ENDLdivinapastora


Blog do ENDL do Colexio Divina Pastora de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O Senado escoita a voz dun científico da USC
O Senado aprobou unha moción pola cal se insta o Goberno para pór en marcha unha batería de medidas, co obxectivo de eliminar a acumulación de gas radon nas vivendas. A moción foi proposta polo Partido Popular, cuxa senadora, a compostelá María Jesús Sainz, explicou durante a súa intervención que existe un traballo de investigación realizado por profesores da Universidade de Santiago de Compostela, "no que se constata que o risco de padecer cancro de pulmón entre individuos con concentracións de radon nas súas vivendas é 6,6 veces superior que en poboacións que soportan unha concentración inferior".
Nese sentido, dixo que "un grupo de científicos composteláns está elaborando o Mapa de Radon de Galicia no cal se determinan as zonas de maior risco de exposición e se sinala o risco que existe nos municipios da Área Sanitaria de Santiago de Compostela, por presentar unha proporción de casas con concentracións de radon superiores ó limite recomendado".
O grupo ó que se refería a senadora é o de Xoán Miguel Barros, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e director do Laboratorio de Radon de Galicia, que vén traballando dende hai moitos anos neste tema de saúde pública.
Agora, a proposta do Senado inclúe realizar un mapa de gas radon en toda España, con especial incidencia nas zonas nas que o risco de concentración é maior. Tamén propón introducir as modificacións técnicas necesarias para que nas normativas de vivendas se incorporen as medidas técnicas preventivas na construción das novas edificacións que minimicen a entrada de radon e faciliten a eliminación posterior no caso de que iso fose necesario.
Igualmente, proponse estudar solucións para reducir ó máximo os niveis de gas radon nas vivendas xa existentes así como estudar, en colaboración coas comunidades autónomas as medidas de información e medición necesarias para garantir que non existan riscos graves para a saúde dos cidadáns, con especial atención á poboación infantil, os mozos e os traballadores.
Para rematar, a senadora galega expuxo que, en liña coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde, numerosos países consideran o radon como un problema de saúde e están actuando para protexer os seus cidadáns da súa exposición. "En moitos países europeos existe xa unha regulación normativa cuns requisitos que deben ser cumpridos nas vivendas para darlle protección fronte ó gas radon e en España non se incluíron no Código Técnico da Edificación, a pesar das peticións da Axencia de Seguridade".
O radon é un gas radioactivo que se produce de xeito natural debido á desintegración de elementos como o radio, o torio ou o actinio que se atopan no solo e en materiais como o granito. No proceso de desintegración emítense partículas radioactivas alfa moi prexudiciais para a saúde cando o radon se concentra nos domicilios. A Organización Mundial da Saúde declarouno como carcinóxeno humano, e por iso, insta a todos os países para protexer e concienciar a poboación sobre os seus prexuízos, á vez que fai un chamamento para que se promova incluír o radon na lexislación sobre vivenda.
En España, segundo os estudos científicos, hai moitas vivendas que teñen elevados niveis de radon, considerado como a segunda causa principal de cancro de pulmón en fumadores e a primeira en non fumadores. Os estudos que no seu momento se fixeron, indican que existen en España altas concentracións de radon en Galicia, na serra do Guadarrama, en Estremadura e en parte de Castela e León.


Sara Velasco Martínez, 1ºA.
Comentarios (1) - Categoría: Actividade En Ourense - Publicado o 06-11-2010 16:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Contra o radón#blgtk08#, ventilación!
Comentario por xián bobillo (08-11-2010 18:28)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal