Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Só dúas empresas presentan ofertas para crear e explotar a futura estación de Vigo
Corio e Grandi Stazzioni mostraron o seu interese no proxecto, que ten un orzamento de 181 millóns de euros.
Só dúas empresas presentaron ofertas para construír o Vialia Estación de Vigo, a nova terminal ferroviaria deseñada polo arquitecto Thom Mayne para acoller a chegada do AVE á cidade e que compaxinará os usos ferroviarios con comerciais.
O Ministerio de Fomento iniciou a través de Adif o proceso de selección da empresa que se encargará de construír e explotar o centro, cunha superficie construída de 122.548 metros cadrados, dos cales 42.000 m2 terán uso comercial. Concluída a fase de presentación de ofertas, manifestaron o seu interese por participar neste proxecto as empresas Corio e Grandi Stazzioni.
Corio é unha empresa europea de investimento inmobiliario de orixe holandesa, cuxos principais activos son centros comerciais en países como Holanda, Francia, Italia, España, Alemaña e Turquía. Mentres tanto, Grandi Stazioni é unha sociedade italiana controlada polos ferrocarrís italianos (Ferrovie dello Stato) e participada por Eurostazioni, da que forman parte sociedades dos grupos Benetton, Caltagirone e Pirelli, así como os ferrocarrís franceses (Société Nationale deas Chemins de Fer, SNCF).
No proceso de selección avaliarase a solvencia económica e financeira, así como a técnica e profesional dos proxectos, para decidir as candidaturas que optarán á adxudicación da redacción do proxecto básico e construtivo e á posterior explotación do centro, mediante a creación dunha sociedade participada por Adif. O orzamento estimado de construción do centro é de 181,1 millóns de euros, investimento que deberá ser achegada pola nova sociedade, cunha porcentaxe de recursos propios de polo menos o 30%. Deles, Adif ten comprometida a contratación de 38,9 millóns para a realización das obras necesarias.
O proxecto do arquitecto norteamericano pretende aproveitar o actual desnivel entre Lepanto e Vía Norte para crear un edificio de catro plantas no que se combinarán os usos ferroviarios con comerciais. O edificio, de catro plantas, contaría cuns 180 locais comerciais e un aparcadoiro subterráneo con capacidade para máis de 1.350 prazas. A súa cuberta converteríase nunha praza pública de 26.000 metros cadrados para gozar das vistas da ría de Vigo.
Para pode construír o novo edificio, primeiro haberá que derrubar a actual estación, obras que se iniciarán cando se desvíe o tráfico ferroviario á estación provisional de Areal. A súa posta en funcionamento estaba prevista para o verán, segundo declaracións recentes do alcalde.


ADRIÁN LAMAS
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 19-04-2011 21:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal