ENDLdivinapastora


Blog do ENDL do Colexio Plurilingüe Divina Pastora de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O AVE dispara a licitación de obra pública a 936 millóns
Os construtores reproban o escaso investimento da Xunta, que diminuíu un 85% en Galicia
A licitación de contratos de alta velocidade -en concreto, na liña Lubián-Ourense- dispara o balance de obra pública na provincia, que nos cinco primeiros meses do ano acumula licitacións por importe de 936,6 millóns de euros, fronte aos 45 millóns que rexistraba no mesmo período do ano pasado. Así o reflicte o balance que mensualmente actualiza a Federación Galega da Construción, no que contabiliza o investimento comprometido coa licitación oficial de contratos.


Marta Dacal
1ºB-Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 09-06-2012 11:58
# Ligazón permanente a este artigo
SOMOS: Zara, El Corte Inglés, Springfield e Movistar dánlle 'a volta' aos escaparates.

Máis de 220 tendas de El Corte Inglés, Springfield, Women' Secret, C&A, Cortefiel e Pedro del Hierro, Zara, Mango e as tendas Movistar xestionadas por Telyco darán 'a volta' aos seus escaparates este xoves, con carteis ou a roupa do revés para apoiar a Campaña SOMOS impulsada por 25 ONG para dar as grazas aos tres millóns de socios regulares que hai en España.

Desta forma, as sinaturas así como os dependentes das superficies que levarán o logo da campaña animarán aos cidadáns a poñerse a roupa do revés para mostrar o seu apoio ás ONG e ao seu obxectivo de "dar a volta ao mundo". Women Secret vestirá tamén aos manequíns do revés.

Así mesmo, Correos distribuirán máis de 24.000 postais nas súas oficinas coa imaxe de 'SOMOS', mentres que Grupo Día e Eroski Consumer cederon espazo á Campaña nas súas respectivas revistas a clientes.

Ademais, numerosas empresas e institucións que colaboran coa Campaña amplificarán, a través da súa comunicación interna e externa, a mensaxe de agradecemento aos socios das ONG.

No sector das Telecomunicacións, Vodafone apoiou a campaña cun SMS á súa base de clientes e Movistar mostrará este xoves en máis de 250 tendas Telyco vinilos de mobilización.

Pola súa banda, os líderes do sector bancario deron difusión á campaña entre os seus empregados e dedicáronlle parte dos seus encartes a clientes.

Adicionalmente, 'SOMOS' conta co apoio de de empresas online como Atrápalo, Yell Publicidad, eBay anuncios, Privalia ou Meetic, os que xa a difunden a través dos seus soportes electrónicos.

A campaña 'SOMOS' nace en 2012 como unha iniciativa de 25 ONG españolas, pequenas e grandes, englobadas na Asociación Española de Fundraising (AEFr) co apoio de Bain & Company.


Tania Airas
1ºB-Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 09-06-2012 10:13
# Ligazón permanente a este artigo
Regueira alerta do aumento do galego oral con fonoloxía castelá
«Xa hai un número non anecdótico de falantes urbanos que teñen o galego como lingua inicial e habitual e que teñen unha fonoloxía baseada no castelán, e non no galego». Isto dicía onte no se discurso de ingreso como numerario da Real Academia Galega Xosé Luís Regueira Fernández (Goiriz, Vilalba, 1958). Nunha brillante exposición que titulou Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI, Regueira mesturou as citas de estudosos como McLuhan, Heidegger, Habermas ou académicos da RAG, xunto con apuntes moi próximos sobre «os entrecruzamentos entre literatura oral e escrita e entre lingua oral e escrita difíciles de desenlear: ¿canto hai de oral e canto de escrito nas cancións dos Heredeiros da Crus ou de Dios ke te Crew ou, se queremos, nas de Eminem?».

Diante da maioría dos académicos, de representantes da Xunta, das tres universidades e de diversos estamentos, o novo académico asegurou: «A lingua marca a nosa maneira de ver o mundo». Fixo tamén un percorrido polas culturas orais, o paso da oralidade á escrita e a revolución dos medios de comunicación, que dan lugar a «una nova oralidade» que chamou tribal «porque a palabra volve tribalizarse; casa unha princesa en Inglaterra, soan os tambores e enterámonos...», apuntou.

Regueira, que ingresou acompañado por Bernardino Graña e Henrique Monteagudo, explicou no acto: «O sentimento de responsabilidade que asumo no día de hoxe acrecéntase ao comprobar que veño ocupar a cadeira na que sentou nada menos que don Manuel Murguía, e que foi ocupada despois por José García Acuña, por Francisco Vales Villamarín e, ata hai pouco máis de dous anos, por Olga Gallego Domínguez», da que fixo unha loanza. No momento de recibir o diploma e a medalla Ferrín lembrou que esta foi «a que levou Murguía no seu peito».

Sara Álvarez González

nº1 1ºA Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 03-06-2012 15:13
# Ligazón permanente a este artigo
Pastor subliña que o AVE directo a Vigo
A ministra de Fomento, Ana Pastor, subliñou este sábado que "dende logo" o proxecto do AVE directo a Vigo, a través de Cerdedo, "segue adiante", e apuntou tamén que este tren de alta velocidade será un dos "factores clave, xunto cos aeroportos, do turismo en Galicia".

"Para iso estamos a traballar", apuntou a ministra en declaracións aos medios na súa visita á localidade pontevedresa de Ribadumia, onde opinou que a implantación do AVE en Galicia non só permitirá que os cidadáns desta autonomía "cheguemos antes a Madrid e a outros lugares de España", senón tamén que visiten Galicia "moitos máis turistas".

A este respecto, Pastor engadiu que a chegada do AVE, un medio de transporte "non contaminante" e "moi eficiente", permitirá chegar a Madrid "na metade do tempo que tardas agora en coche.

Pastor definiuse como "unha defensora de que España estea vertebrada con AVE", e recordou que hai cidadáns deste país que gozan deste medio de transporte dende hai vinte anos. "Eu estou moi satisfeito diso, pero o que quero é que Galicia, Asturias, o País Vasco, Extremadura, Alicante, teñan tamén este medio de comunicación".

PRIMEIRO AVANCE
Ao respecto da alta velocidade, Pastor recordou tamén que "en poucos días", en concreto a partir da "segunda quincena de xullo", chegará a Galicia o primeiro tren híbrido, que grazas a un motor diésel puiden circular por vías sen electrificar, e que fará que se acurten "os tempos entre Galicia e Madrid".

A ministra definiu a chegada deste tren, que realizará o percorrido Madrid-A Coruña, como o "primeiro avance" que o Estado pode levar a cabo "ata que teñamos electrificada a vía".

XEFATURA DE PROXIMIDADES
Por outra banda, a responsable de Fomento tamén informou de que "os técnicos" do Ministerio se atopan "traballando" para a creación da Xefatura de Proximidades de Galicia, a implantación da cal foi solicitada polo Parlamento a través dunha proposición non de lei.

Ao mesmo tempo que o AVE é "unha fonte de riqueza" que permite desprazarse a "longa e media distancia", "tamén hai outra parte que é o tren convencional", apuntou Pastor, quen defendeu a necesidade de "garantir que os cidadáns teñan mobilidade".

Nese sentido, apuntou que "se está a falar" con asociacións de cidadáns, co obxectivo de crear a citada Xefatura de Proximidades, pero ao mesmo tempo lamentou "atoparse" que "se levantaran as vías" do antigo tren de proximidades en diferentes puntos, o que considera un "erro". "Paréceme que é tirar o diñeiro, e non estamos para tirar o diñeiro", concluíu.

TRAVESÍA BARREIROS
Por outra banda, preguntada respecto de se Fomento vai realizar un convenio para a transferencia dunha estrada nacional ao municipio lucense de Barreiros, Pastor afirmou que esta cuestión "se está a estudar", e recoñeceu tamén que dende o Ministerio "sempre" están "abertos a esa transferencia das travesías".

A ministra incidiu na existencia dunha normativa que permite esta modificación ás autoridades locais, que implica o pagamento "dunha especie de cánon", e reiterou que ela se mostra "aberta a iso".

FESTA DO TINTO
Pastor realizou estas declaracións na súa visita á XL Festa do Viño Tinto do Salnés, que se celebra esta fin de semana na localidade pontevedresa de Ribadumia. Nese sentido, apuntou que o motivo da súa visita era "apoiar a economía" dun municipio para o que para o que é "fundamental" que "os seus produtos teñan saída nos mercados e, sobre todo, que xeren emprego e riqueza".

A ministra foi recibida na casa consistorial pola alcaldesa, Salomé Peña, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, os que expresaron a súa "satisfacción" polo "respaldo" tanto do Goberno central coma da Xunta a "un dos eventos máis tradicionais de Galicia", como expresou Louzán.

Noelia Gomez Nogueira, 1B bacharelato.
Comentarios (1) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 03-06-2012 15:12
# Ligazón permanente a este artigo
Angueira aposta por reactivar os Estudos Rosalianos
O profesor da Universidade de Vigo e escritor nacido en Dodro Anxo Angueira Viturro preside dende onte a Fundación Rosalía de Castro, con sede na Matanza, no concello coruñés de Padrón. A entidade celebrou un plenario extraordinario para elixir ao presidente e a nova comisión executiva que, encabezada por Anxo Angueira, está integrada ademais pola vicepresidenta Luz Pozo Garza; como secretario, Xosé Carlos Beiró Piñeiro; tesoureiro, Justo Cortizo Sóñora, ademais de cinco vocais: Xesús Alonso Montero, que preside o Centro de Estudos Rosalianos; Ana Blanco, presidenta en funcións ata onte; María do Carme Kruckenberg, Xosé Luís Axeitos e Dolores Vilavedra.

O novo presidente declarou que, co seu equipo, confía en «sacar a fundación adiante pouco a pouco», tendo en conta o actual momento de crise, polo que ten a «esperanza de levar a nave a bo porto», asegurou o autor.

Anxo Angueira explicou, ademais, que decidiu presentar a súa candidatura á presidencia porque considera que «a situación que estaba vivindo a fundación era grave», a pesar, di, de que é a institución que representa a bandeira de Galicia e do pobo galego, como é Rosalía de Castro.

Angueira presentou ao plenario un programa de goberno para os próximos anos, cunhas liñas básicas que pasan, en primeiro lugar, por integrar todas as institucións e todo o padroado nos proxectos e liñas de actuación da entidade, de modo que «todo o mundo participe». O novo equipo tamén pretende reactivar as actividades e actualizar o perfil museístico da Casa-Museo de A Matanza, ademais de fomentar os vínculos desta e da fundación co Concello, coas institucións e, en xeral, «co pobo de Padrón».

Elena Corral Fernández

1ºA Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 03-06-2012 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
A cultura agarda polas institucións
A cidade soña con convertirse en Capital Europea da Cultura en 2020, un proxecto que conta cun amplio consenso social, pero que agarda o impulso definitivo das institucións locais para crear unha comisión ourensá

Faltan detalles importantes e falta diálogo entre os axentes sociales e as institucións que, a priori, non teñen moi claro o seu papel. Son algúns dos puntos nos que se atopa a posible candidatura de Ourense como Capital Europea da Cultura para o ano 2020. No aire segue a constitución desa comisión ourensá que daría o impulso definitivo ao proxecto que espertou o interese de moitos axentes sociais, colectivos e institucións, na presentación da idea que tivo lugar o pasado 16 de maio en Ourense. O seu punto a favor -e de gran peso nestes intres- é que xa hai ambiente entre a cidadanía, algo imprescindible para que a proposta cobre vida, mentres que ninguén mostra unha postura contraria ao respecto. De feito, un dos criterios de avaliación do programa da candidatura de atoparse xa nunha fase avanzada de selección pasa por 'estimular a participación dos cidadáns que viven na cidade e os seus arredores', segundo recolle o Ministerio de Cultura. Se algo ten claro a entidade promotora da iniciativa, a Asociación Pro Centenario Nós 2020, é que neste mes de xuño se debería constituir ese órgano ourensán, para o que se fai imprescindible que tomen as rendas as institucións. Segundo explicou o presidente do colectivo, Camilo Fernández Valdehorras, 'é preciso que esa comisión se alonxe de cuestións partidistas e madure dende as propias institucións locais por razóns estrictamente normativas e porque falamos de impulsar Ourense'. Sen esquecer que 'é a sociedade civil a verdadeira protagonista', matizou Fernández. Sobre o papel das institucións locais, fontes municipais confirmaron que o Concello será un 'compañeiro de viaxe', que en todo caso respaldará a iniciativa e emprenderá accións para a súa puxanza. Asemade, as mesmas fontes confirmaron que 'o Concello non lidera a proposta'.

Por outra banda, a Deputación Provincial asegura atoparse 'á espera de novas xuntanzas cos colectivos involucrados'. Así, o presidente provincial, Manuel Baltar, asegurou na presentación do Plan Estratéxico que 'apoiamos a iniciativa' da que si que formarán parte. A cidade de Ourense aspira a converterse en Capital Europea da Cultura no ano no que se conmemorará o centenario da creación da Revista Nós, como xa o lograron outras cidades españolas, Madrid (1992), Santiago de Compostela (2000) e Salamanca (2002). O camiño non será sinxelo, porque ademáis de competir contra outras cidades o tempo é un factor a ter en conta, posto que a presentación de solicitudes no ámbito europeo hai que materializala seis anos antes da data de obtención do título, polo que Ourense non pode despistarse. As accións para este ano 2012, pasan tamén pola formación da comisión galega, froito da articulación dunha rede de cidades literarias, como son A Coruña, Santiago, Pontevedra e Ourense, onde se publicou a revista Nós. Tamén se inclúen Lugo, Ferrol e Vigo, pola súa significación no ambiente galeguista dos anos 20.

Magdalena Sepa 1ºA
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 02-06-2012 22:24
# Ligazón permanente a este artigo
A Selectividade convoca 1.122 estudantes en Ourense e A Rúa

Un total de 1.122 estudantes matriculáronse na provincia de Ourense para realizar as probas de acceso á Universidade. Son case 40 alumnos menos que o ano pasado os que se examinarán entre o mércores e o venres da próxima semana. Como é habitual, haberá catro comisións ou centros de examinación.

Tres deles no Campus Universitario da cidade e un máis na Rúa. O mércores 6, ás 10,00 horas, arrancarán as probas co exame de Lingua Castelá e Literatura. Farano simultáneamente nas facultades de Dereito, Ciencias Empresariais e Turismo, Historia e o IES Cosme López Rodríguez da Rúa.
A partir dese momento, darán inicio tres maratonianas xornadas de exames, que se realizarán pola mañá e a tarde, agás no caso do venres (que só haberá de mañá).
O primeiro día serán as probas das materias comúns para todas as ramas de Bacharelato. Son, ademais de Lingua Castelá, Historia de España ou Filosofía (a elixir polo alumno), Lingua Galega e LinguaEstranjera. Durante as seguintes xornadas realizaranse os exames de cada unha das especialidades. As notas de cada alumno faranse públicas o venres, día 15. O prazo de preinscrición para as diferentes titulacións comezará o día 2 de xullo e a matrícula a partir do 13.

Jose Santiago Rodríguez
1ºB-Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 02-06-2012 22:06
# Ligazón permanente a este artigo
Vetusta Morla e Iván Ferreiro completan portAmérica
Dous dos nomes máis importantes do pop español confirmaron a súa presenza na primeira edición do Festival portAmérica. Vetusta Morla e Iván Ferreiro completan un cartel composto por grupos europeos e americanos.

Vetusta Morla chega a Nigrán co seu último disco, Mapas, composto e gravados despois dunha intensa xira que os levou por escenarios de todo o mundo. Será a súa única data en Galicia este ano. Pola súa banda, Iván Ferreiro afrontará esta cita con Confesións dun artista de merda, versións propias dalgúns dos seus ás brillantes temas.

Do 19 ao 21 de xullo, Porto do Molle, en Nigrán, será testemuña dun festival de música, ideas e innovación única en Galicia. Dende o seu cartel de artistas internacionais á súa comunidade online de propostas e coworking, pasando polo seu espazo de gastronomía, portAmérica quixo facer unha firme aposta polo talento que actualmente existe en Europa e América e ofrecerlles unha ventá con visibilidade cara ao mundo.

O cartel complétase con Colectivo Eiruga, Combo Dinamo, Xoel López, Disco Las Palmeras, Eladio e os seres queridos, a Orquestra Metabatifondo, Srasrsra, Iván Ferreiro, Martynez, Zoé, Julieta Venegas, Kitty, Daisy & Lewis, Onda Vaga, Love of Lesbian, Depedro, Corizonas e Eme DJ.

As entradas poden comprarse dende a páxina web oficial do festival (www.portamerica.es) ou ben vía www.ticketmaster.es ou www.codetickets.com

Os aboamentos para os tres días de concertos terán un prezo especial de lanzamento de 35 euros máis gastos de distribución, pero só para os 3.000 primeiros que os compren. Os aboamentos para os concertos e 5 días de acampada (do 18 ao 22 de xullo) custan 45 euros máis gastos de distribución. As entradas individuais sairán á venda en próximos días.





Noelia Fernández Paradela
1ºB-Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 02-06-2012 11:40
# Ligazón permanente a este artigo
A Fundación Cela quedará en Padrón
O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia sinalou na inauguración dos diálogos literarios organizados pola Fundación Casares que as fundacións «son fundamentais no tecido cultural galego», facendo mención expresa daquelas que son fundacións de autor.

Tras a inauguración Anxo Lorenzo sinalou que os investimentos da Xunta destinados á Fundación Cela son os mesmos do pasado ano e asegurou que está garantido que a fundación e os seus fondos documentais «permanecerán en Padrón».

Explicou Lorenzo que a permanencia dos fondos documentais de Cela na súa actual sede padronesa está garantida e que «non hai intencións de cambio deses fondos». Asegura o secretario xeral que non hai «ningún tipo de motivo para o traslado nin desde o punto de vista da conservación nin desde ningún outro punto de vista».

Sinalou que era caso diferente os fondos pictóricos da fundación que están pendentes do resultado do preito da familia Cela. En canto ás cantidades orzamentarias que a Xunta destina á Fundación Cela, Lorenzo apuntou que a cantidade deste ano, 265.000 euros, «é a mesma do ano anterior» e pediu que se tivese en conta a importancia do legado do único premio nobel galego e da importancia que ten que ese legado permaneza en Galicia.

Tres institucións

No mesmo sentido comentou que este ano houbo tres institucións culturais galegas ás que se lle mantivo a achega orzamentaria do presuposto do ano anterior, «unha delas é a Fundación Cela, outra é a Fundación Rosalía de Castro e a terceira é a Real Academia Galega».

Neste sentido, a portavoz do Bloque no Parlamento de Galicia, Ana Pontón, considerou «escandaloso» que a Xunta «anuncie unha axuda de 265.000 euros para a Fundación Cela mentres non hai cartos para as asociacións nin para as industrias culturais do país».

Pontón preguntou tamén pola xestión da Agadic para saber se este organismo estaba empregando os presupostos deste ano para pagar facturas correspondentes ao exercicio anterior. Pediu a presenza do director da axencia, Juan Carlos Fernández Fasero, no parlamento.

Completou a súa intervención na comisión emprazando a Anxo Lorenzo a que se cumpra o acordo unánime do Parlamento para a promoción do patrimonio artístico que tiñan as caixas de aforro galegas. Esta iniciativa pretendía que o patrimonio artístico das caixas fose depositado e puidese ser exhibido en algún dos espazos da Cidade da Cultura.

«Non hai ningún tipo de motivo para que o legado de Camilo José Cela saia de Padrón»

Sara Carroceda González, 1ºA Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 02-06-2012 11:32
# Ligazón permanente a este artigo
As piscinas de Oira abren un ano máis as súas portas
Este sábado ou o luns que ven, está planificada a apertura das piscinas de pagamento de Oira en Ourense, abrirán un ano máis tras ter sufrido unhos notables cambios que limitan o seu uso nun carácter recreativo. A empresa concesionaria da súa xestión, Serviocio, prevé que poidan estar en servizo ata o mes de outubro, ó aproveitar o sistema de climatización que se incorporou. Neste espazo queda practicamente excluída a práctica da natación con carácter deportivo ó non pasar de 130 centímetros de profundidade e reducirse as súas medidas.

A zona de uso público, que é a máis próxima ao Miño, abrirá o sábado tras completarse os traballos de mantemento.
A piscina exterior do polideportivo dos Remedios tamén estará en disposición de ser utilizada polos socios do servizo municipal de deportes a partir de luns, día 4. Neste espazo concentraranse as instalacións para a práctica deportiva da natación.

O alcalde Francisco Rodríguez, a tenente de alcalde Isabel Pérez e o concelleiro de deportes, Fernando Varela, acudiron a Oira para coñecer o estado das piscinas e o seu complexo, que conta desde setembro do 2011 con oito pistas de pádel e un ximnasio.

Alba Fernández Castro, 1ºA Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 02-06-2012 11:21
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal