Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Galegas con moita calidade nas botas.

Vero, Mari Paz, Vanesa, Leti e Joana conforman o quinteto que mostra na máxima categoría do fútbol feminino español que en Galicia tamén se sabe xogar.

Soa o timbre para o recreo e unha morea de cativos baixan as escaleiras a todo correr cun único obxectivo: chegar ao patio e desafogar a tensión acumulada na clase de Matemáticas ou Coñecemento do Medio pegándolle patadas a un balón. Comeza o partido no terreo de xogo improvisado entre dúas columnas do cuberto da escola e dous xerseis. Todo transcorre dentro da normalidade ata que, de súpeto, aparece unha figura que manexa a pelota con gran precisión e velocidade. Desmárcase, deixa atrás os seus compañeiros e remata con potencia. O balón cóase pola esquiniña da meta, deixando marcas de lama sobre un dos xerseis que sinalan a posición do pau. “Gol!”, cantan. Pero non marcou nin Anxo, nin Brais, nin Pedro. A autora deste gol é unha rapaza das moitas que xa deixaron atrás os complexos e reticencias de xénero para convertérense en protagonistas dun partido de fútbol. Cando sexan un pouco maiores, queren parecerse aos seus ídolos futboleiros, que non se chaman nin Messi, nin Cristiano Ronaldo nin Villa. Levan o nome de Verónica, Joana, Vanesa, Leticia ou Mari Paz, é dicir, as galegas que triunfan na máxima categoría do fútbol feminino español: a Superliga.
E afirmar que queren ser coma elas cando sexan maiores quizais é moito dicir, porque ningunha destas futbolistas supera os 22 anos. Tan novas como son e non lles tremeron as pernas ao saíren das súas casas para emigrar a algúns dos equipos máis potentes do panorama feminino: Espanyol, Barcelona, Estartit ou Cajasol Sporting Universidad. “É moi importante que haxa cada vez máis xente da terra na elite, o malo é que temos que marchar fóra. Sería preciso que Galicia tivese un equipo na Superliga, pero xa non por nós, senón polo fútbol galego”, sinala Verónica Boquete. Vero (Santiago, 1987), elixida o ano pasado pola FIFA entre as 18 mellores xogadoras do mundo, é unha das grandes estrelas do seu equipo, o Espanyol, e da selección española. Tan implicada está que o club españolista xa a ten como un dos seus referentes. Por iso, entre outras cousas, protagoniza campañas de captación de socios pericos. É un símbolo. O mesmo que o número que porta na camiseta, o 21, o mesmo que levaba o falecido capitán españolista, Dani Jarque. “Cando cheguei era un dos que quedaban libres. Este ano pensei en cambialo, pero despois da morte de Jarque preferín quedar con el e lucilo con orgullo”, explica.
Unha das grandes seguidoras de Vero é a súa compañeira Joana Montouto (Vigo, 1990). Emigrou ao Prainsa Zaragoza con só 17 anos e alí atopou minutos e un espello no que mirarse, o de Vero. A pasada temporada decidiu seguir os pasos da dianteira compostelá e fichar polo potente Espanyol. “Quero aproveitar esta oportunidade porque un tren coma este pasa unha vez na vida”, sinala convencida.
Canda Vero e Joana, estaba ata esta mesma temporada no Espanyol Vanesa Hermida (Xeve-Pontevedra, 1989). Ela fichou polos pericos hai un ano despois de facer unha proba para cubrir o posto de central ou lateral esquerdo, as dúas posicións onde se move con máis soltura. Porén, esta campaña volveu cambiar de aires e marchou ao Estartit xironés en busca de máis minutos. “Creo que nacín cun balón nos pés, xogo dende moi pequena ao fútbol e ao principio facíao no mesmo equipo que meu irmán maior. Competía cos rapaces e non había ningún tipo de problema”, afirma Vanesa. A de Xeve iniciou a súa carreira no Pontevedra feminino, un dos poucos equipos galegos profesionais, xunto co Racing de Ferrol, que contan cunha división para as mulleres. “Creo que Galicia é o lugar onde hai menos nivel no fútbol feminino en España. Supoño que ten que ver con que non haxa ningún equipo forte. É un problema económico, faltan cartos. O Deportivo, que está en Primeira, podería ter un equipo feminino. Ademais, tamén os medios de comunicación teñen a súa parte de culpa. Polo menos, nos xornais poñen os nosos resultados; na televisión, nin iso”, reflexiona a defensa do Estartit.
Lateral esquerdo, ao igual que Vanesa, Leticia Carballal (Santiago, 1988), do Cajasol Sporting de Huelva, tamén marchou moi nova na busca dunha oportunidade. “Cando tiña 17 anos fun a Zaragoza para xogar no Prainsa. Fíxome moita ilusión porque grazas ao fútbol puiden vivir moitas cousas”, comenta esta moza pouco despois de chegar de traballar. E cando falamos do fútbol feminino, traballar significa facelo fóra dos terreos de xogo, neste caso, como comercial a comisión.
O quinteto galego na Superliga complétao Mari Paz Vilas (Vilagarcía, 1988). A arousana é unha estrela no Barcelona, sobre os campos da Massía nos que se criou xente como Messi, Xavi ou Iniesta, e tamén na selección española, malia que esta campaña non está indo como a ela lle gustaría, xa que sufriu unha lesión de ligamentos da que aínda se está a recuperar. A dianteira culé comezou a xogar canda o seu xemelgo –“non direi quen era mellor, porque é meu irmán”, comenta divertida– e a súa capacidade goleadora pronto chamou a atención dos grandes. Ao igual que as súas compañeiras, quéixase da pouca importancia que se lle dá ao fútbol feminino. “As mellores xogadoras da Superliga cobran ao nivel dun futbolista de Terceira División”, di.
As rapazas reclaman atención e que as xulguen polo seu xogo e non polo seu xénero. Non queren diferenzas e si igualdade de trato. Leti resume perfectamente a situación: “Aínda que non se pode comparar o físico dun home e unha muller, tecnicamente temos moito nivel. Ademais, fisicamente Messi tampouco é que sexa un portento e mira...”.


Sara Velasco Martínez, 1ºA.
Comentarios (3) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 20-11-2010 22:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
3 Comentario(s)
1 vivan os/as galegos/as
galizazaz#blgtk08#azazaz
blogblogblog
jajaj
Comentario por maria (21-11-2010 01:10)
2 Esto amosa que "os grandes deportistas" tamén poden ser mulleres. É unha pena que non se #blgtk08#valore tanto coma as categorías masculinas, aínda así.. parabéns, rapazas, é un orgullo!
Comentario por lu (21-11-2010 01:19)
3 Vivamos coma galegas fut#blgtk08#boleiras! Empresa LADIS.
Comentario por xián bobillo (23-11-2010 14:18)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal