EDLfranciscanasOurense


Blog do EDL do Colexio Plurilingüe Divina Pastora de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

“O FILLO DA NIOA”
Juanjo Artero regresou o domingo a Compostela para presentar, xunto cos seus compañeiros Tina Sainz, Álvaro de Lúa, Sara Cozar e Mikel Laskurain, a obra de teatro O fillo da noiva, unha peza dirixida por Garbi Losada e na que este actor fai o papel de Rafael, un personaxe que está inmerso nunha terrible crise económica e de valores. "Rafael é un canto á vida que fala das cousas máis terreais e das máis infinitas, da vida cotiá, do amor, da familia", explica o intérprete.

Explica que o seu personaxe non está conforme coa vida que leva: está en crise, separado e cunha noiva coa que elude comprometerse e isto lévalle a botarse todo ás súas costas e converterse nun ser cego e egoísta. "É unha contradición porque a súa vida é para os demais, pero esa tensión da vida non lle permite gozar dos seus ata que chega un fatal contratempo, que é cando Rafael sofre un infarto e empeza a ver as cousas doutra maneira".

Elena Outomuro López, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 30-11-2015 21:36
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Luís Ledo rodará un filme sobre os Mártires de Carral
Nós Produtora Cinematográfica Galega vén de anunciar que levará ao cinema o guión de Manuel María que gañara o primeiro premio dun concurso de guións de ficción que convocara a antiga produtora Nós, que fora fundada en 1976 por Carlos Varela Veiga.

Aquel guión foi reconvertido anos máis tarde polo poeta chairego nun texto dramático, que foi publicado en 1989 polo Concello de Carral e representado en moitas ocasións. Na nota do autor, Manuel María di: “A obra unicamente intenta dar unha visión, galega e obxectiva, de como aconteceron os sucesos de abril de 1846, unha das datas-chave da nosa Historia”.

Este ano, no que se cumpren 15 anos da creación da actual produtora Nós e 40 anos da histórica, Xosé Luís Ledo decidiu poñer a andar este proxecto, que aínda está en fase de preprodución e procura de financiamento. “Agora mesmo estou a facer a adaptación do guión, e espero que o ano que vén poidamos xa comezar a gravar”, cóntanos Ledo, que xa dirixiu filmes documentais como 'Bestas' (2000) ou 'Inmigrantes no país da emigración' (2009).

O proxecto levará ao cinema os feitos acontecidos naquel abril de 1846 no que se “proclamou en certa forma a independencia de Galiza: os mártires de Carral, a sublevación, as batallas de Cacheiras e o fusilamento dos sublevados”.

Trátase dun proxecto ambicioso e tamén custoso, por ser un filme de época, aínda que desde a produtora afirman que será “de baixo presuposto, sen superar o millón de euros”.

Sandra Tornero Belloso, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 30-11-2015 21:31
# Ligazón permanente a este artigo
Bronce mundialista e Bota de Ouro ourensá en fútbol sala feminino.
A selección española de fútbol sala logrou facer historia no VI Torneo Mundial. Non puido con Brasil na semifinal, vinganza que seguro apuntarán para a seguinte edición, senón que lograron ser terceiras despois dunha espectacular goleada contra Portugal por 9-1.
Además froito dos catro goles de Vane Sotelo no partido foi a máxima goleadora do Torneo Mundial como o era en Guatemala. A ourensá soamente quedou sen marcar contra Brasil nas semifinais que perderon 4-0.

As xogadoras de Alicia Morell festexaron no campo a goleada e unha medalla que sabe a moito despois de perder coa campioa Brasil. O inicio dun VII Torneo Mundial que aínda non ten sede pero que seguro que na mente das futbolistas estará Brasil.

Manuel Alejandro Fernández Carrasco, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 30-11-2015 21:27
# Ligazón permanente a este artigo
A policía dispersa con gases e cargas unha manifestación en París polo cume do clima
Os axentes tomaron o control total da praza da República cun gran despregamento de forzas antidisturbios listas para actuar, estas dispersaron con gases lacrimóxenos e cargas unha protesta na praza da República, no centro de París, vinculada co cume do clima (COP21) que comeza mañá.

Segundo constatou Efe, no lugar, a policía tomou o control total da praza cun gran despregamento de forzas antidisturbios listas para actuar, que minutos antes enfrontáronse a uns centenares de manifestantes.

Lucía Dafonte, 2º Bach.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 30-11-2015 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
Inventan un bolso intelixente que ridiculiza en público ao usuario se gasta máis da conta
Tres mozas británicas inventaron un bolso intelixente co obxectivo de evitar que o seu usuario gaste máis diñeiro da conta. O funcionamento é tan sinxelo como rechamante, aínda que o seu efecto disuasorio está lonxe de ser probado. En aparencia a carteira é normal, unha gamuza de cor marrón que se colga cruzada. Con todo, cando se tenta sacar a cartón de crédito dun peto interno creado especificamente para ela, unha voz métalica advirte ao usuario que non debería facelo ao berro de "nin o tentes". Se a persoa continúa e tenta extraela, o dispositivo do bolso insiste en ordenarlle que a garde.

O bolso leva nun fondo falso escondidos varios dispositivos electrónicos que lle permiten actuar como a conciencia daqueles consumidores desmedidos que cren necesitar un toque de atención para frear os seus impulsos antes de tirar de cartón de crédito. Cando se saca o cartón, un sensor detéctao e activa as gravacións. Se o usuario fai caso ás gravacións e o cartón volve de inmediato ao seu lugar, o dispositivo recompénsalle cun "sabía que me escoitarías". Se o consumidor desatende as recomendacións, o dispositivo tenta ridiculizalo en público con frases como "non crees que é demasiado?" ou “Oh, non, outra vez non!”

"Tan pronto como moves o cartón, envía un sinal a unha serie de dispositivos electrónicos que están escondidos dentro do bolso", explica unha das creadoras á BBC. O deseño corre a cargo de tres estudantes de cuarto ano da Escola de Arte e Deseño Jordanstone de Dundee, a cuarta cidade máis grande de Escocia. As estudantes aseguran que o deseñaron para xerar cambio e empezar conversacións e que a súa intención non era a de poñer o prototipo no mercado. Polo momento o bolso non está a ser comercializado.

Laura Abad Álvarez, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 30-11-2015 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
A Ribeira Sacra quintuplica a venda de viño ao exterior
A denominación de Orixe vitícola de Ribeira Sacra pon cada vez máis os seus ollos nos mercados exteriores. Esta circunstancia evidénciana as súas últimas cifras de exportación. Nun par de anos, desde 2012 a 2014, pasou de comercializar no exterior 29.800 litros a algo máis de 164.000. Multiplicou por cinco as súas vendas fóra das fronteiras españolas.

Estados Unidos, con 104.700 litros, durante o pasado ano, é o principal destino dos caldos criados en Ribeira Sacra. Séguenlle Noruega con 16.300 e Reino Unido con 14.100. Para Alemaña vanse 9.900 e a Xapón 7.800, segundo as primeiras estimacións oficiais colgadas na web do Consello Regulador da Denominación de Orixe vinícola.

Irene Iglesias Bastos, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 30-11-2015 21:07
# Ligazón permanente a este artigo
‘Auria', o Boeing ourensán
A provincia de Ourense xa ten un novo símbolo do que presumir ao longo do mundo. Onte, nun dos hangares do aeroporto de Barallas tivo lugar o bautizo do 'Auria', o primeiro Boeing 777 que operará desde territorio español.

Este será o quinto avión da empresa Privilege Style, propiedade do empresario ourensán Chema Álvarez, un amante da súa terra, Trives, e que para esta nova aeronave deixou a elección do nome aos internautas.

A través de Facebook e mediante unha votación, os ourensáns elixiron o nome deste impresionante aparello, con 299 prazas e destinado a viaxes de longa distancia.

E como non, un avión desta entidade mereceu un bautizo á altura das circunstancias. Coma se dun precioso paxaro enjaulado tratásese, o 'Auria' asomouse a todos os asistentes entre catro paredes, radiante e impoñente, coas súas 300 toneladas e 65 metros de lonxitude repousando, sempre baixo as cores azul e dourado que caracterizan á compañía, encargada de transportar frecuentemente a equipos de fútbol como o Sevilla (un das súas aeronaves é fetiche para o club hispalense) ou o Athletic de Bilbao, entre outros traballos.

Kelly Pousa, 2º Bach.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 30-11-2015 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
Falece aos 83 anos o teólogo e escritor Xosé Chao Rego
O teólogo e escritor Xosé Chao Rego, natural de Vilalba, faleceu este sábado en Santiago aos 83 anos de idade.

Irmán do xornalista e tamén escritor Ramón Chao e tío do cantante Manu Chao, estudou Filosofía en Salamanca e Madrid e Teoloxía en Roma, foi párroco en Ferrol durante 17 anos e tras secularizarse foi profesor de instituto en Vilalba e Santiago.

Publicou decenas de ensaios e de obras relacionadas con asuntos culturais e sociais, e dende o ano 2002 era socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Tras coñecerse o seu falecemento, A Mesa pola Normalización Lingüística expresou o seu "loito" polo autor galego "máis prolífico" e considerouno un "exemplo de compromiso con Galicia, coa súa lingua e con todas as causas xustas".

Laura Pérez Madriñán, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 30-11-2015 21:02
# Ligazón permanente a este artigo
NACE O “HIMNO A COMPOSTELA” CON 250 ARTISTAS DE PRIMEIRA LIÑA.
A Real Filharmonía de Galicia gravou unha canción para un proxecto cuxos beneficios van ser destinados ao fondo de emerxencias de Médicos Sen Fronteiras. Trátase dunha iniciativa de carácter fotográfico, literario e musical centrada na cidade de Santiago e impulsada polo médico Chema Ríos, colaborador da organización médico-humanitaria e afincado na Coruña.

As distintas aportacións recolleranse nun libro composto por 250 fotografías inéditas e singulares de Compostela, feitas polo propio Ríos e glosadas persoalmente polos outros 250 colaboradores entre os que se atopan Yoko Ono, Julian Lennon (fillo de John Lennon), Antonio Gala, Serrat, Coque Malla, Miguel Ríos, Raphael, Amenábar, Luis Tosar, Manolo Rivas, Darío Villanueva ou Manquiña, entre outros. Todos eles indican que lles suxire unha imaxe da cidade.

O libro incluirá o tema interpretado pola orquestra compostelá baixo a batuta de Paul Daniel, Amor máxico, composta expresamente para este proxecto como un himno a Compostela por Juan Álvarez, médico, exprofesor de Harvard Medical School e afeccionado á música. Carolina Rubirosa pon voz á canción que xa se ten gravada en tres idiomas.

Xeila Crespo Rodríguez, 2º de Bacharelato.

Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 30-11-2015 20:51
# Ligazón permanente a este artigo
O 40% dos centros de Infantil non usan o galego
A Mesa pola Normalización Lingüística vén de publicar os resultados do terceiro estudo sobre o uso da lingua galega nos centros de educación infantil: aqueles que acollen crianzas de 3 a 6 anos. Neste senso, segundo os datos ofrecidos pola asociación para a defensa da lingua galega, a porcentaxe de centros que usan "maioritariamente" o galego apenas alcanza o 5% mentres que o 75% usa pouco ou nada esa lingua. No entanto, supón un leve incremento respecto do anterior estudo no que se rexistraban só o 2,5% de centros co galego como lingua preferente. Dende A Mesa salientan que se trata dunha "estimación realizada dentro das posibilidades dunha entidade social" e aseguran que "corresponde á Xunta levar a cabo unha avaliación da situación através da Consellería de Educación". Coas enquisas distribuídas entre os centros de ensino Infantil das 7 cidades galegas A Mesa constatou que o 40% dos mesmos "declaran abertamente non utilizaren nunca o galego", sendo Vigo, Ourense e Pontevedra "os casos máis preocupantes" con porcentaxes que alcanzan o 67-75% dos centros.

Ana García Barandela, 2º de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 30-11-2015 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal