Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Seoane, o poema máis fermoso do século XX
A última do centenario. A máis profusa. A que proba que Luís Seoane non era só un artista plástico. A exposición Cen por cen Seoane. 100 anos, 100 lugares despeza polo miúdo a biografía do personaxe: o xornalista, o deseñador, o militante, o editor, o amigo, o activista. Cen caras posíbeis a vida de Seoane. “O poema máis fermoso do século XX”, como lle chamou Xosé Díaz, comisario da mostra que a Fundación Caixa Galicia acolle na súa sede do Cantón Grande, na Coruña, dende onte e até o vindeiro 30 de xaneiro.
Cando lle preguntou que era o que máis o impresionaba de Picasso, o cantaor Enrique Morente deixou pampa a xornalista: “De onde sacaba o tempo para facer tantas cousas”. As horas de Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) debían ser tamén elásticas. Próbano os cen lugares nos que Xosé Díaz, fillo de Isaac Díaz Pardo, estruturou a biografía do artista, a quen coñeceu con once anos. Cen por cen Seoane reúne libros, manuscritos, lenzos, carteis, fotografías, cartas, vinilos, esculturas, textos. Medio milleiro de pezas agrupadas en cen lugares e seis bloques temáticos.
O labirinto comeza na Torre de Hércules, paisaxe da infancia na Coruña, ao regreso de Arxentina, que o artista recuperaría en 1944 nos 49 debuxos de Homenaje a la Torre de Hércules. Son os Lugares xeográficos do fundador do Laboratorio de Formas. Arca, onde pasaba as vacacións coa familia. Compostela, onde estudaría o bacharelato e a carreira de Dereito. O Castro de Samoedo, en Sada, onde puxo en pé Ediciós do Castro, o Museo Carlos Maside e a actual factoría de Sargadelos xunto a Díaz Pardo. E A Coruña, claro, cidade na que empezaría a exercer como avogado e onde o atoparían, sucesivamente, o galeguismo, a Fronte Popular e a morte.
Carlos Maside abre o segundo gran apartado da mostra, o das Persoas. E con el, outros amigos, como Manuel Colmeiro, Xosé Eiroa, Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste ou Arturo Cuadrado. Son moitos, dunha beira do Atlántico e da outra. Do exilio interior e do exilio exterior. Hai tamén creadores de referencia como Picasso ou Fernand Léger. E está a súa muller, María Elvira Fernández López, coa que casou no porto de Bos Aires nada máis pisar ela o peirao o 31 de marzo de 1937. A Maruxa tócanlle na exposición un número, o 91, e cinco retratos.
A da Acción intelectual do Seoane é a máis vizosa travesía da mostra. Testemuña todos os seus proxectos editoriais, de Botella al mar e Citania a Ediciós do Castro. As publicacións das que foi cómplice, como Resol, Cabalgata ou Correo Literario. Os seus libros de versos e os seus ensaios sobre deseño e teoría da arte. As súas colaboracións radiofónicas.
Entidades resume as súas experiencias colectivas, asociadas sobre todo ao tecido da emigración galega en Arxentina, o Estatuto de Autonomía, o galeguismo, a militancia na FUE e as peaxes, dramáticas, da guerra e o exilio.
E por último, a Creación Plástica do artista, a dimensión máis transitada de Seoane no ano do seu centenario, que Xosé Díaz pon en relación con todas esas outras coordenadas en Cen por cen Seoane. Dende o interese pola prehistoria e a Idade Media até o cartelismo, o gravado e as teimas máis recorrentes do autor de Na brétema, Sant-Iago.

Yago Eirey Pumar, 1ºA.
Comentarios (1) - Categoría Xeral - Publicado o 23-10-2010 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Ho, non diría que o máis fermoso pero un dos máis polifacéticos. Sen dúbida era mellora artista plástico e activista cultural ca vate. Como il#blgtk08#ustrador non ten prezo, colaborando para escritores de posguerra. Os seus debuxos e carbonciños non teñen nada que desmerecer aos de Castelao.
Comentario por xián bobillo (24-10-2010 12:26)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal