Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Belfast, unha postal para o recordo
Kenneth Branagh mira con nostalxia e lixeireza as súas raíces. Despois de pospoñer Belfast durante máis de dúas décadas, filma o seu persoal amarcord realista. Reescribe as súas memorias dende o punto de vista dun neno de 9 anos, Buddy. Ambienta a historia nos anos 60 na Irlanda do Norte ao principio do conflito coñecido como “The troubles”, unha situación que nos seguintes 30 anos se alongará de forma dramática. Buddy vive felizmente coa súa familia. Está máis preocupado de atraer a mirada da nena da súa clase, en ir ao cine para ver as últimas películas da carteleira, que na tensión que está pouco a pouco crecendo no seu barrio. Branagh mantén ese enfoque durante todo o filme. O drama, aínda que está presente, nunca toma un verdadeiro protagonismo. Á traxedia, acariciada nuns momentos, non chega a apoderarse da historia. Belfast empeza e termina con imaxes en cor da cidade no tempo presente.

O branco e negro utilizado para relatar o pasado é un gris moi pouco contrastado que acentúa, tamén na forma, a intención do director de quedarse lonxe dos choques interrelixiosos e da violencia. Os momentos de conflito sempre veñen contrapostos a outros de diálogo enriquecedor, de baile ou de xogo. Os poucos golpes que hai parecen non deixar cicatrices. En comparación, A lingua das bolboretas de José Luis Cuerda- unha película que tamén utiliza o punto de vista dun neno nun complicado período histórico- deixaba ó espectador nocaut.

Belfast está composta por agarimo e boas intencións. É un filme amable e agradable. A mensaxe do director é moi clara neste sentido. E quizais esta postura sexa un dos acertos do filme. Transmite unha mensaxe profundamente humanista, é coherente de principio a fin. Pero á vez é un dos principais límites desta película.

É inevitable percibir o cariño que Kenneth Branagh verte na recontrución da súa cidade natal, no seu barrio e na descrición da súa familia. O filme é toda unha homenaxe ao parentesco, ao amor e á sabedoría dos avós. Tamén é unha celebración das primeiras experiencias cinéfilas do director: Solo ante el peligro (1952), El hombre que mató a Liberty Valance (1962), Chitty Chitty Bang Bang (1968) ou os stop-motion de Ray Harryhausen, entre outras, son as únicas pinceladas de cor xunto coas imaxes do incipit e do final do filme.

As interpretacións son eficaces, en especial as de Judi Dench e Ciarán Hinds que interpetan os avós, pero sobre todo a do debutante Jude Hill, o neno protagonista- unha verdadeira revelación. A música de Van Morrison é moi boa, aínda que é para escoitar a parte. Como banda sonora amplifica o efecto patinado que comentaba antes. E este filme quizais non necesitaba máis pulido. Defintivamente, Belfast é unha película que non rasguña. É conciliadora e acaricia o espectador. É cine para toda a famillia, unha postal para o recordo.


Clara Nieto Cancho 1º B Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 13-03-2022 22:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0