Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Festival de misoxinia
A secretaria de Estado de Igualdade, Bibiana Aído, cualificou onte de "fundamental" loitar contra o "festival de misoxinia" que, na súa opinión, se dá cada día nos medios de comunicación por parte dalgúns interlocutores e columnistas, e que cualificou como "caldo de cultivo" que serve para "incrementar" a desigualdade. Así o explicou onte pola mañá a secretaria de Estado de Igualdade no marco da inauguración da Xornada Violencia de Xénero e Medios de Comunicación, organizada pola APC. "É necesario loitar e terminar coa misoxinia nos medios de comunicación, fenómeno que se manifesta cada día con máis influencia, xa que é intolerábel que a vida mediática estea infestada de xornalistas machistas que se escudan na liberdade de expresión". Aído pediulles aos medios "dar un paso máis" no tratamento das informacións sobre a problemática social da violencia machista que se traduce en "ademais de tratar o problema dunha forma seria e rigorosa, facelo dunha forma integral". Neste sentido, a Secretaria de Estado de Igualdade, solicitoulles aos xornalistas "que se informe non soamente sobre os casos de malos tratos senón tamén sobre as medidas legais, sobre as campañas de sensibilización, sobre as mulleres que saíron desas situacións violentas, porque todo isto é grazas ó desenvolvemento integral das leis". En canto a outra das múltiples formas de violencia de xénero, Bibiana Aído manifestouse en contra dos anuncios de contacto nos medios de comunicación e aludiu ós pasos que se están dando desde o Goberno de España neste sentido "para elaborar un marco legal polo que se prohiban estas prácticas que esconden explotación sexual e trata de mulleres e nenas". Finalmente, a secretaria de Estado de Igualdade animou os xornalistas a "facer valer a súa profesionalidade a través das boas prácticas en favor da xustiza, a igualdade e a paz". Na mesa de inauguración tamén estiveron presentes Manuel González, presidente da APC, quen no seu discurso aludiu a que "a primeira muller que puxo o branco sobre o negro no tema da violencia machista foi precisamente a xornalista e escritora coruñesa, Emilia Pardo Bazán, xa no século pasado"; Javier Losada, alcalde da Coruña, que apuntou que "hai precisamente só dez días aprobouse no concello o II Plan de Igualdade para avanzar en igualdade e dereitos sociais"; e finalmente Miguel Cortizo, delegado do Goberno en Galicia, quen fixo fincapé en que "nesta secuela non é suficiente a acción lexislativa nin executiva, senón que todas as institucións e poderes, por suposto entre eles os medios, deben implicarse". A continuación, tivo a palabra Miguel Lorente, delegado do Goberno para a Violencia de Xénero, quen apostilou, do mesmo xeito que os seus interlocutores precedentes, a importancia dos medios en dar a coñecer esta secuela social xa que "segundo o Barómetro do CIS, máis do 95% da poboación manifesta coñecer a violencia de xénero a través dos medios de comunicación" e aínda máis "os medios pasaron de ser simples informadores a ser intérpretes desta realidade, e esta información interpretada é clave para a concienciación social".


LUIS MANUEL LÓPEZ ALMONTE
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 19-04-2011 21:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal