Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O BIBLIÓFILO DO PAÍS
Unha exposición en Vigo e un libro editado en Galaxia tratan de recuperar a figura e o labor de Fermín Penzol,o home que atesorou a maior biblioteca privada do galeguismo
Naceu accidentalmente en Sahagún, pasou a infancia en Mondoñedo, descubriu en Madrid o nacionalismo galego e en Vigo forxou a máis importante biblioteca privada do galeguismo en Galicia. Ese é o mapa vital de Fermín Penzol (1901-1981), unha figura que estes días se reencarna no máis prezado dos seus obxectos, o libro, para que as "novas xeracións coñezan o seu legado", asegura María Dolores Cabrera, encargada de coordinar xunto a Henrique Monteagudo o volume.
O libro, titulado Unha obra para un país (Galaxia), serve de complemento á exposición que, até o 30 de novembro se exhibe na Fundación Penzol de Vigo, onde se revisa a vida e as cirunstancias históricas do fundador da institución e, mesmo, se reconstrúe o seu espazo de lectura, un recanto no que tamén seleccionaba as adquisicións da súa lendaria biblioteca.
Fillo dunha familia acaudalada, con raíces en Asturias e no Bierzo, Fermín Penzol empezou desde moi novo a mercar "todo o que había sobre Galicia e en escrito en galego", asegura Cabrera. O tempo non minguou esta paixón bibliográfica, acrecentada por unha folgada situación económica -foi rexistrador da propiedade- e un matrimonio -aos 48 anos con Blanca Jiménez- que non tivo fillos. "O seu mundo", engade Cabrera, "quedou centrado exclusivamente no libro".
O encontro máis transcendental da vida tívoo con Ramón Piñeiro en 1941, na tertulia madrileña de La Granja del Henar. Alí inician unha relación de admiración mútua que se prolongará atá a fin das súas vidas, cunha colaboración intensa no campo político: en 1946, cando Piñeiro é detido, el pasa a ser o secretario político na clandestinidade do Partido Galeguista, ao que se afiliara no 1931. Para Penzol foi a culminación dun proceso que se iniciara nos primeiros vinte do século pasado coa fundación da Mocedade Céltiga, un grupo nacionalista que servía como unha especie de embaixada das Irmandades da Fala en Madrid.
"Piñeiro", subliña Cabrera, "era como o seu irmán" e como irmáns camiñan xuntos na vía culturalista que Piñeiro abre nos anos cincuenta como alternativa á acción política clandestina. A editorial Galaxia será o buque insignia dun proxecto no que Penzol terá unha misión moi especial: no 1956, fai a doazón dos seus fondos a Galaxia para que queden á disposición dos investigadores e estudosos mozos. A estratexia amósase clara, explica Cabrera: "En Compostela, estaba a biblioteca da Universidade ou a do Instituto Padre Sarmiento; na Coruña estaba a da Real Academia e Pontevedra tiña a do museo. Pero Vigo, que se convertera con Galaxia nun novo referente do galeguismo, sufría a falta dun centro destas características".
A Fundación e a editorial complementábanse: a editorial publicando e a fundación asentándose como "centro onde os rapaces con inquedanzas galeguistas que pasaban pola mesa braseiro de Piñeiro comezan a investigar. A súa actividade nos anos sesenta foi grande e polas súas salas pasaron intelectuais como Xosé Manuel Beiras Torrado", apunta a investigadora.
O centro inaugurouse o cinco de maio de 1963 -o mesmo ano no que Academia instituíu o Día das Letras- cunha conferencia do portugués Rodríguez Lapa, símbolo da vontade de contar con Portugal como aliado, Ao acto, asistiron, entre outros, escritores e intelectuais emerxentes da época como Carlos Casares, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Antón Santamarina ou Arcadio López Casanova.
A volume non só revisa a biografía do bibliófilo, senón que tamén ofrece unha ampla documentación -recadada por Benito Ramírez e Marián Vidal- e unha serie de artigos nos que non podía faltar a sinatura de Francisco Fernández del Riego, director da fundación até o pasado cinco de xaneiro. A remuda de Del Riego marcou tamén o inicio dunha remuda xeracional que busca reintegrar a institución na primeira liña da acción cultural


Samuel Gallego 1º Bach A
Comentarios (1) - Categoría Xeral - Publicado o 13-11-2010 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Biblioteca física imprescindíbel do noso saber galaico. É r#blgtk08#ecomendábel unha visita de propóstio a Vigo para saboreala!
Comentario por xián bobillo (23-11-2010 14:51)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal