Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Os vellos non deben namorarse volve ás táboas ''para regalía do pobo galego''
"Esta farsa foi imaxinada para regalía do pobo galego, cando en Galiza abrollaban os máis árdidos anceios de rexurdimento. Comenceina en Pontevedra, no ano de 1931, e dinlle cima en Nova York no ano de 1939. Moito tempo decorreu para unha obra tan pequena e tan doada de facer; pero faltoume sosego para rematala[...] Tivo que ser agora, na triste folga que me impón o desterro, cando dispuxera de tempo para comprir o meu vello e íntimo compromiso".

Así falou Castelao dunha obra que mostra as súas excelentes capacidades para o teatro, pese a que el mesmo recoñeceu que fora pensada por un pintor e non por un dramaturgo. Os vellos non deben namorarse, peza fundamental da literatura dramática galega, estreouse en 1941 en Bos Aires. A compañía Teatro do Morcego púxoa sobre o escenario hai dez anos, e recupéraa agora baixo a dirección de Celso Parada.

Trátase dunha farsa en tres lances, cargados de humor ironía e sarcasmo que desmitifican os tópicos costumistas a través da narración dos amoríos dos vellos D. Saturio, D. Ramón e o señor Fuco, que teñen a desgraza de poñer os seus ollos sobre a mocidade de Lela, Micaela e Pimpinela. O prezo por namorar dunha moza foi a morte. O primeiro falece envelenado cun solimán da súa propia botica. O segundo, deitado no esterco tras entregar a alma por un bico. E o terceiro, vinculeiro el, morre de felicidade tras ter casado coa súa amada.

Este venres, 11 de marzo, e nun pase único, quen o desexe pode ver de novo sobre as táboas este "simple experimento artístico", como modestamente definiu Castelao a súa obra, que botou a andar tras a fascinación que produciu en París o Teatro da Arte de Nikita Balieff. O autor descubriu as posibilidades que tería para un teatro popular galego a aplicación de certos usos de estilización poética do imaxinario colectivo. A obra andívolle rompendo os miolos ao intelectual de Rianxo anos e anos, e finalmente púxose mans á obra con ela baixo o título de Pimpinela, parte que logo ficaría como o derradeiro acto dos tres que compoñen a farsa.

A publicación do libro de Os Vellos non deben de namorarse xa era coñecida en Galicia no ano 1953, pero non foi ata o 25 de xullo de 1961 cando puido verse por primeira vez representada en Galicia da man do grupo de teatro de Cantigas e Agarimos. Naquela primeira posta en escena interpretáronse oito pezas musicais entre as que figura a coñecida Lela. Foi o propio Castelao quen lle puxo letra a este fado homónimo a unha das súas personaxes.

http://www.youtube.com/watch?v=AqL7zPPJcaw

Noemy Dopazo,2ºB bach.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 18-04-2011 13:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal