelixencia' repasa a traxectoria vital do galeguista
A nova obra 'Ramón Piñeiro. A Vontade da intelixencia' presenta unha fotobiografía editada por Henrique Monteagudo na que se percorre a traxectoria vital do ilustre galeguista a través dunha recompilación fotográfica contextualizada.

A iniciativa parte da colaboración entre a Fundación Penzol, a Editorial Galaxia, o Consello da Cultura Galega e o Parlamento de Galicia, cuxos principais representantes presentaron o libro este xoves en rolda de prensa. Ademais, contou coa participación de Siro López, entre outros.

Monteagudo destacou que un dos elementos principais de apoio para desenvolver o traballo foi a correspondencia de Piñeiro, grazas ás miles de cartas conservadas nos fondos de Penzol, articulando un discurso no que se mostra ao propio Piñeiro "construíndose" a medida que pasan os anos e "dando resposta" ás diferentes situacións que vai atopando.

O seu papel nas xuventudes galeguistas de Lugo, na II República, a súa marcha ao exército franquista "ameazado de morte" e a súa implicación na resistencia e a clandestinidade, entre outras, son algunhas das etapas abordadas nesta obra, se ben esta última resultou difícil de narrar ante a inexistencia de material documental e fotográfico, máis alá da memoria dos protagonistas.

Xeila Crespo Rodríguez, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 13-12-2015 15:19
# Ligazón permanente a este artigo
Un de cada tres traballadores galegos cobra como máximo o salario mínimo
O informe que vén de presentar o gabinete técnico da CIG sobre as rendas de traballo mostra datos demoledores sobre o impacto real da crise no mundo do traballo e na vida das persoas. Elaborado a partir de datos e informacións da Axencia Tributaria, o documento do sindicato nacionalista indica como desde 2009 baixaron os salarios e medrou a desigualdade.

Así, un 31% das persoas asalariadas en Galiza cobra como máximo o salario mínimo interprofesional. Ou sexa, que un de cada tres traballadores que hai no noso país gañaron como máximo 6.800 euros en 2014. A isto hai que engadir que un total de 177.314 persoas asalariadas tivo nese ano uns ingresos inferiores á metade do SMI, é dicir, que ingresaron menos de 1.884 euros. Un 18,4% do total de traballadores en Galiza están nesta situación, un dato que amosa a precariedade salarial con toda crueza.

No outro extremo, tal e como recolle o informe da CIG, están aqueles que ingresan máis de 10 veces o SMI, é dicir, por riba dos 141.374 euros anuais, e que en 2014 foron 4.005 persoas. Apenas un 0,4% dos traballadores de Galiza.

En 2009, os ingresos dunha persoa asalariada menor de 18 anos acadaban o 24% do salario medio; 5 anos despois, apenas o 22%, co engadido de que ese salario medio é un 2,6% menor. O ingreso descendeu en todos os grupos de idade, pero sobre todo entre os menores de 35, especialmente entre o colectivo entre 18 e 25 anos, cuxos ingresos son un 27,8% inferiores, de media, ao ano 2009. Os ingresos dos maiores de 56 anos practicamente cuadriplican os dos menores de 25 anos.

Ana García Barandela, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 13-12-2015 15:17
# Ligazón permanente a este artigo
O cume do clima de París «progresa» cun novo borrador de acordo.
O cume do clima (COP21) de París deu un paso adiante cun novo borrador de acordo que supón «un progreso» respecto ao texto anterior. O presidente da COP21 considerou que este debe ser o penúltimo documento que se consulte coas 196 partes da negociación antes de concretar o texto dun acordo global de loita contra o cambio climático.

Fabius convocou un plenario para que os representantes dos países acheguen «solucións» aos tres principais puntos que seguen abertos no borrador: a ambición do acordo, a diferenciación entre países ricos e pobres e o financiamento.

O obxectivo do futuro pacto climático global será que a temperatura do planeta non aumente máis de dous graos a finais de século respecto de niveis preindustriais, pero recoñecendo que o ideal sería un incremento de non máis de 1,5. O texto, máis parecido en forma a un acordo legal internacional, avoga por lograr a neutralidade en emisións (non emitir máis do que o planeta poida absorber) ao longo da segunda metade de século.

Antía Álvarez Ferro, 2ºde Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 13-12-2015 15:16
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal