Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Localizan en Marte unha nave espacial perdida dende 2003.
A sonda espacial "Beagle 2", que aterrou en Marte no Nadal de 2003 e da que se perdeu contacto, foi localizada aparentemente "intacta" na superficie do planeta, despois dunha busca de máis dunha década. Moitos científicos asumiron entón que a sonda quedara destruída tras o impacto a alta velocidade sobre o planeta. Non obstante, as novas imaxes, adquiridas polo Orbitador de Recoñecemento de Marte da NASA, descartan esa posibilidade pois mostran que parece que a sonda está enteira.

O deseño incorpora unha serie de "pétalos" de despregamento, no que se montaron os seus paneis solares, e polas imaxes obtidas parece que este sistema non se estendeu totalmente.

Segundo o director, puido tratarse ‘‘dun rebote que quizais distorsionou a estrutura no despregamento dos paneis solares’’.

O "Beagle 2", programado para tomar mostras da superficie e atmosfera do planeta vermello, é un proxecto británico incorporado á misión da nave "Mars Express", dirixida pola Axencia Espacial Europea.

Andrea Marquina Rodríguez, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 18-01-2015 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
Whiplash: a academia militar do jazz
Hai dúas palabras que o poden destruír todo. Meses de intentos, anos de sacrificios, talentos extraordinarios. Xuntos, son os dous termos máis daniños do dicionario inglés, polo menos segundo o profesor Fletcher. Por iso, o toleado docente de jazz da película Whiplash nunca xamais lles dirá aos seus alumnos "bo traballo". O que xa ofrece unha pista sobre o que conta o filme de Damian Chazelle (Providence, 1985), unha das sorpresas do ano, que logrou onte cinco nominacións aos Oscar (entre elas mellor filme e guión adaptado) e que se estrea en España.

"Tiña a esperanza de escribir de algo que coñecese e a partir de aí contar unha historia universal. Non quería un filme só para amantes do jazz ou a batería, senón para calquera que tivese un xefe así ou ese desexo de ambición", relataba o cineasta nun encontro en Cannes, onde Whiplash participou na Quincena de Realizadores. De aí que o filme se introduza nun conservatorio que recorda a un cuartel militar, para unha trama que mestura partituras e disciplina, melodías e acosos.

Porque o protagonista, Andrew, está convencido de que pode chegar a ser unha das mellores baterías da historia. E está disposto a todo con tal de conseguilo. "É un debate que me obsesionou e contra o que aínda loito: que paga a pena facer pola arte? Como se pode deixar unha marca no mundo?", subliña o director. O pobre Andrew non obstante tópase co profesor Fletcher, algo así como o sarxento de ‘A chaqueta metálica’ aplicado á música. Un tipo que berra, insulta, despreza e manipula aos seus alumnos, cun único obxectivo: que o son da súa orquestra sexa perfecto.

"A miña idea era crear un monstro que concentrase todo o que se poida detestar nun personaxe, pero que tivese unha filosofía na que se puidese crer. Suponse que a música é amor e alegría, pero para el só é odio cara a xente que non chega ao nivel que pretende", conta Chazelle sobre o personaxe que lle permitiu ao veterano J. K. Simmons levarse un Globo de Ouro ao mellor actor de repartición. Unha figura que o director coñece ben, xa que tanto o profesor coma boa parte da película están inspirados na súa vida. O docente de Chazelle, iso si, xamais alcanzou os límites inhumanos ou de abuso do seu alcume ficticio.

"Trátase das miñas experiencias, das de músicos que coñezo ben e da historia do jazz. Mesmo o máis tolo da película reflicte a realidade", defende o cineasta. O que sorprenderá bastante, polo menos a cantos non sabían que o jazz ten rozamentos co gore. Normal, polo tanto, que moitas das preguntas que recibiu Chazelle estes meses vertesen sobre os ríos de sangue que saen das mans exhaustas do protagonista. "Máis rápido! Máis rápido!", bérralle implacable Fletcher a Andrew, que desafía os seus límites físicos para satisfacer ao nazi que o ensina jazz. "Recordo esa dor constante, as miñas mans sangraban todo o tempo. O filme ten que ver tamén co físico da música, a todos se lles fode algo: aos trompetistas os labios, aos pianistas os dedos, a unha batería directamente toda a man", rememora Chazelle.

Lara Rodríguez Pardo, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 18-01-2015 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
A Escola de Ficción de Voz Audiovisual renova imaxe
A Escola de Ficción de Voz Audiovisual acaba de presentar a súa nova páxina web, máis intuitiva, completa e interactiva. Entre outros contidos, os internautas poden atopar toda a información dos seus novos cursos de interpretación, guión, cámara e realización, que darán comezo na súa sede da Coruña o próximo 3 de marzo.

A Escola de Ficción acaba de estrear nova web: www.escueladeficcion.com. Toda a información dos cursos, para os que permanece aberto o prazo de matrícula, está xa dispoñible nesta páxina, na que, entre outros contidos, pódense visualizar algúns traballos dos alumnos que pasaron polas súas aulas nos seus tres anos de existencia. Curtametraxes que mostran o talento dos seus creadores e a formación adquirida no centro.

Unha das características que fan única en Galicia á Escola de Ficción de Voz Audiovisual é que as clases se imparten nas propias instalacións da produtora, e nos mesmos estudos onde se gravan series tan exitosas como Serramoura e, anteriormente, Padre Casares, Matalobos e Mareas vivas. Ademais, os propios protagonistas destas series son algúns dos profesores que imparten os cursos de interpretación. Do mesmo xeito, entre o profesorado dos cursos de guión están os seus guionistas, e no de cámara e realización figuran os profesionais do seu equipo técnico.

Desde a súa creación, é a intención da produtora que a súa escola sirva como canteira de profesionais, tanto no ámbito interpretativo como para o desenvolvemento de novos formatos audiovisuais, como un modo de investir en formación e construír unha nova industria audiovisual baseada no talento.

Raquel Sardiña Tejada, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 18-01-2015 11:48
# Ligazón permanente a este artigo
Telelixo a todas horas
O termo “telelixo” utilízase comunmente para definir unha forma de facer televisión caracterizada pola utilización do morbo, o sensacionalismo e o escándalo como estratexias de atracción da audiencia. En España, o programa máis criticado é actualmente Sálvame.

Estímase que o telelixo existe dende os anos oitenta en Estados Unidos e dos noventa no resto do mundo audiovisual. E dende entón o telelixo vén experimentando un elevado ascenso na súa presenza dentro da televisión española.

O asunto chegou, mesmo, ao debate académico con dous libros significativos: Telelixo e democracia (2002), do filósofo Gustavo Bueno, e Telelixo e periodismo (2004) do xornalista e catedrático Carlos Elías. Neste último, Elías critica aos xornalistas de prestixio que se pasan "ao lado escuro" do telelixo. Considera que as televisións pagan a estes xornalistas tele-recolledores de lixo "sumas astronómicas de diñeiro co que compran a súa ética profesional".

Segundo un estudo publicado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas en xuño de 2010, sete de cada dez españois consideraban que a programación da televisión tiña pouca ou ningunha calidade. En relación con este tipo de programación o grupo Mediaset é o máis criticado.

Unha das queixas máis comúns en España sobre este tipo de televisión tamén é a elevada porcentaxe de programación que ocupan nas grellas televisivas, o que prexudica a emisión de programas con outro tipo de contido.

Elena Blanco Gonález, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 18-01-2015 11:43
# Ligazón permanente a este artigo
Charles Chaplin
Charles Chaplin naceu o 16 de abril de 1889 en East Street, Walworth, en Londres, Inglaterra. É un dos grandes xenios do cine e unha lenda fundamental da cultura do século XX, e de acordo cos críticos na materia é unha icona do século XX ao crear ao mítico Charlot pero sobre todo un personaxe imprescindible para comprender a evolución do cine. Fillo dun humilde matrimonio de artistas de variedades, a súa nai foi unha actriz de teatro que viu truncada a súa carreira debido a que padecía esquizofrenia; o seu pai era alcohólico, polo que a familia vivía sumida na terrible pobreza urbana desa cidade a finais do século XIX.

Cómico, guionista, músico, director… Charles Chaplin foi unha das primeiras estrelas do cine a nivel mundial. Debutou en escena aos oito anos de idade e continuou actuando en distintas compañías ambulantes ata que logrou destacar nunha das máis célebres de Londres. Tras crear grandes títulos como La Quimera de Oro foi capaz de sobrevivir ao cine mudo e continuar o seu legado dirixindo Luces de la Ciudad, Tiempos Modernos, El Gran Dictador ou Candilejas, películas imprescindibles na historia do cine. Ao longo dunha traxectoria de 79 películas, combinou de xeito prodixioso o humorístico, o dramático e o satírico. Ademais foi un fervor defensor das liberdades e loitou contra o nazismo dende as súas orixes. A mordacidade con que Chaplin criticaba problemas sociais e satirizaba moitos dos aspectos da vida estadounidense crearon moita polémica.

Deixounos un grande aforísimo número de citas e imaxes que conseguiron que o cómico máis popular do cine e un dos actores máis populares da sétima arte siga presente.

"A vida é unha obra de teatro que non permite ensaios; por iso canta, ri, baila, chora e vive intensamente cada momento da túa vida... antes que o pano baixe e a obra remate sen aplausos".

Alba Baltar Janeiro, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 18-01-2015 11:40
# Ligazón permanente a este artigo
Morre Fernando Quintela, histórico galeguista
Con 98 anos finou o presidente da Fundación Alexandre Bóveda, o galeguista Fernando Quintela que ocupara o cargo máximo da entidades despois da morte de Manuel Beiras. Odontólogo de profesión, Fernando Quintela manifestara desde novo a súa inmensa querencia por Galiza e o seu profundo galeguismo que o levaron despois a participar activamente nas Fundacións Castelao e Alexandre Bóveda, figuras polas que sentía grande admiración. Tamén Núñez Búa ou Aquilino Iglesias formaron parte do entorno de Quintela, do galeguismo de Vilagarcía de Arousa do que participaba.

Marcado polo golpe militar de 1936 que obrigou a ir ao exilio ao seu irmán socialista Armando, Fernando Quintela é un dos protagonistas da vaga de recuperación da memoria histórica por volta dos anos oitenta, no seu caso, de maneira especial a través da súa participación nas Fundacións nas que desenvolveu un intenso traballo.

Até hai ben pouco, e malia a súa avanzada idade, Quintela continuaba asistindo a actos públicos de especial significación na recuperación da memoria histórica e, de maneira singular, de homenaxe a Alexandre Bóveda, figura histórica pola que sempre demostrou unha profunda admiración.

Manuel Alejandro Fernández Carrasco, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 16-01-2015 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
“SELFIE STICK” E MOITOS MÁIS ACCESORIOS
Este tema fóisenos das mans. 'Selfie' non só é a palabra do ano 2014, senón tamén o tipo de foto que máis accesorios está a xerar ao seu arredor.

Se os primeiros en facer acto de presenza foron os xa arquicoñecidos 'selfie sticks' (paus para selfies), algúns fabricantes seguen con esta tendencia e parecen terse proposto un reto: lanzar ao mercado o accesorio máis raro para que nos fagamos as coñecidas auto-fotos.

É o caso de Lenovo Vibe Fiebot, un trípode que podemos manexar vía Bluetooth para buscar o encadre perfecto e facer a foto co noso teléfono sen perder o noso sitio de honra na instantánea.

Abondará con que nos descarguemos unha 'app' que sincroniza o 'smartphone' co mando a distancia que move o cabezal do trípode e se encarga de facer a foto. O 'gadget' dispón, ademais, dun modo automático que segue os rostros e outro que o guía vía infravermellos. De momento, este dispositivo só estará á venda en China.
Se o que buscamos é saír favorecidos nas fotos dende todos os ángulos quizais a nosa solución sexa BelfieStick. Trátase dun 'selfie stick' deseñado especialmente para realizarnos fotos dende atrás e destacar todos os nosos atributos.

Patricia González Fernández, 1º de Bacharelato.

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 16-01-2015 17:55
# Ligazón permanente a este artigo
Recada 10 mil euros con 'Luatlón' para axudar contra o cancro e en honor ao seu irmán.
O grovense Alberto Figueiro chegará este xoves a Madrid despois de percorrer máis de 760 quilómetros en bicicleta e correndo para promover 'Luatlón', unha carreira popular en homenaxe ao seu irmán Luís Miguel Figueiro, máis coñecido como 'Lú', que faleceu a causa dunha leucemia aguda.

Segundo informou o deportista en declaracións a Europa Press, todos os fondos da carreira que se celebrará o próximo día 2 de febreiro na súa localidade natal, o Grove (Pontevedra), recadará fondos para a Asociación Española Contra o Cancro (AECC).

Figueiro xa promoveu a carreira do ano pasado cunha volta a Galicia en bici e a pé. "Grazas a esa iniciativa puidemos reunir máis de 1.000 participantes e recadar case 10.000 euros para a AECC".

Por outro lado, o deportista explicou que o seu irmán 'Luns', que traballaba no servizo de salvamento marítimo da base da Coruña, era moi deportista, polo que non había mellor forma de homenaxealo que cun dúatlon --correr, bicicleta, correr-- polas rúas da súa cidade natal.

Para promover esta segunda edición, Figueiro percorreu 720 quilómetros a pé e en bicicleta dende O Grove a falta da última etapa deste xoves que concluirá na Praza de Sol de Madrid.

A carreira, que se celebrará o primeiro fin de semana de febreiro, terá dúas modalidades, unha carreira completa cuxa cota de inscrición será de 14 euros --destinados integramente a AECC-- ou "andaina", un paseo de catro quilómetros cuxa cota de inscrición será de 12 euros, que tamén irán á mesma asociación.

Irene Iglesias Bastos, 1º de Bacharelato.

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 16-01-2015 17:53
# Ligazón permanente a este artigo
Mediaset expulsa a 'Los Chunguitos' de 'GH VIP' polos seus comentarios homófobos.

Mediaset España comunicou este xoves a través da súa conta de Twitter a expulsión definitiva de Los Chunguitos de Gran Hermano VIP. Unha decisión que se viu obrigada a tomar a cadea despois da presión do colectivo LGTB e das críticas que publicaron os espectadores nas redes sociais, dende que o mércores os irmáns Salazar verteron unha serie de comentarios homófobos e racistas na casa de Guadalix de la Sierra que fixeron palidecer á audiencia.

José e Juan Salazar, cuxa expulsión do concurso televisivo podería ser, previsiblemente, ao longo da gala en directo que conducirá Jordi González este xoves, comentaron que "a ninguén neste planeta lle gustaría ter un fillo maricón" e confesaron que quererían "un fillo deforme ou cunha enfermidade antes que saia maricón".

A Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais (Felgtb) esixiu a Telecinco, nun comunicado emitido tamén este xoves, que puxese fin aos "discursos de odio" que se sucederan ao longo da última semana na cadea, tras as devanditas afirmacións "cargadas de homofobia".

Na nota de prensa, a Felgtb recordaba que a homofobia non forma parte da "idiosincrasia xitana", senón que responde á "ignorancia, que se combate con educación, independentemente da procedencia, a crenza ou a cor de pel que se teña".

As "principais vítimas" destas declaracións son as persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais máis novos, que sofren "o desprezo e a incomprensión" no seu ámbito, subliña este colectivo. "A responsabilidade de Telecinco con eses menores é non dar cabida a discursos de odio e desprezo á diversidade sexual e de xénero", afirma a presidenta de Felgtb, Boti G. Rodrigo, quen insta á cadea a pedir perdón.

Laura Abad Álvarez, 1º de Bacharelato.

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 16-01-2015 17:52
# Ligazón permanente a este artigo
#AppleEnGalego
Hai pouco máis dun mes nacía formalmente ‘Queremos Apple Galego’, unha iniciativa que nacía “coa intención de lograr o éxito de conseguir a tradución de todos os sistemas operativos dos dispositivos de Apple (OS e iOS) ao galego”. Para iso animaban a ‘lanzarse’ para pedirlle a Tim Cook (CEO de Apple) e máis ao seu equipo que desen ese paso e apostasen na tradución ao idioma propio de Galiza. Malia as estatísticas de uso do galego na rede, “Apple aínda non incluíu o galego como lingua do seu sistema operativo. No iOS8, así como nas últimas versións de OSX, permítese configurar a lingua principal como a galega, máis a maioría dos seus contidos non están traducidos. Cremos que Apple ten que facer os deberes e rematar coa discriminación que está a sufrir a nosa lingua”.

QAG sinala diversos motivos para esta campaña, o principal deles, afirman, “a ilusión e a necesidade de introducir a nosa lingua no mundo tecnolóxico de Apple”. Tamén “pular polo noso idioma, que non está a pasar bos momentos”. Iso si, destacan o alto emprego do galego na rede, “non só pola súa importante presenza nas redes sociais (chegando a ser a 20ª lingua máis empregada no Twitter no ano 2009), senón tamén pola existencia de potentes grupos de tradutores de software (especialmente software libre) e de moi activos desenvolvedores de aplicacións do máis diversas”.

A campaña conta actualmente con diversas vías de comunicación (twitter @AppleEnGalego)-facebook(facebook.com/AppleEnGalego)-web(queremosapplegalego.me)

Manuel Alejandro Fernández Carrasco, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 12-01-2015 20:28
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal