Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ROSA MONTERO DONA Á BIBLIOTECA NACIONAL BORRADORES E NOTAS DAS SÚAS NOVELAS:

A xornalista e escritora Rosa Montero doou parte do seu arquivo persoal á Biblioteca Nacional de España (BNE), no que figuran anotacións manuscritas para varias das súas novelas, notas para obras que nunca chegou a escribir e recortes de prensa que reuniu para documentarse. Para a directora da BNE, Ana Santos, é un motivo «de alegría e agradecemento, posto que doa unha parte da súa vida», a documentación xerada no proceso creativo xunto a todas as edicións da súa obra, «o que constitúe un fondo único e de extraordinaria riqueza para calquera estudo que se queira facer sobre esta escritora imprescindible», dixo nunha nota. Entre as pezas entregadas hai oito axendas con anotacións manuscritas para varias das súas novelas, como Tratareite como unha raíña (1983), Bela e escura (1993), Instrucións para salvar o mundo (2008) e A filla do caníbal (1997). Tamén notas de novelas que nunca chegou a escribir, apuntamentos para unha entrevista a Amos Oz, ao redor de 170 cartas relacionadas coa súa profesión, varios borradores da súa novela A tola da casa (2002), unha libreta manuscrita con notas para Instrucións para salvar o mundo, así como recortes de prensa sobre feitos e acontecementos para perfilala. Montero tamén doou á Biblioteca Nacional 21 caixas de arquivos con numerosos recortes de prensa sobre ela e o seu traballo, así como toda a documentación da ópera Cambio nai por moto (2014), que a escritora fixo por encarga para o Teatro Real de Madrid, con música do compositor belga Frank Nuyts, e que, finalmente, non se chegou a estrear. Segundo informou hoxe a institución, a escritora é «unha entusiasta das bibliotecas, e, sobre todo, unha veterana usuaria da BNE, por iso tivo moi claro dende sempre onde quería que se gardase esta interesante 'parcela' da súa carreira profesional e da súa vida».

«Encántanme as bibliotecas, creo que son esenciais na cultura dun país, fan un labor marabilloso e, agora mesmo, ademais, están a pasar por un momento moi malo de recortes e falta de presupostos. Dentro das bibliotecas, o Nacional é obviamente unha xoia, un anaco moi vivo da nosa historia, e tamén da miña pequena historia persoal,» dixo pola súa banda Montero. A escritora, que recorría á BNE tanto na súa época estudantil como para documentarse para os seus artigos xornalísticos, destacou o labor de Ana Santos á fronte da institución, polo que para ela supón «unha honra e un orgullo poder estar aí». Non será a única doazón, xa que dispón de «moitas cartas persoais e outros arquivadores con todo o material doutras novelas», dos que por agora non quero desprender, «pero que rematarán aí antes ou despois». Esta doazón únese ás doutras personalidades que xa cederon á BNE os seus arquivos, como Antonio Muñoz Molina, Joan Margarit, José Luis de Delás, Manuel Ruiz de Amezcua e Joan Guillén.

Antía Corral Álvarez, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 07-12-2014 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
Cerdedo ten nos seus montes un cogomelo único no mundo
O municipio de Cerdedo posúe moitos atractivos, e dende onte súmaselle a Romaría cerdedensis, un cogomelo ata agora exclusivo e descuberto no lugar de Cabenca. O enxeñeiro agrónomo e profesor de microloxía na Escola de Formación e Capacitación Agroforestal de Lourizán Jaime Blanco foi quen a descubriu e o encargado de bautizala. Jaime asegura que esta modalidade de cogomelo é única no mundo e que o próximo ano publicará a súa descrición morfolóxica na revista internacional especializada en microloxía Mycosphere, «seguramente despois faga ou seu estudo molecular. Eu de todos os cogomelos que descubrín fixen a descrición morfolóxica e despois ás análises moleculares déronme a razón». Blanco tamén indica que probablemente a Romaria cerdedense non será comestible e que garda similitudes coa coñecida popularmente como coliflor de monte.

Cristina Rey Pérez, 4º ESO B.

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 07-12-2014 12:34
# Ligazón permanente a este artigo
Sermos Galiza lanzará este sábado no Culturgal a campaña #Porminnonvaiquedar
Este sábado 6 de Decembro, e tomando o Culturgal como cenario, Sermos Galiza lanza a campaña #Porminnonvaiquedar dirixida a reforzar e a alargar o tecido social que envolve a este meio, o que temos denominado Comunidade Sermos.

Canto máis ampla e numerosa sexa a Comunidade Sermos, máis fortaleza terán os meios -un diario dixital, un semanario que sae todas as quintas feiras- de Sermos Galiza, un proxecto xornalístico que só alcanza sentido como proxecto social, comunitario, de base, popular.

A campaña #Porminnonvaiquedar decorrerá durante os meses de decembro e xaneiro e ten como principal albo tornar máis ampla a base de asinantes do semanario Sermos Galiza, o único en lingua galega actualmente nos quiosques. A consolidación do proxecto, tamén a súa mellora e expansión, depende exclusivamente do respaldo social, do apoio de todas as persoas que consideren que Galiza precisa dun espazo de comunicación propio, en galego, e ao servizo da nosa terra. Un ollar propio, non un ollar mercenario, sobre a Galiza e sobre o mundo. Iso é o que oferece Sermos Galiza.

A campaña #Porminnonvaiquedar decorrerá durante os meses de decembro e xaneiro e ten como principal albo alargar a base de asinantes do semanario Sermos Galiza, o único en lingua galega actualmente nos quiosques.

#Porminnonvaiquedar quere expresar precisamente iso, o compromiso de quen si aposta en que Galiza sexa tamén no quiosque unha terra con capacidade de expresión na súa propia lingua, unha sociedade con xornalismo galego e en galego, xornalismo independente e alternativo.

Este sábado dá comezo a campaña e faino no Culturgal, o grande escaparate da cultura galega, un encontro que se prolongará até a segunda feira 7 de decembro. E a cita é ás 17 horas. Nese momento, e na entrada do Pazo da Cultura, disponibilizaremos un photocall -que estará operativo até as 18 horas- para que quen o queira faga parte dunha capa do Sermos Galiza. Pór a cara por este proxecto, si. Pór a cara pola nosa lingua, pór a cara polo xornalismo libre.

Sofía Fernández Martínez, 1º de Bacharelato.

Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 07-12-2014 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
Stephen Hawking alerta que a intelixencia artificial podería acabar coa humanidade
Stephen Hawking,é sen dúbida o científico vivo máis popular. Non tanto polos seus achados sobre os buratos negros no campo da física teórica, coma pola súa impresionante pelexa contra a esclerose lateral amiotrófica (ELA), cuxos primeiros síntomas padeceu con só 20 anos, cando completaba a súa formación en Cambrigde.

Hawing, prostrado nunha cadeira de rodas e hoxe xa só capaz de mover os músculos do seu rostro, conseguiuno todo, malia que o seu corpo é o seu cárcere. Converteu a física nun best-seller global, sobre todo coa súa "Historia do tempo" de 1988. Casou dúas veces e é pai de tres fillos. E case se converteu nunha icona pop: apareceu feito debuxo animado nos Simpson, está presente en "Endless river", o novo disco de Pink Floyd, e en xaneiro estréase "A teoría de todo", unha película que conta o seu primeiro noivado, os seus días na universidade e como soubo que padecía a enfermidade. A película fixo chorar o científico cando a viu nun pase privado e deulle o seu visto e prace. Agora, nunha entrevista na BBC, a través da voz artificial coa que se comunica, expresou a súa preocupación polo desenvolvemento futuro da intelixencia artificial e advirte que podería destruír á humanidade.

Hawking, que se expresa a través dun sintetizador de voz alimentado por un ordenade Intel, é partidario e usuario da tecnoloxía punteira e cre que ata agora prestou uns relevantes servizos ao home, pero a súa mirada vai cara ao futuro: "O desenvolvemento dunha completa intelixencia artificial podería traducirse no fin da raza humana". O físico, que se declara ateo, vaticina que unha IA enormemente desenvolve "podería decidir redeseñarse pola súa conta e mesmo chegar a un nivel superior". A raza humana veríase desbordada: "Os homes, que están limitados por unha evolución biolóxica, non poderían competir".

A prevención contra as máquinas non é nova. Xa na revolución industrial do século XIX foron presentadas como un inimigo dos traballadores, aos que deixaban sen os seus empregos. O certo é que hoxe en día segue sucedendo, basta con mirar ás peaxes das autoestradas, ou ás caixas dos supermercados, que en pouco máis dun ano se automatizaron, eliminando empregos humanos. Pero os beneficios da intelixencia artificial e os ordenadores son incontables e por agora cambiaron o mundo para ben. A parábola máis famosa sobre os riscos dunha máquina capaz de pensar por conta propia é sen dúbida o ordenador HAL de "2001, unha odisea do espazo", a obra mestra da ciencia-ficción que rodou StanleyKubrick en 1968 sobre unha historia do novelista Arthur C. Clarke.HAL, encargado de controlar as constantes vitais a bordo da nave "Discovery" rebélase e mata tres astronautas e chega a perder a cabeza, ou a seu cíber-cabeza, neste caso, e remata cantando tolamente. Ao final, o astronauta sobrevivente logra desconectalo.

As ameazas da intelixencia artificial son tamén o fío argumental de moitas novelas de célebre Isaac Asimov, que formulou unhas leis da robótica sobre as que se levantaban os dilemas das súas historias. As tres leis dicían así: un robot nunca fará dano a un ser humano nin permitirá que sexa danado pola súa inacción; un robot debe obedecer os seres humanos, salvo que vaia contra a primeira lei; un robot debe protexer a súa propia existencia, salvo que vaia contra as dúas leis anteriores.

Mentres a grande ameaza non chega, a intelixencia artificial é o que a día de hoxe permite falar a Stephen Hawking, que se comunica a través da voz dun ordenador, un pouco estraña e impersoal e de acento estadounidense. Pero o sabio advirte que non pensa substituíla: "Converteuse na miña imaxe de marca e non querería cambiala por unha voz máis natural con acento inglés. Ademais, contáronme que un neno que necesitaba un ordenador de voz pediu unha como a miña". Hawking, que o pasado ano publicou a súa autobiografía, escribe e fala activando o ordenador co movemento do seu pómulos, pois carece xa de movemento nos dedos para poder activar un rato.

O físico fai gala dun extraordinario sentido do humor e comentou noutra entrevista que se ve como "o vilán perfecto" para unha película de James Bond. Coñecéndoo, non cabe descartalo. Xa de mozo se empeñou en ser temoneiro de Oxford nas probas de remo, e malia provocar coa súa torpeza dous aparatosos choques con outras embarcacións, ao final o seu equipo acabou gañando unha proba.

Irene Iglesias Bastos, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 07-12-2014 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
A protección da Fraga de Catasós fronte á liña de alta tensión chega ao Parlamento
O Parlamento debaterá o futuro da Fraga de Catasós a través dunha iniciativa presentada polo BNG que será tratada en comisión na que reclaman a declaración como Espazo Natural de Interese Local das Fragas de Casas Vellas e rego de Quintela, continuación do Monumento Natural das Fragas de Catasós. Esixen ademais que a Liña de Alta Tensión sexa soterrada nos quilómetros de maior impacto, e citan expresamente o tramo que vai entre Catasós e Moneixas, seguindo o trazado da N525.

A iniciativa, presentada polas deputadas Carme Adán e Ana Pontón, alerta da ameaza da destrución de parte do conxunto forestal próximo ao Monumento Natural das Fragas de Catasós e estima que arredor de 2.000 pés serán talados nunha operación que fraccionará fragas e soutos. “Concretamente a Fraga de Casas Vellas e a unidade paisaxística homoxénea disposta, coma mosaico de fragas de castiñeiros, pequenas carballeiras e minoritariamente agro, lonxitudinalmente polo rego de Quintela”, sinalan, dun conxunto que definen como “unidade paisaxística indisoluble” e expoñente da paisaxe tradicional agroforestal galega.

Sandra Tornero Belloso, 1º de Bacharelato.

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 07-12-2014 12:13
# Ligazón permanente a este artigo
O bilingüismo pode atrasar a aparición do alzheimer entre 4 e 5 anos
Investigadores da Universidade de Gante (Bélxica) observaron que as persoas con alzheimer que son bilingües adoitan desenvolver os primeiros síntomas da enfermidade entre catro e cinco anos máis tarde que quen só falan unha lingua.

No estudo incluíron a un total de 134 pacientes dos que case a metade, 65, eran bilingües. Neste grupo de pacientes os primeiros síntomas de demencia debutaron aos 76,1 anos mentres que a idade media do diagnóstico foi aos 77,3 anos, fronte aos 71,5 e 72,5 anos de media respectivamente en quen só falaban un idioma.

As análises controlaron outros factores que podían influír no resultado como a educación, a profesión e o status socioeconómico, pero en realidade ningún tivo un efecto sobre a idade de inicio dos síntomas.

Estes achados confirman investigacións previas que suxiren que o bilingüismo pode retardar o envellecemento cognitivo e contribuír á reserva cognitiva.

Segundo recoñecen os investigadores, parece que o control constante que require dominar dous idiomas é como un adestramento para o cerebro, que desafía ás células da materia gris e protéxeas da súa dexeneración.

Raquel Sardiña Tejada, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 02-12-2014 17:14
# Ligazón permanente a este artigo
O mes da ciencia péchase con éxito nas bibliotecas públicas de Galicia
A cultura convidou á ciencia á súa casa, e a ciencia levou consigo a curiosidade do público. As bibliotecas nodais de Galicia despiden un novembro no que letras e ciencias amosaron o éxito da súa alianza, que ben pode ser unha amizade de proveito, en especial para os máis novos.

As tecnoloxías, as investigacións mariñas, o teatro e ata a cociña revelaron os seus vínculos coa ciencia nun mes que celebraron con charlas, actividades e obradoiros a Biblioteca de Galicia, a Juan Compañel de Vigo, a Biblioteca Pública de Lugo e a compostelá Ánxel Casal.

A Biblioteca de Galicia acolleu o pasado 8 de novembro unha peza de teatro científico na que os contidos pedagóxicos se combinaron co entretemento e a diversión. Mediante simpáticos diálogos os actores de "Que traballo tan curioso!" deron respostas rigorosas, de carácter científico, a situacións do día a día.

Descubrir a ciencia na realidade cotiá foi así mesmo o obxectivo da proposta coa que se pecha o mes na biblioteca nodal de Lugo. O outro día os rapaces comprobaron por si mesmos as posibilidades dunha cociña como espazo para a experimentación. «A ciencia está presente na nosa vida cotiá. E tamén na cociña, que pode converterse nun auténtico laboratorio», afirma Marisol González Regal, directora da biblioteca. ¿Quen sabería fritir un ovo sen aceite e sen calor? Rapaces de entre 4 e 12 anos participaron no obradoiro de ciencia da cociña co que o centro abriu todo un abano de posibilidades con materiais inocuos e accesibles. Dous monitores de Ciencia Divertida, que dende hai 14 anos desenvolve proxectos de educación, cultura, ocio e comunicación, impartiron esta proposta educativa na que a ciencia amosou a súa cara máis lúdica e mesmo a máis doce.

David Cebreiros López, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 02-12-2014 08:05
# Ligazón permanente a este artigo
Arte-terapia, a nova fórmula para combater a ansiedade
Esquecerse todo. Deixar atrás o móbil, a tablet e o televisor e poñer a proba a nosa creatividade. Iso é o que prometen os libros para colorear para adultos que poboan dende hai meses os estantes das librarías galegas. Un puñado de lapis, un libro e música relaxante son a receita eficaz para que esquecer os ansiolíticos e cruzar a fronteira do mundo artístico. Non importa que sexas un torpe nin que nunca se che dese ben o debuxo, colorear é tan sinxelo como parece e ademais o resultado é moi gratificante.

É doado, é barato e é creativo. Cada vez son máis os que se apuntan a este hobby que se practica de forma individual e se comparte co apoio das redes sociais. Facebook, Instagram e Pinterest pobóanse de láminas preciosas coas que os seus autores, sobre todo autoras, compiten en beleza e en destreza.

Hai os de xardíns, outros son xeométricos, algúns deseños representan animais e ata Forges se animou a unirse ao club coas súas mandalas de blasillos. O psiquiatra Rojas Marcos explica que «aínda que colorear un par de horas non elimine todos os problemas que nos preocupan, si nos aparta e nos alivia do estrés que nos atorda. E ao concentrarnos en exercitar a nosa imaxinación, evadimos as presións que anubran a nosa mente».

As editoriais invaden os estantes das librarías pensando xa no mercado do regalo do Nadal. Aínda que talvez conveña facerse cun libro de láminas antes de que empece o maratón de festas e nos ataque a angustia pre-Nadal. A editorial Praza e Janés publica a “Arte Antiestress 100 láminas para colorear” (12,90 euros) con motivos xeométricos e florais; Espasa decántase polo artigo máis xenuinamente español: “Coloreitor: o Libro Antiestrés de Forges” (14,90) cos personaxes de clásicos do humorista formando mandalas e tamén os seus forgendros.

A editorial MTM ofrece unha ampla gama entre os que destacan “O libro creativo para colorear” (13,95 euros) e “O Xardín Secreto” (13,95) con románticas propostas florais ás que se suman xogos, do estilo buscando a Wally, pero co obxectivo de localizar bolboretas ou paxaros escondidos entre as follas e flores. A proposta de Edicións B é “Arteterapia: Libro para colorear” (12 euros), un dos máis bonitos, con orixinais debuxos de animais sobre fondos escuros e unha parte final titulada “Garabatear” na que se nos anima a poñer a proba o noso lado máis creativo e ir máis alá do simple coloreo.

Non se trata de volver á infancia, aínda que as láminas teñen regusto vintage. Os deseños complexos e sofisticados, nada que ver cos dos nenos, requiren poñer atención aos detalles e unha concentración que nos afasta durante un anaco dos problemas da vida diaria. A moda vén importada da Francia máis chic, que entende un anaco da joie de vivre, pero esténdese xa entre os americanos máis sofisticados afeccionados á tendencia slow, esa forma lenta de entender a vida.

Lara Rodríguez Pardo, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 01-12-2014 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
O Nadal á porta
Chega o frío e, con el, o Nadal. Cálido, entrañable, e cheo de tradicións. O Nadal é unha festa compartida por todos os habitantes do mundo, celébrase con familiares e amigos, e con todas as persoas importantes da nosa vida. Pero, que é o Nadal? Segundo o dicionario, Nadal significa "Nacemento, Natividade". Pero en realidade, que é para nós? Como O vivimos e o sentimos cada ano?

É unha data especial para cada persoa. Talvez a algúns lle recorde ás vacacións, ao descanso; para outros terá relación coa iluminación e as decoracións do Nadal; os nenos relaciónana con regalos; para outros, é unha oportunidade de ver aos familiares e amigos, e de recordar as persoas queridas que xa non están connosco; algúns pensarán que é unha época de gastos; e para moitos outros o Nadal é o xeito de celebrar o nacemento e a chegada de Xesús á Terra.

Pero eu creo que en Nadal pode asomarse un á xanela e mirar o mundo. Con calma. Sen tempo. Saboreando o aquí e o agora. Pódese esquecer por unhas horas desas preocupacións obsesivas, esas feridas da alma que arrastras ás costas. Sen esquecer que non necesariamente ten que ser Nadal para relaxarse e gozar.

Alba Baltar Janeiro, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 01-12-2014 15:36
# Ligazón permanente a este artigo
Sexting,unha práctica de risco
Segundo o Estudo sobre seguridade e privacidade no uso dos servizos móbiles españois, realizado en colaboración polo observatorio INTECO e Orange e publicado en 2010, en España 8 de cada 10 adolescentes de 15 a 16 anos posúe o seu propio teléfono móbil, co que a maioría (máis do 88%) fai fotografías, que envía a outras persoas (48,2%) e publica en Internet (20,8%).

Ampliando este enfoque á franxa de idade de 10 a 16 anos, a posesión dun terminal de telefonía móbil dáse en 2 de cada 3 menores españois. A investigación realizada neste estudo indica ademais que o 4% dos rapaces desta franxa de idade di ter utilizado o seu teléfono para facerse a si mesmo fotos ou vídeos nunha postura provocativa (non necesariamente nus nin eróticas). E a porcentaxe ascende ao dobre (8,1%) no caso dos que declaran ter recibido estes contidos de rapaces ou rapazas coñecidos.

Polo tanto, que este fenómeno existe é unha realidade constatable, é unha moda, é un accidente, é unha consecuencia dos tempos que vivimos? Por que o fan?

A resposta non é doada xa que é unha práctica recente sobre a que non hai grandes estudos polo que nos queda a especulación guiada pola observación. E especulando... poden confluír un ou varios destes factores:

1)Cren que unha imaxe nun terminal móbil está segura e non son capaces de proxectar, de imaxinar, as variadas formas en que esa imaxe pode saír do dispositivo. Un roubo, un erro, unha broma, un extravío... ou a vontade do seu propietario.

2) Confían plenamente na discreción, no amor eterno profesado, por parte do destinatario do envío. Carecen de experiencia vital abondo que os invite a pensar en que as cousas, na vida, cambian por moi diversos factores.

3) Senten certa presión de grupo que os leva a gañar notoriedade e aceptación neste contexto, o dixital, tan importante para eles. Este factor, engadido á plenitude hormonal, pode xerar combinacións pouco recomendables.

4) As influencias e modelos sociais distan do recato. A exhibición de relacións sexuais ou nus por persoas non profesionais, comúns, abundan na Rede. Se poden ver calquera persoa anónima na súa intimidade a través da Rede, non parece tan grave que un apareza desta guisa. O "desnudeo" é algo común, ata certo punto normalizado.

5) Descoñecen as consecuencias que para a súa vida pode chegar a ter o feito de que esa imaxe comprometida sexa de dominio público.

6) A natural falta de percepción do risco que acompaña á adolescencia e o espírito transgresor desencadean certos desafíos. Nalgúns casos resulta simplemente divertido, noutros, serve para coquetear ou dar outro contido a unha relación.

Sexa como for, o resultado desta práctica pode xerar serios problemas que van dende a perda da privacidade e a mingua da imaxe e a propia honra ata a victimización no marco dunha espiral de ciberbullying. Por iso a Xunta puxo en marcha unha campaña para concienciar tanto á mocidade coma ás persoas adultas dos perigos que ten difundir determinadas fotografías ou vídeos a través de internet e das redes sociais.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentaron o 24 de novembro a campaña contra o sexting '10 razóns para non practicar sexting', onde López Abella destacou que esta é unha campaña pioneira en Galicia e incidiu na importancia do control das novas.

A Xunta incide na importancia dun uso responsable e seguro das novas tecnoloxías coa fin de evitar os posibles riscos por razón de xénero, e na busca da prevención da violencia sexual en adolescentes e dos comportamentos machistas e sexistas nos novos medios de socialización e convivencia dixital.

A secretaria xeral de Igualdade indicou que España ocupa o terceiro lugar do mundo, detrás de Brasil e Italia, no uso de redes sociais e o primeiro en Europa en facelo dende dispositivos móbiles. Isto conleva un aumento dos delitos relacionados con elas e así, neste ano 2014, máis de 200 persoas foron detidas por delitos sexuais ou de acoso en España. As cifras reflicten que, nos casos de sexting, as mulleres son vítimas de delitos relacionados con esta práctica en maior medida que os homes.

Podes obter máis información en http://www.pantallasamigas.net/otros-webs/sexting-es.shtm

Para ver o vídeo, preme á dereita en Sexting.


Elena Blanco González, 2ºA de Bacharelato
Sexting
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 01-12-2014 15:24
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal