Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Ferrín reclama que a Xunta axude económicamente a Academia.

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, confirmou que, ademais de solicitar ó Goberno central que introduza unha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado do 2013 para corrixir á alza a partida de 341.000 euros que ten asignada a RAG para o vindeiro exercicio, tamén incluirá á propia Xunta na súa lista de reclamacións para que se complemente desde Galicia un orzamento que considera insuficiente e discriminatorio.
“Agora non podemos falar de discriminación por parte do Estado en comparación coa academia vasca e o Institut d'Estudis Catalans, xa que temos idéntica subvención e idéntico recorte, pero no que si estamos discriminados é no trato que reciben estas institucións dos Gobernos vasco e catalán e o que recibe a Academia Galega por parte da Xunta”, sinalou Ferrín.
Recordemos a RAG recibía 682.000 € por parte do Goberno español, e co recorte no próximo Orzamento para o 2013, o importe diminuirá a 341.000 €.

Outras academias
A Consellería de Educación e Cultura aporta anualmente aos fondos da RAG unha partida de 280.688,45 euros,moi inferior, segundo subliñou o presidente da Academia, “ás axudas que reciben as academias vasca, catalá e mesmo valenciana por parte do Goberno vasco, da Generalitat de Cataluña e da Generalitat valenciana”.
O Institut d´Estudis Catalans recibe, por exemplo, un forte apoio económico por parte da Generalitat, que só para o seu funcionamento ordinario aporta arredor do cinco millóns de euros ao instituto, mentres que a Acadèmia Valenciana de la Llengua obtén sobre tres millóns de euros anuais da Generalitat.
Ferrín destacou, neste mesma liña, que o lóxico é que sexa a Xunta quen apoie decididamente á Academia propia máis alá das axudas que poidan chegar por parte do Ministerio de Educación e Cultura e doutras institucións públicas e privadas.

Proposta rexeitada
O pasado mes de maio, PSdeG e BNG presentaran no Parlamento de Galicia unha iniciativa solicitando que se incrementara en 250.000 euros a asignación anual da Xunta á Academia.
Pero a proposta foi rexeitada polo PP.
“Se aínda somos galegos é por obra e graza do noso idioma”, lector non permitas que aldraxen a túa lingua, defende os teus dereitos.

Serxio María Rodríguez Álvarez,
1º Bacharelato. Coordinador.
RAG.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 10-11-2012 13:06
# Ligazón permanente a este artigo
O Lugo, sempre guerreiro
O día estaba sinalado no calendario , o Anxo Carro vibraba incesante ante este encontro. O Elche CF, líder da ¨Liga Adelante¨ visitaba o campo do Clube Deportivo Lugo, que esperaba con grande inquedanza poder dar a sorpresa ante un rival, con preferencias ben disitintas ós lucenses.
Ó Elche viuse sorprendido nos primeiros intres do encontro por un Lugo moi incisivo que ia en busca do partido e que non deixou que os forasteiros mostraran ese xogo que os fixo ser líderes, aínda que os visitantes tiveron oportunidades de perigo e un tanto anulado a Fidel. As oportuniades do cadro de Quique Setién viñan da man do dianteiro Oscar Díaz que foi un dos mellores xogadores do choque. Así con este panorama acababa a primeira metade en táboas.
Na segunda metade o Lugo saiu en busca do encontro sen importarlle a situación clasificatoria que tiña o equipo rival , e así a dez minutos do final nun balón parado o nomeado anteriormente Oscar Díaz fixo o 1-0 para os lucenses , que se levarían os tres puntos e deixando moi claro que , os equipos que queiran gañar no Anxo Carro deberán de currar moito, Arde Lucus.

Samuel Vázquez González, 1ºBacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 09-11-2012 21:45
# Ligazón permanente a este artigo
Sons Da Lubre Nas Noites De Luar.
Este fermoso enunciado é o título do novo material de Luar Na Lubre.
Esta formación coruñesa de folk galego e música celta comenzou a súa andadura polo mundo da música en 1985, aínda que non foi ata 1988 que puxeron á venta o seu primeiro disco, O Son Do Ar, a partir do cal alcanzaron unha grande fama a nivel nacional, estatal e internacional. Tal foi así que o famosísimo compositor e multiinstrumentista británico Mike Oldfield, fixo, no ano 1996, unha versión do tema O Son Do Ar, do disco homónimo, que incluíu no seu traballo Voyager.
Agora, tras a recente chegada de Paula Rey para suplir a Sara Vidal como nova vocalista do grupo e o éxito do seu disco Mar Maior, o grupo coruñés saca este traballo a modo de caixa recopilatoria na que se incluirán 45 dos temas máis importantes e significativos do seu repertorio, 6 videos e un DVD do concerto celebrado na Praza da Quintana de Santiago de Compostela o 31 de xulio deste mesmo ano.
Nel relatan os seus, xa longos, 27 anos de existencia e separan os temas en 3 vertentes: as colaboracións con outros artistas, as cancións máis festeiras e as máis líricas.
Os datos falan por si mesmos: 12 traballos discográficos, 9 deles editados por Warner España, máis de 300.000 discos vendidos, 2 discos de ouro, 9 Premios da Música e 1.000 concertos en máis de 23 países.
Luar na Lubre é, a día de hoxe, unha das propostas musicais máis consistentes do noso país.

Xabier González Sobrado, 1ºBacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 09-11-2012 21:43
# Ligazón permanente a este artigo
Catro anos máis para a promesa de cambio de Obama
EEUU enfróntase a unha grave crise presupuestaria este ano, si non hai acordo entre demócratas e republicanos.

Barak Obama obtivo este mércores do pobo estadounidense os catro anos máis que pedía para poder cumprir desde a Casa Branca a súa promesa de reconstruír os fundamentos da economía de EEUU e o benestar da súa clase media.


O veredicto das urnas foi para el máis beneficioso do que se prevía, porque ao final o presidente impúxose ao seu rival, o republicano Mitt Romney, con folgura, proba de que o seu capital de carisma non está nin moito menos esgotado.

Aínda que no voto popular a diferenza non foi moi grande, de apenas dous puntos (50 % fronte a 48 %), o presidente conseguiu impoñerse en case todos os estados en disputa: Ohio, Virxinia, Iowa, Colorado, Nevada, Pensilvania, Michigan, Novo Hampshire e tamén Florida.

A diferenza con Romney en votos electorais é ata o momento, 303 fronte a 206, superior á prevista, pero moito máis cativa da que lle levou en 2008 á Casa Branca no seu encaramento contra John McCain (365-173).

"Volvo á Casa Branca máis decidido e determinado que nunca sobre o camiño a seguir", dixo Obama á multitude que louvou o seu presidente en Chicago durante o seu discurso de vitoria, no que cotexou as súas prioridades para o segundo mandato: a redución do déficit, o avance tecnolóxico, a educación, a reforma migratoria, e a presenza na escena mundial.

A maioría dos observadores coincide hoxe, con todo, en que o risco de que persista o bloqueo político en Washington é tan grande ou máis que antes.

Segundo todas as proxeccións, o Congreso seguirá dividido, coa Cámara baixa dominada polos republicanos e o Senado polos demócratas.

Fernando Rodríguez González, 1º B Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 09-11-2012 21:41
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación da nova ferramenta dixital “bUSCatermos”.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou o novo bUSCatermos. Trátase dunha base de datos en liña da Universidade de Santiago (USC) de terminoloxía técnica multilingüe (fundamentalmente castelán, inglés e portugués e tamén outras, como catalán ou italiano) formada a partir da compilación, do tratamento e da reelaboración de dicionarios, glosarios e vocabularios técnicos que teñen o galego entre as súas linguas de traballo. Ata agora, o seu acceso era de uso interno dentro da USC. Grazas á colaboración do departamento dirixido por Vázquez Abad, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, quedará aberta a toda a cidadanía desde o 1 de outubro.
O conselleiro explicou que esta colaboración entre a USC e a Xunta de Galicia permite avanzar na “presenza do galego nas TIC e en internet”, no incremento “da oferta de produtos e de recursos informáticos en galego” e na libre circulación da nosa lingua “nos sistemas avanzados da vida moderna”, tal e como establece o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
“bUSCatermos” pode ser útil para calquera persoa que busque mellorar a calidade lingüística dos seus textos en galego e mesmo noutras linguas. Porén, a súa utilidade é especialmente significativa para tres colectivos: os docentes, os profesionais da mediación lingüística (tradutores, correctores...) e os profesionais da comunicación (xornalistas, guionistas...).

Alexandre Sueiro Paz, 1º B Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 09-11-2012 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
ÉaTúa, A nova rede social galega.
Alejandro Ruiz Lameiro (Ourense, 1984) é, desde este mes de outubro, enxeñeiro informático grazas ao proxecto que presentou no campus titulado: ÉaTúa, unha rede social de música. Déronlle matrícula de honra. Todo comezou en casa. O pai de Alejandro é músico e ten un grupo, Os Renegados. Un bo día dixo ao seu fillo que tiña que facerlles unha páxina web pero Alejandro foi máis aló e cos seus coñecementos universitarios decidiu montar unha rede social. «Quería ter un sitio onde publicar eventos, novas, fotos, vídeos, música sobre todo. E aí está ÉaTúa. A xente pode escoitarte sen ter que andar levando cedés ós locais onde queren que a escoiten. Aforras o cedé e o desplazamento», di este mozo recentemente graduado.

Alejandro propón entrar na súa rede na que, ademais, creou un reprodutor de música. «É para a música que suban os músicos da web. Permite xestionar listas de reprodución, votar por artistas, ver a súa discografía e podes crear a túa propia relación de temas», di. Na súa web non actúa a SGAE, en principio, como el conta, porque os autores deses traballos quérenos colgar aí e tamén poden decidir que se poidan ou non

«A rede social foi pensada para artistas pouco coñecidos e esa música pódese ter nos locais», explica o seu autor. E é que non existe unha rede semellante: «É a máis completa ó xuntar varias ideas, é decir, o bo dunhas páxinas e doutras máis un reprodutor que Facebook, por exemplo, non ten», sinala Ruiz Lameiro.


Julián Rey Pérez (2º BACH-A)
ÉATÚA
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 04-11-2012 21:27
# Ligazón permanente a este artigo
Un deporte pouco espallado
Hoxe día 3 de Novembro, celebrouse en Santiago de Compostela, unha proba da liga Galega de Orientación a Pé. Contou cun gran número de participantes, dentro do que cabe, xa que o deporte de orientación, non ten moito éxito a nivel Galicia. En Ourense só existe o clube do Barco de Valdeorras, pero este non conta con moitos federados. De todos xeitos non é necesario estar federado para participar.
Dende que algúns alumnos e exalumnos do colexio comezaron a practicar este deporte, non con moita frecuencia, pero si de vez en cando, sempre se quixo que fora adiante a iniciativa de que os alumnos do colexio Plurilíngüe Divina Pastora-Franciscanas se involucrasen de forma activa neste deporte. Algúns dos participantes seguen coa esperanza de que algún día vai adiante esta iniciativa. O contra desta iniciativa é o custo que supón participar neste deporte, xa que cada carreira custa uns 10 euros aos non federados, e a iso hai que lle sumar o desprazamento.
Pese a isto non se perde a esperanza de que algún día cando a situación económica mellore, se poida crear un cuble no que se poidan federar os alumnos, e poidan participar nunha actividade tan entretida como é a orientación.
Se algún curioso se interesa por este deporte aquí deixo a páxina oficial de Galicia e a de España.
Páxina da asociación galega: http://agaco.es/gl/
Páxina da asociación española: http://www.fedo.org/web/


Isabel Fernández
2ºBach-B
Comentarios (1) - Categoría Xogos - Publicado o 03-11-2012 20:22
# Ligazón permanente a este artigo
Doce etapa do folk galego malia á crise.

A forza da música galega navega polo temporal da crise. Dixo Antón Vilar Ponte: «Interésanos máis un coro galego en Madrid que un deputado en Cortes por Galicia». «Tal foi a dedución feita por tan egrexio persoeiro a respecto do coro pontevedrés Aires d'a Terra, de grande sona a comezos do século XX. Tendo en conta que o propio Ponte era representante político galego en Madrid, maxinemos qué pensaría calquera daqueles devanceiros galeguistas ao respecto da brillante realidade que a nosa música folk está vivindo case cen anos despois daquel período». Isto escribían no ano 2000 Xoán Manuel Estévez e Óscar Losada no libro Crónica do folk galego. 25 anos de historia (TrisTram).
Unha ducia de anos despois, a situación parece outra e ata cambiou o nome: «Universalmente é música celta e aquí parece que se vai impoñendo o de música de raíz, que é máis ampla, porque, por exemplo, para os norteamericanos si falas de folk entenden que son cantautores», explica Roi Maceda, que forma parte do grupo Quempallou e traballa para a discográfica Zouma. Quempallou é unha das formacións que editou disco este ano: Vellas Novas é o seu título. Ademais actuaron en festivais como o de Pardiñas, Lorient, Brincadeira (Cambre) ou Ponte da Barca (Portugal).
Neste outono tamén Uxía Senlle publicaba disco, Andando a terra. Uxía canta a Manuel María, un traballo no que, como indica o título, canta os poemas do escritor da Terra Chá. É a maneira que ten Uxía de celebrar os seus máis de 25 anos no mundo da música, unha traxectoria que vai seguir esta liña xa que ten teño en proxecto «pór música a poemas de Saramago ou Pessoa».
Roi Maceda asegura que na música galega «o problema é a visibilidade porque Galicia é moi creativa, estamos a un nivel altísimo, na primeira liña de vangarda; o problema é saber vender todo o que facemos».
Maceda indica que esta fin de semana ten lugar o Castañazo Rock en Chantada, onde están citados os organizadores de varios festivais galegos. A idea é facer unha fronte común que lles permita saír adiante «compartindo estratexias e medios». «Os festivais de música galega teñen moitos problemas e, polo que me din, algún, como o Irmandiños de Moeche, estivo a piques de suspenderse este ano», explica este músico.
«Moitos festivais subsistiron este ano porque fixeron a programación cos colegas», apunta Montse Rivera, de Leilía. E abre a controvertida cuestión do pagamento: «Non hai cultura de pagar por ver actuar a un grupo galego, porque durante anos a música galega foi gratis». Esta é outra liña de debate para un futuro que, segundo os gaiteiros Bellón e Maceiras, non terá nada que ver con aquel bum nos anos 90. Entenden que un dos cambios é que «estamos acostumados á subvención e agora mesmo o apoio a música é penoso, aínda que este é un problema dunha conciencia social na que se valora máis o que vén de fóra que o noso».
Bellón está «a favor de que se pague entrada para os festivais, como se fai en tódolos sitios do mundo» e apunta outra novidade: «Susana Seivane, que é moi amiga, fai un formato de trío e así pode viaxar fóra, porque con todo o grupo non se pode».
Aida González, 2º Bach B
Comentarios (1) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 03-11-2012 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
¿Halloween ou Samaín? Agora xa ninguén dúbida

«Despois de tantos anos, agora non hai confusión». Carlos Labraña, membro da Asociación de Amigos do Samaín, teno claro. Un día despois de realizar unha charla sobre este tema e a tan só dúas xornadas de que arrinquen os festexos en Cedeira -auténtica capital do Samaín atlántico-, un dos máximos impulsores da súa revitalización aclara que entre os nenos galegos xa non hai dúbidas sobre cal é a festa a celebrar. «Os rapaces viven de forma masiva o Samaín».
Labraña confesa non deixar de sorprenderse ante o efecto multiplicador dunha festa que hai vinte anos rexurdía, se non con timidez, si, polo menos, con certa cautela. «A súa recuperación foi explosiva, non lembro ningunha tradición que estivera a piques de perderse e que se recuperase desta forma».
De feito, o que comezou con forza en Cedeira, nalgunhas localidades da Mariña (como O Vicedo), na contorna de Ferrol (como Narón) ou na comarca arousá (A Illa) logrou estenderse a toda a comunidade e neste 2012 quedan poucos lugares que non celebren -ou ben, nos colexios ou nos centros socioculturais- este festexo.
¿Pero a que se debe este seguimento masivo? Labraña avala que foron os pais e avós os que apoiaron desde un inicio a celebración ao sentirse recoñecidos nela e ao considerala como algo propio fronte a un Halloween que se lles presentaba afastado. El mesmo recoñece que aos seus 43 anos aínda se acorda de como na súa infancia, e durante estas datas, cumpríase con ese ritual de cabazas baleiradas e iluminadas no seu interior e que lucían como nunca na noite do 31 de outubro. «Eu creo que no Halloween estadounidense mesturaronse varias festas. Por un lado está o dos disfraces, que nós o celebrabamos no entroido, e, por outro, o do truco ou trato, que en Galicia tamén se ten feito nesas datas. Eu lembro que había quen ía polas casas pedindo unha filloa».
En canto ao propio nome da festa -«Samaín»- recoñece que tamén se sorprende pola súa rápida aceptación, a pesar de que sobre o termo se conservan poucas referencias escritas. Aínda así Ramón Otero Pedrayo xa falaba «das fadas e dos defuntos que no tempo do Samaín, en Irlanda, bebían nas fontes do esquecemento».
Do que non hai dúbida é das orixes da celebración. No mundo celta, o 1 de novembro celebrábase o comezo dun novo ano, coincidindo co cambio de colleita. Segundo marcaba a tradición, a fiestra que separa o mundo dos mortos do dos vivos desaparecía a noite anterior e, por iso, percorríanse os lugares para escorrentar aos espíritos. Un deses ritos evolucionou ata desembocar na preparación e adorno de cabazas baleiras que, en ocasións, portan unha vela no seu interior, e que serven para espantar a propios e a estraños.
Ante a pregunta de como conviven en Galicia o Samaín e o Halloween e de se xa se ten superada esa suposta rivalidade que mantiñan, Carlos Labraña aposta pola actual harmonía. «En realidade trátase da mesma festa pero en dúas vertientes ou concepcións distintas. Está a comercial, que sería a de Halloween, e a máis enxebre, que é a galega. Na actualidade eu creo que os nenos celebran masivamente o Samaín e que soamente os mozos son os que aínda réndense ao aspecto máis comercial do festexo nalguna festa nocturna».

Nuria Salgado López
2º Bacharelato B
Comentarios (1) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 03-11-2012 12:47
# Ligazón permanente a este artigo
A fundación Otero Pedrayo busca a mulleres rurais lectoras e dispostas a xogar coas palabras

A fundación Otero Pedrayo, asentada na casa-museo de Trasalba (Amoeiro), convoca ás mulleres que viven na súa contorna para que participen na última sesión do taller literario dirixido a todas as que sexan lectoras, dispostas a deixarse sorprender e con ganas de gozar xogando coas palabras, segundo indicou o escritor e profesor do taller Fran Castro.
Castro e a historiadora Eugenia Muñoz serán os encargados de impartir o taller, dividido en dous partes de dúas horas cada unha e que se celebrará en Vilamarín este venres día 2 de novembro e o sábado 3, segundo o programa publicado pola fundación organizadora.
O taller comezou as súas sesións en cásaa-museo do intelectual e escritor galego Ramón Otero Pedrayo, falecido en 1972, hai un mes e seguiunas en varias sedes diferentes repartidas pola zona coñecida como 'Vos chaos de Amoeiro', unha meseta próxima á cidade de Ourense na que Otero Pedrayo desenvolveu gran parte da súa vida e da súa obra literaria, segundo explicou Eugenia Muñoz a Europa Press.
As mulleres que asisten ás sesións do taller, segundo Castro, son persoas inquietas, con hábito de lectura, con gran atracción pola escritura "e dispostas a deixarse sorprender e gozar xogando coas palabras pois tentamos durante toda a sesión que xurdan emocións ao redor da literatura".

TEXTOS PROPIOS

As dúas horas con Fran Castro gravitan ao redor da literatura, segundo indicou, e todas as participantes rematan cun texto literario "do que senten orgullosas", leno e escoitan o das demais.
A experiencia do escritor en talleres literarios comezou en 2004, aínda que o de Trasalba é o primeiro que celebra nunha contorna rural, pero, segundo dixo, en todos e cada un deles a presenza de mulleres é maioritaria, "como ocorre en calquera outro ámbito cultural como a asistencia a teatros e espectáculos de danza ou na compra de libros, mentres os homes están no fútbol ou vendo a televisión".

MULLERES QUE COÑECERON A OTERO PEDRAYO

A historiadora Eugenia Muñoz encárgase, durante outras dúas horas, da lectura "dramatizada" do conto 'A historia dun neno' de Otero Pedrayo, no que o autor repasa a súa vida desde o seu nacemento até a chegada ao instituto de bacharelato .
Tamén para ela é a primeira vez que colabora nun taller dirixido a mulleres rurais, pois a súa experiencia, sempre vinculada á fundación de Trasalba, cinguiuse até agora a grupos infantís.
"Neste taller o máis curioso é que entre as participantes, coinciden mulleres de 40 anos ou máis que coñeceron a Otero Pedrayo en vida, pois foron veciñas súas e aproveitamos para que conten a súa vivencia co escritor de forma que aprendemos todas unhas doutras", explicou.
Así mesmo, coincidiu tamén con Castro na súa apreciación de que a maioría das participantes en clubs de lectura guiados por ela, son mulleres "e non é porque teñan máis tempo, xa que se fan a partir das 20.00 horas para que lles dea tempo a saír do traballo".
O último taller desta serie organizada pola fundación con sede en Trasalba e dirixida a mulleres rurais celebrarase no Concello de Vilamarín os días 2 e 3 de novembro en dúas sesións de 16.00 a 18.00 horas.


Tania Airas

2ºB-BACH
Comentarios (1) - Categoría Xeral - Publicado o 03-11-2012 09:21
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal