Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O galego está presente na ciencia de máis alto nivel
O instituto Otero Pedrayo da capital sumouse onte á celebración da «Xornada pola ciencia en galego» cunha conferencia de Xabier Cid Vidal, un investigador compostelán que desenvolve parte do seu traballo no prestixioso CERN, a Organización europea para a investigación nuclear, con sede en Xinebra. Cid Vidal alterna estancias en Suiza e na universidade compostelá dende hai tres anos.
-O obxectivo inicial era amosarlle aos rapaces que o galego é tan válido como calquera outro idioma para a ciencia. E a mellor maneira de poñelo en práctica é falarmos do traballo que se fai nun laboratorio de ciencia dos máis importantes do mundo, o CERN. Tamén introducín algúns conceptos da física de partículas, para así entender mellor os descubrimentos que se pretenden levar a cabo no Gran Colisor de Hadróns, LHC, o último acelerador de partículas do CERN. Finalmente falei da miña experiencia persoal como investigador.

-¿Ten espazo o galego no CERN?
-Alí hai un grupo de galegos e a realidade é que nos expresamos en galego practicamente todos, non só para falar de temas de ocio senón para falar do noso traballo, que é un traballo de alto nivel científico. Utilizamos o galego por escrito na correspondencia de traballo e temos feito artigos de divulgación en galego. O galego está presente na ciencia de máis alto nivel.

-¿Hai campo para as publicacións científicas en galego?
-A revista Boletín das Ciencias de Enciga (Asociación dos ensinantes de ciencias de Galicia) publica en galego todo tipo de contidos científicos. En breve vaise presentar un número centrado na Física no que eu fixen, con outra xente, un pequeno artigo. Tamén hai artigos de non galegos que escribiron orixinariamente en inglés, castelán ou calquera outra lingua e preséntase todo traducido ao galego.

-Vantaxes e desvantaxes de empregar o galego.

-O galego é unha vantaxe, por suposto, porque en Xenebra traballo con xente de Brasil e comunícome con eles en galego. Desvantaxe ningunha porque, canto máis idiomas sabe un, máis fácil é aprender outros.

-Queda moito por andar.

-Hai un claro desequilibrio entre o uso que se dá na docencia e o uso que facemos a xente que estamos a investigar. Estou nun grupo que usamos o galego con total naturalidade mentres que na carreira na USC a porcentaxe de clases de galego era residual, o desequilibrio é evidente.

-¿E o futuro?
-O mínimo ao que un debería aspirar é que as cousas non vaian a peor, como están indo agora mesmo. Hai medidas claramente perxudiciais para o galego; é algo inaudito.



Alejandro Prieto Ferro 1ºA
Comentarios (1) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 07-11-2010 12:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Outra nova empática para o galego. Asociar o i#blgtk08#dioma á ciencia sempre é positivo. Ben falado.
Comentario por xián bobillo (08-11-2010 18:17)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal