Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Condena ao Sergas pola morte dunha moza mal diagnosticada
Un xulgado de Santiago acaba de dictar sentenza sobre este caso, na que recoñece que houbo "unha mala praxe médica" e esixe ao Sergas a pagar unha indemnización de 25.000 euros á familia, segundo o avogado que leva o caso, Cipriano Castreje.

A moza, que morreu con tan só 33 anos de idade fai un lustro, naceu cunha mutación xenética e xa nos seus primeiros anos presentaba síntomas que provocaban sospeitas, pero non foi diagnosticada ata o 1999 cando, tras as probas realizadas no Hospital Xeral, o médico indicou "unha fibrose moi leve", pero non lle deu importancia e dixo que estaba máis preocupado en tratar unha alerxia de tipo pulmonar cun tratamento que a Mónica non lle sentaba moi ben. Finalmente, a fibrose empeorou e foi cando no Xeral, Mónica foi derivada á unidade específica da Coruña. Alí confirmaron o diagnóstico e pedíronlles que volvesen tras a Semana Santa para realizar un estudo e tratamento axeitados.

Pero xa non deu tempo. Mónica, un día antes de ir á Coruña, ingresou na UCI con taquicardias e tivo que ser trasladada con sedación á Coruña, onde xa non volveu espertar, segundo conta a nai mentres o pai non é capaz de articular palabra. "Ninguén debería morrer tan novo, tiña unha enfermidade rara, pero viviría co tratamento", eran as palabras da súa nai, morta da dor que lle causaba a perda da súa filla.

O avogado da asociación Defensor do Paciente en Galicia, Cipriano Castreje, criticou o importe ridículo da indemnización, que a familia quere doar para unha fundación que estuda esta rara enfermidade e non se volvan repetir casos coma este. Por outro lado, o avogado informou que a familia valorou acudir á vía penal debido ás sospeitas sobre "un homicidio por imprudencia", posto que os especialistas do Xeral tiñan unha dilatada experiencia. Tamén lamentou que nun caso tan grave, o Sergas non abra un expediente ao médico en cuestión, cosa que si pasaría na privada, e que a súa postura nunca estea ao lado do paciente.

Os pais recordan que a súa filla era una moza deportista e forte, practicaba múltiples deportes, estaba rematando Enxeñaría de Minas e debido á confianza depositada no médico especialista nunca sospeitaron da verdadeira gravidade da súa enfermidade.

Laura Abad Álvarez, 4ºA da ESO.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 15-12-2013 16:13
# Ligazón permanente a este artigo
Gaia : o outro satélite galego
A misión Gaia bota a conta atrás. A Axencia Espacial Europea prepara o lanzamento o próximo xoves do satélite cuxo obxectivo, unha vez posta en órbita, será medir as distancias e movementos de mil millóns de estrelas. No proxecto, Galicia achega a súa experiencia científica a coparticipar na confección da cámara que retratará a Vía Láctea cunha precisión "histórica". Dous profesores da Universidade da Coruña e a doutora en astrofísica Ana Ulla, da Universidade de Vigo, participan nesta misión.

Trátase dun instrumento tan preciso que "se estivese na Terra, sería capaz de medir o polgar dunha persoa situada na superficie da Lúa", sinalaba a Axencia Espacial Europea hai un ano na presentación do proxecto. Precisamente, Ana Ulla adiantaba que a calidade dos datos será "extraordinaria" aínda que se calcula que ata que pasen uns meses dende o seu lanzamento non se empezarán a conseguir as primeiras fotos e cifras viables.

O satélite dará voltas arredor do Sol, nun punto que se chama de Lagrange, en L2. Unha vez lanzado, dúas antenas, situadas en Australia e Ávila, recibirán as súas inxentes cantidades de datos e mandarán ordes, mentres que as operacións científicas se levarán a cabo dende o Centro Europeo de Astronomía Espacial (ESAC), situado en Madrid.

A misión permitirá confeccionar un mapa tridimensional das estrelas que compoñen a galaxia, revelando novos datos sobre a súa composición, formación e evolución. Para iso, observará cada un dos astros máis de 70 veces ao longo dos cinco anos que durará o proxecto. Gaia comunicarase coa Terra durante unha media de oito horas ao día e proporcionará un arquivo de datos superior a un petabyte (un millón de gigabytes).

Estes datos serán procesados polo consorcio DPAC, do que forman parte 400 investigadores. Ademais, Gaia non só medirá a posición das estrelas, senón que tamén detectará outros obxectos que compoñen a Vía Láctea, como planetas arredor doutras estrelas, asteroides do Sistema Solar ou mesmo outras galaxias ou quásars.

O lanzamento terá lugar ás 10.12 horas (hora peninsular española), e o satélite sairá a bordo dun lanzador Soyuz-Fregat, que despegará dende o Porto Espacial Europeo, na Guyana Francesa.

Sandra Tornero Belloso, 4º da ESO.

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 15-12-2013 15:47
# Ligazón permanente a este artigo
Un ano despois de Newtown, Estados Unidos ten máis leis permisivas coas armas
Cando se cumpre un ano da matanza da escola primaria de Newtown (Connecticut) onde morreron 20 nenos e seis adultos, e só horas despois dun novo tiroteo nun colexio de secundaria en Colorado, case dous terzos (70) das novas leis estatais facilitan o acceso ás armas e, o resto (39), dificúltao.

Hoxe, 17 estados teñen unha regulación máis permisiva coas armas que hai un ano, outros 12 endureceron as súas leis e nove máis aprobaron leis en ambos os dous sentidos, aínda que cun predominio das que protexen o dereito a posuílas, consagrado na Segunda Emenda da Constitución estadounidense.

O diario The Washington Post destacou no seu editorial do venres que algúns estados, principalmente do Sur e o Medio Oeste, que xa tiñan leis que definiu como "laxas", as relaxaron aínda máis, "coa aparente crenza de que o achegamento da Salvaxe Oeste promovería unha cidadanía máis segura", criticou.

A matanza de Newtown, a segunda maior por un só tirador na historia de Estados Unidos, despois da do instituto Virxinia Tech de Blacksburg (Virxinia) en abril de 2007, onde morreron 33 persoas, marcou un punto de inflexión na opinión pública do país.

Unha semana despois do tiroteo, o 49% dos estadounidenses considerou máis importante vixiar o acceso ás armas que protexer o dereito a posuílas, unha postura defendida polo 42%, nunha enquisa do Centro de Investigacións Pew, e foi a primeira vez durante a presidencia de Obama en que se daba prioridade ao control. Non obstante, Arkansas permitiu levar armas de fogo ao lugar de traballo, Montana prohibiu ás aseguradoras preguntar aos pacientes pola posesión de armas e outros nove estados aprobaron leis que favorecen a introdución de armas nas escolas. Texas, o estado máis activo en canto a lexislación sobre armas, promoveu doce novas leis, once delas favorables ao seu uso.

A diferenza dos parlamentos estatais, o Congreso federal foi incapaz de acordar unha regulación sobre as armas de fogo. "Teremos que unirnos e tomar medidas significativas para previr máis traxedias como esta, sen importar a política", anunciou Obama, entre bágoas, momentos despois do tiroteo de Newtown. Doce meses máis tarde, segue pendente unha normativa federal significativa ao respecto.

David Cebreiros López, 1ºA de Bacharelato. Coordinador.

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 15-12-2013 02:39
# Ligazón permanente a este artigo
Voda de ouro das mulleres e o atletismo en Galiza
Van xa 50 anos dende que o atletismo feminino chegou a Riazor e, con iso, a Galiza. Foi un grupo de 33 mozas as pioneiras, desafiando á sociedade e, nalgúns casos, aos seus pais, que non estaban de acordo coas súas vestimentas ou coas súas viaxes.

«Comecei dando voltas ao estadio eu soa, non había máis mulleres», recorda Margarita Dans, de 67 anos, a precursora de todo. Ela chegou ao atletismo con 18, da man do seu irmán, un saltador de altura. Seguiu os seus pasos mentres recollía adeptas para o club, o Atlético Coruñés primeiro e, máis tarde, o Deportivo. Nela Souto foi outro dos nomes propios do xerme do atletismo feminino en Galiza, e iso que chegou por casualidade: «Xogaba a hóckey sala e de cando en vez coincidiamos adestrando. Propuxéronme facer unha proba, fixen a mínima nos 100 metros e funme a competir a Barcelona», recorda quen foi campioa de España de cros por equipos.

Natacha, que vive en Madrid, ostentou o récord dos 80 valos. «Viña do balonmán e fixen un pouco de todo. Velocidade, valos, altura,etc.» recorda. A ela correspondeulle a honra de ser a primeira en cruzar o charco polo atletismo. «Fun a unha competición de valos a Cuba, miúda viaxe. Fomos por Canadá e volvemos por Praga».

Mais a súa etapa no atletismo foi máis ben curta, xa que o matrimonio ou a maternidade eran incompatíbeis con este deporte.

Elena Blanco González, 1ºA de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 15-12-2013 02:01
# Ligazón permanente a este artigo
A acidez nos océanos aumenta o nerviosismo nos peixes
O pH dos océanos está a cambiar debido á disolución de maior dióxido de carbono, provocando a acidificación das augas e, con ela, unha alteración no sistema nervioso dos peixes que aumenta o seu nerviosismo.

A esta conclusión chegou un grupo de investigadores de Canadá e da OU. de California en San Diego, que quixo indagar nas consecuencias neurolóxicas do cambio químico da auga debido á maior concentración de dióxido de carbono na atmosfera produto da actividade humana.

Para o seu estudo, os investigadores crearon un laboratorio onde puxeron unha zona con auga ácida que estaba con luz e outra escura. Un peixe que non estaba exposto a grandes cantidades de acidez na auga paseaba por ambos os dous lados. Non obstante, a maior acidificación da auga, os peixes ían á parte escura, algo común que fan os peixes cando se senten ansiosos.

Rara vez nadaron cara á luz e parecía que se lles dera un remedio que inducise a ansiedade, comentaron os investigadores. " Ían á parte escura e non se movían. Simplemente quedaron aí ", dixo Martín Tresguerres, coautor do estudo.

Isto, segundo eles, pode ter graves consecuencias porque significaría que no seu hábitat natural non exploren máis alá das sombras e non poidan encontrar alimento. Mesmo este comportamento, de acordo ao estudo, persistiu unha semana despois de cambialos de tipo de auga con menor acidificación. A boa noticia é que este efecto daniño parece ser reversible: aos 12 días xa continuaban o seu comportamento menos ansioso.

Este estudo súmase a investigacións previas que demostraran que a acidificación do océano incluía diversos cambios, incluíndo a perda do olfacto.

Alba Baltar Janeiro, 1ºA de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 15-12-2013 01:57
# Ligazón permanente a este artigo
Crítica á película de "O Hobbit: A desolación de Smaug"
Para todos os amantes do universo Tolkien, a película dirixida por Peter Jackson, non defraudou senón que foi canto menos impactante e bastante sorprendente. É certo que hai algúns erros en canto a personaxes que non deberían aparecer, poño por exemplo Legolas, o fillo de Thranduil, que aparece na saga posterior "O Señor dos Aneis"; pero a diferencia do Legolas que todos coñecemos, este é un elfo moito máis frío, distante, que ten unha relación moi fría co seu pai e que só sorrí en presencia de Tauriel, unha elfa capitá das tropas dos elfos do Bosque Negro, da cal está namorado Legolas e que é unha personaxe inventada.
No tocante ao que sucede, para o meu gusto hai demasiada acción sendo o libro un pouco máis sosegado nesa parte. Por exemplo, non os atacan os orcos cando escapan das mazmorras de Thranduil nos barrís e ningún anano se queda na Cidade do Lago.
Porén, penso que é unha película que te transporta a unha parte da Terra Media bastante descoñecida salvo na imaxinación de algúns e penso que merece a pena viaxar de novo ó universo de Tolkien a través desta película.

Carolina Outomuro López; 2º BACH. B
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 14-12-2013 22:06
# Ligazón permanente a este artigo
Coidado cos teus perfís nas redes sociais se buscas traballo.
Un estudo demostra que un de cada dez novos foi rexeitado para un emprego debido ao seu perfil
Un estudo demostrou que un de cada dez mozos foi rexeitado para un traballo debido ao seu perfil nas redes sociais. Malia iso, dous terzos dos encuestados non se preocupan de que os seus perfís poidan danar as súas expectativas laborais e desisten de cambiar ou modificar o seu contido nas redes sociais.
O estudo realizado analizou a 6.000 mozos de entre 16 e 34 anos en seis países diferentes para evaluar que impacto teñen os medios de comunicación social nas súas carreiras como profesionais.
Cada vez é máis frecuente que as empresas investiguen as redes sociais dos candidatos a un determinado posto de traballo. Moitas veces isto pode ir en contra dos posibles candidatos xa que analizando abrigo as fotos, as empresas chegan a descartalos para un posto.
O estudo revela que os mozos son máis propensos a crear e modificar o seu perfil para quedar ben e gustar aos seus amigos en lugar de facelo en base aos posibles empresarios que contratan. Necesítase unha mellor educación dos efectos dos medios de comunicación social, para garantir que os mozos non fagan aínda máis difícil a posibilidade de atopar emprego.
En definitiva, o estudo revela que os mozos son optimistas en canto ao seu futuro laboral, pero que pese a que está demostrado que as empresas poden non contratar polos perfís das redes sociais. Este non parece un tema que preocupe demasiado e só unha terceira parte dos encuestados estaría disposto a facer algo para cambiar isto.

Fernando Rodríguez González, 2º B Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 14-12-2013 21:47
# Ligazón permanente a este artigo
O Álbum Perdido de Cash.
O 26 de febreiro de 1932, en Nashville, Tennesse, naceu o Home de Negro, un dos máis grandes do country..., Johnny Cash. Hai pouco máis de dez anos, concretamente o 12 de setembro de 2003, deixábanos, tras crear, durante anos e anos, un anaquiño de cultura de amplísima trascendencia na historia da música contemporánea.
Resulta, que, na década de 1980, o citado cantautor estadounidense grabou un álbum que ata agora era completamente descoñecido. Chámase "Out Among The Stars".
Este traballo verá a luz a vindeira primavera.
Contextualizando, o nomeado disco grabouse nunha época un tanto complicada, cando a produtora Columbia Records estaba a intentar trasladar a Johnny dende o seu country ata un estilo pop que, evidentemente, non casaba coa personalidade rebelde propia dunha estrela do rock que Cash tiña. Esto ocorreu cando a produtora xuntou a Cash co arreglista Billy Sherill, quen si casaba, e moito, co pop. John Carter Cash, fillo do defunto cantautor, expresou o seguinte con relación ao tema: "Era country pop e meu pai non era iso. Paréceme que o feito de traballar con Billy foi coma unha especie de intento por parte da produtora para que entrase no círculo de Music Row (área do centro de Nashville onde se concentraban os negocios da industria musical) e ver que lle podía ocorrer cando esto pasase".
Aínda que Columbia Records nunca considerou apropiada a idea de publicar ditas cancións (Cash foi despedido da produtora pouco despois), John Carter Cash viu algo especial nestes 12 temas inéditos, entre os cales se atopan duetos coa súa segunda muller, June Carter Cash, e o tamén laureado cantante de música country Waylon Jennings.
O vindeiro 25 de marzo de 2014, sairá definitivamente este traballo á disposición dos consumidores.

Xabier González Sobrado, 2ºBacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 14-12-2013 21:22
# Ligazón permanente a este artigo
Retornar o bo camino, un obxectivo.
O Lugo retoma esta tarde a competición en Mendizorroza, un dos campos con máis nome e quizais un dos históricos de toda España e de Segunda División. Os da muralla tratarán de ofrecer a súa mellor versión para retornar outra vez a boa senda dos triunfos. Non gañaron nas tres últimas xornadas, deixando boas sensacións pero sen acadar en algúns encontros o desexado triunfo, circunstancia que non lles apartou dos postos altos da táboa. O choque arrincará ás 18:00 horas.
Quique Setién, verase obrigado a introducir modificacións no once inicial por mor da baixa por sanción de Pavón. O adestrador cántabro anunciou antonte que Tena ocupará o oco no eixo da zaga.Tena, é o único futbolista dos branquivermellos que aínda non participou en competición ligueira. Unha das dúbidas xorde na punta do ataque lucense, lugar no que Juanjo e Fran Sandaza pugnan por un posto.
O Alavés é un conxunto en horas baixas. Non gaña desde hai dous meses e, antes do partido da última xornada en Riazor, o club entregou o bastón de mando a Mandiá. Os vascos só sumaron dous triunfos diante do seu público contra o Sporting e o Hércules e, a pesar de que mostran facilidade para facer dano na área contraria, tamén sofren de xeito abondo para protexer a súa. Son o equipo de Segunda División que máis goles encaixa e tan só deixaron a porta a cero nunha ocasión.
Viguera é unha das preocupacións do Lugo. O dianteiro do Alavés é o pichichi da categoría con doce dianas e atravesa un momento doce.Todos co Lugo para acomodarse nos postos altos.

Samuel Vázquez González, 2ºBacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 14-12-2013 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
A Sociedade de Cardioloxía denuncia que a sanidade discrimina aos maiores negándolles novas terapias

A Sociedade Española de Cardioloxía fixo este xoves unha a afirmación terrible, unha declaración que podería considerarse tanto unha autocrítica como unha acusación ou como unha chamada de atención ao sistema e á cidadanía. Segundo os cardiólogos da asociación, a nosa sanidade discrimina ás persoas maiores ao negarlles procedementos diagnósticos e tratamentos, e néganllos por iso mesmo, por seren maiores.

Nas súas reflexións os profesionais recordan que as enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de mortalidade e de morbilidade (grupos de persoas afectadas por esas enfermidades) na poboación dos países desenvolvidos e en especial dentro da poboación anciá. Botan man dos datos demográficos para subliñar o proceso de avellamento que sufrimos e que vai en aumento. Cada ano hai máis persoas maiores, polo que deducen que tamén aumentará a prevalencia e mortalidade por enfermidade cardiovascular.

Despois disto, a Sociedade de Cardioloxía expón unha visión da realidade que seguro provocará incomodidade e preocupación, que empuxará a un debate que queda explícito de xeito descarnado: "moitas veces temos a tendencia a tratar de forma máis coidadosa, con mais respecto e usando tratamentos máis custosos, aos pacientes máis novos que aos pacientes de idade avanzada; e iso, na maioría dos casos, non ten unha xustificación desde o punto de vista científico, xa que os pacientes anciáns poderían beneficiarse de igual maneira destes tratamentos", manifesta o doutor Martínez-Sellés, presidente da Sección de Cardiología Xeriátrica da SEC.

Cítase como exemplo o que acontece cunha enfermidades como o estreitamento da arteria aorta. Trátase dunha afección que converte aos maiores en candidatos a recibir implantes de próteses valvulares específicas. Case todos son pacientes de idade avanzada sobre os que se comprobaron os beneficios destes tratamentos que consisten en cambiar unha vávula cardíaca.
Acábase de publicar na revista 'Journal of Internal Medicine' o estudo español PEGASO, sobre factores asociados á elección do tratamento, e o seu posterior seguimento a longo prazo, de 928 pacientes octoxenarios con estenosis aórtica (EA) severa.

A análise puxo de manifesto que máis da metade dos pacientes octoxenarios con EA severa son tratados mediante terapia conservadora (tratamento paliativo que non mellora o seu prognóstico), cando, aínda que non son aptos para recibir o tratamento convencional mediante cirurxía, si poderían beneficiarse da substitución valvular por vía percutánea, que na actualidade soamente recibe un cuarto destes pacientes.

Indican a Sociedade de Cardioloxía que os implantes de válvulas requiren unha intervención minimamente invasiva destinada a aqueles pacientes que posúen un alto risco cirúrxico ou son directamente inoperables mediante cirurxía convencional, e presentan uns resultados de supervivencia moi superiores. Os pacientes poderianse beneficiar, pero á maioría non se lles fai nada, segundo a denuncia. Os doutores indican que a situación actual de crise agrava aínda a discriminación.

Finalmente, talvez a afirmación máis dura do doutor Martínez-Sellés, que fala dunha necesaria concienciación social e sanitaria: "moitas veces limítanse tratamentos pola curta esperanza de vida que se cre que vai ter o paciente de forma incorrecta, xa que neste momento mesmo os anciáns poden ter unha lonxeva esperanza de vida".

Alexandre Sueiro Paz, 2º B Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 14-12-2013 21:17
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal