.jpg) A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña organizou este sábado a VI Andaina da Vergoña para denunciar as homenaxes "aínda visíbeis" na cidade herculina a personaxes relacionados coa ditadura franquista.
Baixo a lema 'Fóra franquistas das nosas rúas', o itinerario comezou na Praza de María Pita contra o mediodía, onde se atopa casa natal de Pedro Barrié da Maza, "principal colaborador de Franco na Coruña".
O paseo estivo dirixido pola actriz Isabel Risco e o músico Xurxo Souto e nel participaron representantes do BNG na cidade, entidades locais e xentes da cultura como o actor Fernando Morán, encargado de ler o manifesto.
Acompañados por unha banda de gaiteiros, os organizadores denunciaron que "colaboradores directos dun réxime ilegal reciban recoñecemento día tras día".
O presidente da entidade, Fernando Souto, asegurou durante o percorrido que Barrié "axudou a extinguir os veciños", polo que instou a retirar placas como a do coruñés das rúas da cidade. "Deben estar en museos", precisou, mais non poden perdurar nas rúas que levan o nome de "xente que quería converter en súbditos as persoas. Somos cidadáns, non súbditos", incidiu.
Souto lamentou que "facer cumprir unha lei sexa unha protesta na Coruña" -en referencia á Lei de Memoria Histórica- e insistiu en que as placas conmemorativas "limitan a convivencia". "Con cada rúa, triunfa o franquismo", asegurou.
Cinco biografías do franquismo
Ademais da casa natal do Marqués de Fenosa, a ruta pasou polo monólito do alcalde Alfonso Molina en Porta Real; polo busto do alcalde Eduardo Sanjurjo de Carricarte, detrás do Concello; a praza do Pintor Sotomayor, fronte ao Consulado, e a Rúa Ambrosio Feijoo, nun lateral de Correos.
Este cinco nomes, lembraron, figuran na relación das 14 rúas que o informe do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, encargado polo Concello, propón eliminar pola súa relación co franquismo. O Pleno da corporación aprobou o 2 de decembro de 2021 unha moción que instaba o Goberno municipal a "divulgar" esas 14 biografías.
Segundo sinalan desde a Comisión pola Memoria Histórica da Coruña, nesta VI andaina propúxose cambiar o nome da rúa Pintor Sotomayor polo de María Miramontes e a de Ambrosio Feijoo, polo 10 de Marzo.
As andainas da vergoña, iniciadas en 2005, pretenden sinalar os restos do franquismo que deberan ser eliminados, 110 dependentes do concello da Coruña e 37 da Deputación, entre eles as distincións de Fillo Adoptivo a Manuel Fraga e a Medalla de Bronce ao rei Juan Carlos, concedidas na ditadura.
Neste sentido a VI ruta da vergoña pola cidade serviu para denunciar, tamén, a falta de vontade política por parte do Goberno municipal da Coruña para acabar cos restos do franquismo. "Aprobouse en 2017 a constitución do Consello da Memoria Democrática e cinco anos despois aínda non comezou o debate para acabar coa simboloxía franquista despois de secuestrar durante un ano o informe do Instituto José Cornide".
"O goberno municipal non divulga o citado informe nin executa as súas recomendacións, como aprobou o Pleno en decembro de 2021. Non retira a rúa do alcalde Peñamaría de Llano, cando o Pleno do Barco de Valdeorras aprobou por unanimidade a proposta de cambiar esa rúa por Mártires de Valdeorras, honrando así as vítimas da actuación criminal nesa comarca da Lexión, dirixida por Peñamaría”, conclúen desde a entidade.
Lucía Nogueiras Vergara 1º B Bacharelato |