Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O astrónomo Ramón María Aller Ulloa será homenaxeado este ano no Día do Científico Galego
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) homenaxeará este ano no Día do Científico Galego, o 26 de abril, ao astrónomo Ramón María Aller Ulloa. A entidade científica escolleu por unanimidade ao homenaxeado polo papel clave que xogou como introdutor da astronomía como disciplina científica en Galicia e iniciador dunha escola importante de investigadores neste campo de coñecemento.

O matemático e astrónomo lalinense foi catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e os seus libros, publicacións e observacións astronómicas acadaron un gran recoñecemento na comunidade científica internacional. Por exemplo, os instrumentos de observación e medición que desenvolveu foron adoptados por centros como o Observatorio de París. Con el fíxose máis certo que nunca o dito de 'hai un galego na lúa' xa que o científico inglés Wilkins nomeou 'Aller' a un dos cráteres do satélite en honra ao astrónomo galego.

A el débense os inicios da investigación astronómica en Galicia. No 1912 instalou na galería da súa casa en Lalín o primeiro observatorio astronómico galego. A obra de Aller ocupa máis de 78 artigos publicados en diferentes medios, catro libros, cinco teses doutorais dirixidas por el, catro estrelas descubertas e numerosos planos e deseños de instrumentos de observación e medición, así como outros moitos materiais de diferentes temas.

Ao mesmo nivel que o Día das Letras Galegas
Co Día do Científico Galego, o mundo da ciencia galega pretende que coa homenaxe a figuras da súa historia, a opinión pública poida percibir o prestixio actual da investigación en Galicia e a necesidade de investir recursos nela para que o seu potencial sexa cada vez maior de cara ao futuro. Coa consolidación deste día como unha celebración de toda a sociedade galega, a entidade científica pretende poñer ao mesmo nivel esta dato co Día das Letras Galegas.
Este ano a Fundación Pedro Barrié de la Maza, a través da súa recén creada Área de Investigación e Educación, súmase á celebración do Día do Científico Galego colaborando coa RAGC na súa difusión entre a comunidade escolar. Ao longo de dúas xornadas consecutivas, o 27 e o 28 de abril, organizará un programa de visitas guiadas ao Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela e ao Observatorio do Museo Ramón María Aller de Lalín, recén reinaugurado e dotado cun telescopio didáctico moi avanzado. En total, estímase que participarán nesta actividade un total de 320 estudantes acompañados polos seus profesores.

Ademais, a Fundación produciu un folleto divulgativo e dous xogos didácticos: unha caza do tesouro e unha miniquest, ambos os dous módulos de indagación activa que axudarán aos alumnos e alumnas a afondar no coñecemento da vida e obra de Aller ao tempo que desenvolven competencias básicas e habilidades imprescindibles no coñecemento científico: traballo colaborativo, capacidade de argumentación, uso de terminoloxía científica, etc. Estes recursos serán difundidos a toda a comunidade docente de Galicia para que poidan utilizalos como material de traballo na clase.


Fátima Carballo Río 2ºBach. B
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 10-04-2011 11:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal