EDLfranciscanasOurense


Blog do EDL do Colexio Plurilingüe Divina Pastora de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

RAG: «O galego non é un problema, é unha riqueza que non podemos estragar»
Cinco académicos e o presidente da Real Academia Galega deron lectura este venres a unha declaración institucional sobre a situación do galego. «Non se pode demorar por máis tempo o momento de emprender iniciativas concretas con prazos precisos». Isto aseguran nun documento que conta co apoio de todos os académicos numerarios da RAG, un texto que leva por título «O galego dá vida, pola vida do galego. Declaración institucional da Real Academia Galega». Alonso Montero detallou que o documento está formado por un preámbulo, un decálogo e un epílogo. No primeiro deles indican que despois dos últimos datos publicados sobre o uso do galego este é un pronunciamento «ante a alarma que estes datos provocaron en amplos sectores da sociedade».

Fina Casalderrey deu lectura aos dous primeiros puntos, nos que se di que «o sistema educativo é unha peza clave para garantir o porvir do galego». O punto catro do decálogo, lido por Margarita Ledo, di que as universidades galegas «están obrigadas a facer un esforzo a prol do galego na docencia e a fomentar as liñas de investigación en diversas áreas». Henrique Monteagudo deu lectura a dous puntos, cinco e seis, sobre o uso do galego nos distintos eidos da sociedade, facendo mención da Igrexa, medios de comunicación, «empresas, sindicatos, colexios e colectivos profesionais».

A Xunta pronunciose sobre o pronunciamento da RAG e asegura que comparte «a vontade expresada na declaración institucional dada a coñecer hoxe pola Real Academia Galega de garantir o futuro da lingua propia de Galicia e aposta por manter o seu compromiso para crear actitudes positivas cara ao galego, xa que a lingua é útil en calquera ámbito e para o desempeño de todas as funcións sociais». Na mesma liña, defende o Decreto sobre o pluriligüísmo de 2010 e apunta que os dez puntos nos que se articula o texto da RAG «coinciden maioritariamente coa análise feita pola Administración autonómica respecto da situación do galego e tamén coa necesidade de involucrar a toda a sociedade na mellora dos índices de uso como garantía do futuro da lingua».

Raquel Sardiña Tejada, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 31-01-2015 23:10
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta buscará unha postura conxunta cos tres reitores sobre a reforma das titulacións

É unha reforma completamente extemporánea; prexudicará aos alumnos con menos recursos económicos porque lles obrigará a facer un máster de dous anos se queren competir en igualdade de condicións co resto de titulados; e provocará unha desregularización das titulacións. Son os tres principais argumentos que esgrimen os reitores galegos, totalmente contrarios ao modelo 3+2 que propón Wert na reforma aprobada onte. Precisamente, na reunión que a Conferencia de Rectores celebrará o luns tratarán de chegar ao maior consenso posible para que non se produza esta ruptura entre unhas universidades e outras, pero temen que non se consiga, xa que algunhas institucións, sobre todo as catalás, «son proclives a este sistema, polo que é difícil conseguir unha unanimidade na non implantación», explicaba o reitor da USC, Juan Viaño.

Onde será máis sinxelo chegar a un consenso será en Galicia, onde as tres universidades son contrarias ao modelo e confían en alcanzar posturas homoxéneas sobre os títulos. O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, sinalou que nos próximos días reunirase cos reitores para intentar alcanzar un proxecto conxunto para as institucións galegas. Vázquez insistiu en Ourense en que esta reforma é positiva, xa que facilita a autonomía universitaria ao permitir que os centros reduzan os seus graos pero sen que supoña unha obrigación para as universidades.

Mentres para os rectores os graos de tres anos prexudican economicamente ao alumno, o conselleiro fai a análise contraria, xa que os estudantes poderán acceder ao mercado laboral aos tres anos, o que lles aforrará un curso de carreira. Máis aínda, España terá por fin o mesmo sistema que a maior parte dos países europeos inmersos en Bolonia, nos que conviven varias alternativas e é o alumno o que elixe a que máis lle convén.

Porén, gustaríame facer emerxer neste debate a figura do reitor da UDC, Xosé Luís Armesto, quen sinalaba fai uns días o seu desacordo con esta reforma «pola inoportunidade de facelo agora, sen reflexionar sobre un sistema no que acaban de rematar as primeiras promocións». Con todo, o reitor da UDC considera que «prexudica fundamentalmente aos estudantes» porque os másteres teñen as taxas de matrícula máis elevadas que os graos e lamenta, do mesmo xeito que os seus dous homólogos en Galicia, a falta de homoxeneidade que provocará a reforma «e que nunca favorecerá a un servizo público», conclúe.

Lara Rodríguez Pardo, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 31-01-2015 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
Descoñecemos o que comemos
O director dun xornal estadounidense Marshall V. King do "Elkhart Truth" realizou un experimento onde conservou no seu escritorio dende xullo do 2009 unha hamburguesa McDonald's durante 5 anos.

Este mes de xullo sacouna e descubriu que non estaba nin podre nin con fungos, e tampouco mostraba ningún sinal de descomposición.

Marshall definiu o estado da hamburguesa como: "un disco de hóckey cun lixeiro olor a carne de vacún acompañado por un pan reseco". Este experimento deuse a coñecer porque o director publicouno na súa conta persoal de Twitter.

"A hamburguesa encolleu, o pan secouse, pero nunca tivo mofo", escribiu King. "Cinco anos despois está case igual que un par de semanas despois de comprala", engadiu.

Os representantes de McDonald's de EUA, pola súa banda, ofreceron a súa explicación ao fenómeno da súa comida 'sen data de caducidade', asegurando que "no ámbito axeitado e certas condicións, especificamente a humidade", as súas hamburguesas, papas fritas e outros elementos do menú pódense descompoñer.

O que está claro é que a maioría da comida que vén da terra e está tratada de forma completamente natural se pon en mal estado tras uns días.

David Cebreiros López, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 31-01-2015 16:18
# Ligazón permanente a este artigo
Decreto 3+2
A aprobación este venres do real decreto de reforma do sistema universitario ten como principal consecuencia a "flexibilización" da estrutura de graos na universidade española. Pero, en que consisten os cambios? A quen afectará?

Dende a implantación do Plan Bolonia en España, todas as carreiras universitarias, con algunhas excepcións puntuais, como medicina, teñen a mesma estrutura que suma 300 créditos ECTS: catro anos de grao (240 créditos) e un de máster (60 créditos) que é opcional para o estudante. A fórmula coñécese como 4+1.

Non obstante, na maior parte de Europa o sistema é diferente: tres anos de grao e dous de máster (3+2). O que permite o novo real decreto é que as universidades poidan elixir libremente a fórmula que prefiran: 4+1, 3+2 ou calquera que sume 300 créditos ECTS.

A cuestión está en saber se isto é un avance ou un retroceso. Para iso debemos saber que con carácter xeral non temos que facer un máster despois do grao para poder exercer, polo que sería posible a incorporación un ano antes ao mundo laboral. Non obstante, para determinadas profesións xa é obrigatorio realizar un máster habilitante, como é o caso do Máster en Avogacía ou Procuradoría. De igual modo, para exercer a docencia na ESO, bacharelato, formación profesional e ensino de idiomas, deberá facerse o Máster en Profesorado, en dito caso o gasto universitarios incrementarase notablemente xa que os posgraos teñen unhas taxas máis altas, por iso esta reforma foi criticada por numerosos sindicatos de estudiantes.

Elena Blanco González, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 31-01-2015 16:03
# Ligazón permanente a este artigo
Recordas os teus soños?
Está comprobado que todos soñamos, pero só uns poucos son capaces de acordarse dos seus soños. Seguro que tes algún amigo que sempre te sorprende con algunha historia interesante sobre algo que soñou mentres que ti te preguntas por que non podes recordar o soñado.

Para explicar por que unhas persoas son capaces de recordar os seus soños e outras non, hai que recorrer a un estudo do Centro de Neurociencia de Lyon, onde monitorizaron nunha unidade do soño a 36 persoas durante varios días. Os suxeitos obxecto de estudo dispoñían dun auricular a través do cal se lles chamaba polo seu nome durante a noite. Os encefalogramas das persoas que recordaban os seus sonos mostraban moita máis actividade cerebral que os outros pacientes. Estas persoas non só recordaban os seus soños senón que ademais recordaban que alguén os chamara polo seu nome.

Este estudo levou a clasificar en grupos diferentes a esas 36 persoas e chegouse á explicación de que o grupo cun sono máis lixeiro se espertaba varias veces durante a noite, o que lle permitía recordar os soños, en cambio as persoas que tiñan un sono profundo non recordaban nada.

Con este estudo descartouse a teoría de que as persoas que recordan os seus soños tivesen mellor ou peor memoria que o resto, xa que é a profundidade coa que durmimos o factor determinante.

Alba Baltar Janeiro, 2ºA de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 31-01-2015 14:54
# Ligazón permanente a este artigo
O Museo de Lugo recibirá en días a colección de ourivería de Álvaro Gil
Coa aprobación por parte da Xunta de Goberno da forma de pago á familia de Álvaro Gil de 2.346.000 euros en 5 anualidades sálvase o último trámite para conseguir que, en poucos días, o Museo de Lugo volva mostrar un dos seus emblemas, a soberbia colección de ourivería prerromana que é un dos referentes da cidade.

Será o vindeiro 10 de febreiro, segundo adiantou Antonio Veiga, cando a colección regrese ao Museo de Lugo xa de maneira definitiva, ao se producir a sinatura do contrato de compravenda coa familia do mecenas. Ponse fin así a un litixio que comezou hai 14 anos, no tempo no que Francisco Cacharro Pardo presidía a Deputación, e que supón tamén o pago de 600.000 euros en concepto de costas xudiciais. A institución provincial rematará de pagar o legado en 2018 e agora fará o abono de dúas das cinco anualidades fixadas.

Sandra Tornero Belloso, 1º de Bacharelato.

Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 31-01-2015 13:12
# Ligazón permanente a este artigo
A Academia Galega enxalza o carácter «poliédrico» de Valentín Paz-Andrade
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, destacou onte o carácter «poliédrico» de Valentín Paz-Andrade. Foi durante o acto de presentación en Vigo do boletín da RAG dedicado de forma monográfica á súa figura. Montero enxalzou a influencia que a obra de Andrade tivo nos campos da economía, a literatura, a política, o dereito, o xornalismo ou a filosofía, que o configuraron como un dos intelectuais máis destacados do século XX en Galicia. Organizado pola Fundación Penzol na Casa da Cultura Galega, ademais do director da Academia, o encontro contou coa presenza da historiadora Emilia García López, o escritor e avogado Xosé Luís Franco Grande e o editor Gregorio Ferreiro. Xosé Luís Franco Grande, que coñeceu persoalmente a Paz-Andrade, destacou que o volume é «clarificador» porque descobre aspectos novos e non coñecidos da biografía e o pensamento do autor a quen estivo dedicado o Día das Letras Galegas no ano 2012. Afirmou que este tomo que acaba de presentarse está «cheo de sorpresas» e é o mellor que se pode dicir dunha nova publicación porque, así, o seu contido incita ao lector. O monográfico recolle tódalas intervencións dedicadas a Paz-Andrade durante un congreso celebrado en decembro do 2012. Inclúe artigos de autores como Justo Beramendi, Miguel Anxo Seixas, Xan Carballa, Alfonso Álvarez, Charo Portela, Luís Cochón ou Tucho Calvo. Xavier Vence, Manuel Rivas, Ramón Villares, Xosé Ramón Barreiro e Xesús Alonso Montero achegaron tamén alocucións académicas sobre o autor. O boletín contén ademais un traballo de investigación de Ramón Mariño e Damián Suárez titulado Luís Losada e o pranto galego pola morte de Luís I de España.

Antía Corral Álvarez, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 31-01-2015 13:08
# Ligazón permanente a este artigo
Rosalía e os seus Cantares á gran pantalla
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) proxecta este sábado 31 de xaneiro ás 18:00 horas o documental “I ante aquel silencio mudo. Rosalía e Cantares Gallegos”, producida pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. A sesión contará coa intervención dunha das autoras, Marina Chiavegatto, o presidente da AS-PG, Xoán Costa ademais da actuación musical de Javier Cedrón que tocará dúas melodías do disco “Rosalía de Castro. Os ollos que falan”, banda sonora do documental.

A curtametraxe “I ante aquel silencio mudo” estreouse o 12 de novembro en Ferrol e é o máis recente dos traballos promovidos pola AS-PG arredor da escritora. Maria Chiavegatto e Millán Castro crearon o guión e a realización do documental que produce a AS-PG.

A iniciativa da AS-PG súmase a outros proxectos desenvolvidos arredor de Rosalía de Castro como a publicación de libros como Análise Sociolóxica da obra de Rosalía de Castro (1988), tese de doutoramento de Francisco Rodríguez ou o posterior do autor Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (A persoa e a obra de onte a hoxe). O proxecto Daquelas que cantan (http://bitaculas.as-pg.com/literaria/) ou a presenza da autora no Trivial.gz son outras das iniciativas que se suman ao certame de curtametraxes da que sairá en breve a convocatoria coas bases da quinta edición.

Manuel Alejandro Fernández Carrasco, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 31-01-2015 13:03
# Ligazón permanente a este artigo
O Concello de Compostela pon atrancos a unha manifestación polo galego
Queremos Galego recebíu esta sexta feira unha notificación do Concello de Santiago onde, afirma a plataforma, se nega á autorización para a conexión ao alumeado municipal, “ben directamente, ben por medio dun xenerador do Concello, para desenvolver o acto final da manifestación masiva prevista para o 8 de febreiro”.

O Concello, prosegue QG, “oponse máis dunha vez a todo o que teña a ver coa defensa activa da lingua galega a través da mobilización cidadá”, e faino “malia contar con precedentes xudiciais en contra desta postura”.

“Non é novidade”

Lembra Queremos Galego que esta actitude non é nova, “é a mesma que mantiveron os anteriores alcaldes de Santiago neste mandato, Conde Roa e Ángel Currás”. “Como non poden parar ás miles de persoas que se dirixirán a Santiago a se manifestarán polo futuro da nosa lingua, pensan que cortando o son poderán calalas”, sinalou o portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa Marcos Maceira.

Maceira fixo un chamado ao novo alcalde Agustín Hernández, a que evite a confrontación xudicial “e deixe de pór limites ao que en Galiza, en Santiago como a súa capital, é o natural, a lingua galega e a liberdade de expresión”.

Sofía Fernández Martínez, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 31-01-2015 12:58
# Ligazón permanente a este artigo
Morre a actriz Amparo Baró

A actriz española Amparo Baró faleceu este xoves en Madrid aos 77 anos no hospital de Porta de Hierro por mor dun cancro.
Segundo avanzou a tamén actriz Loles León tras visitar o Tanatorio Norte de Madrid, onde foron trasladados os restos mortais, Baró será incinerada este venres 30 de xaneiro ás 14.30 horas no cemiterio da Almudena. Numerosos actores acudiron este xoves a dar o seu último adeus á actriz ao tanatorio, que permanecerá aberto ata mañá. Entre eles, Javier Cámara, Gonzalo de Castro, Tina Sainz, Joaquín Cremel, Pilar Bardem e Emilio e Julia Gutiérrez Cava.

Nacida en Barcelona, Amparo Baró San Martín foi ao longo da súa dilatada carreira unha das grandes da escena española e traballou tanto en teatro, como en cine e televisión. Precisamente na pequena pantalla interpretou o soado personaxe de Soledad Huete («Sole») na serie Sete vidas de Telecinco, coa que permaneceu en antena desde o ano 1999 ata o 2006. O actor Javier Cámara, que interpretou ao seu fillo na serie de Telecinco, lamentou a súa morte na súa conta de Twitter. En televisión, tamén participou na famosa serie O Internado, onde interpertó o papel de Jacinta..

Martín Pérez Rodríguez, 1º de Bacharelato.

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 31-01-2015 12:50
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal