Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O home que berrou ”Máis alá!”
Abonda oír o nome de Manuel Antonio e debuxarse no horizonte a imaxe do poeta vangardista por execelencia da Literatura galega, un home que morreu novo -29 anos-, que participou no mítico manifesto Máis alá! e deixou un único libro, De catro a catro, probablemente o título máis influente da Historia da Literatura galega se exceptuamos a obra de Rosalía de Castro. Porén, a pesar de ser o poeta máis citado polas novas xeracións, o poeta que habitualmente se invoca para simbolizar a audacia creadora -era o modelo de Lois Pereiro, por exemplo, ao que se lle dedicará no 2011 o Día das Letras-, Manuel Antonio aínda carece dunha edición que fixe a súa poesía, que detalle a súa biografía e, sobre todo, que recolla o material contextualizador da súa correspondencia.
Para cubrir este baleiro, o próximo ano comezará a publicación da súa Obra Completa como apertura da colección Clásicos da Academia, unha iniciativa da Real Academia Galega (RAG) patrocinada pola Fundación Barrié de la Maza. A primeiros do próximo ano será cando se edite o volume dedicado á Prosa, á lle que seguirán Poesía, Correspondencia e Biografía. A colección é froito dun convenio da RAG coa fundación que permitirá potenciar tamén a edición dos próximos dicionarios da institución que preside Xosé Luís Méndez Ferrín. O propio Ferrín e o presidente da Barrié, José María Arias Mosquera, ratificaron onte na Coruña o convenio."Sería moi difícil para unha institución como a Real Academia Galega dar cumprimento ao seu compromiso ético e intelectual coa nosa cultura sen a xenerosa colaboración de entidades como a Fundación Pedro Barrié de la Maza. Seguiremos nesta liña, conscientes da nosa responsabilidade co país. O noso proxecto editorial quere conxugar rigor e novidade, sen interferir nunca nas canles comerciais que dita o mercado xa establecido", subliñou Méndez Ferrín.
A colección Clásicos da Academia nace cunha especial vocación de incidencia no sistema literario galego e coa pretensión de fortalecelo, elevar a súa consideración social e enriquecelo, segundo subliñaron onte fontes da fundación. Tanto a RAG como a Barrié "comparten o convencemento de que tanto as literaturas como as linguas teñen necesidade dun marco referencial no que se poida desenvolver a creación artística.
A colección publicará un título novo cada ano, dando preferencia a obras inéditas, obras faltas de edicións críticas ou títulos que non gozan da condición de clásicos polo descoñecemento. A colección caracterizarase polo rigor científico, seleccionando os máis importantes especialistas en cada ámbito e acompañando o texto dun aparato crítico que recolla todas as variantes dun texto e inclúa as anotacións pertinentes para facelo accesible á sociedade


Samuel Gallego 1º Bacharelato A
Comentarios (1) - Categoría Xeral - Publicado o 06-11-2010 15:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Manuel Antonio é un grande dos grandes. Deixou semente en Lois Pere#blgtk08#iro, hai tedes un traballo de cotexación interesante para o curso.
Comentario por xián bobillo (08-11-2010 18:34)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal