Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

'A semente das nosas loitas': Narón rememora as revoltas de marzo de 1918 e de 1972
A Comisión da Revolta Popular Marzo 1918 conmemorou este domingo en Sedes o 104 aniversario das revoltas do pan de Narón e o 50 aniversario do Día da Clase Obreira Galega.
Ofrenda floral no monumento á Revolta Popular na Feira do 13, Sedes, Narón.
Ofrenda floral no monumento á Revolta Popular na Feira do 13, Sedes, Narón.

Un faladoiro, música, xantar popular e ofrenda floral. A Comisión da Revolta Popular Marzo 1918 organizou este domingo na parroquia de Sedes, en Narón, un encontro arredor das loitas populares que marcaron a comarca de Ferrolterra e a Galiza, en marzo de 1918 e marzo 1972, baixo o título 'A semente das nosas loitas'.


"Desde a comisión, o que queremos é sacar do esquecemento os feitos da revolta popular de marzo de 1918 e lograr que esa data quede dentro do marco reivindicativo galego e falarmos cada ano doutras loitas e acontecementos que nos mostran que somos un pobo con historia espírito e rebeldía", afirma Olaia Ledo, membro da comisión, en declaracións a este xornal.

Memoria da loita do naval
Este ano, coincidindo co 50 aniversario do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, o protagonismo foi para a loita obreira do 72 e para o "pouso deixado por Amador e Daniel". Baixo este título desenvolveuse un faladoiro no que participaron o escritor Francisco Rodríguez, encarcerado en 1972, e Alfonso Tellado, sindicalista preso tamén no mesmo ano.


"Mais tamén tivemos a sorte de que nos acompañase Iria García, filla, neta e bisneta de traballadores do naval, en concreto de Astano, que aínda que non viviu os feitos recoñéceos. Escoitounos na casa e foi a encargada de contar desde os sentimentos o que significou para ela e para toda a comarca o acontecido arredor das loitas do naval".

Homenaxe na feira de Sedes
Tras o xantar popular, o público que participou da "semente das nosas loitas" desprazouse á feira de Sedes, onde hai catro anos se inaugurou, coincidindo co centenario da Revolta Popular, un monumento en memoria daquel marzo de 1918 que hoxe acolleu unha ofrenda floral.


Na Feira do 13 foi "onde a revolta popular de marzo de 1918 resultou máis sanguenta. A Garda Civil matou sete persoas", despois de varios días de protestas pola alza dos prezos dos produtos de primeira necesidade.


As revoltas do pan en Narón
No marco da primeira Guerra Mundial, as condicións de vida das familias e das persoas traballadoras da comarca de Ferrolterra complicáronse. As mulleres do téxtil foron das primeiras en organizarse e saír a rúa.


As protestas prenderon na feira de Xuvia e nas vilas de Neda e Narón os días 8 e 9, mais estendéronse pola comarca o resto do mes. "Foi unha revolta histórica que fixo resoar en todo o Estado e mesmo en Europa a loita da clase traballadora", das mulleres "que pararon os trens da fariña", vital para unha localidade panadeira como Narón, mais tamén os estaleiros e naval.

Ao traballo de divulgación dos feitos que a Comisión da Revolta Popular vén desenvolvendo, suma un interese máis "profundo", que se reflicte, di Olaia Ledo, “nesta xornada de confraternización".



Claudia Laso Domínguez 1º B Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 13-03-2022 22:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0