 As actividades organizadas polo Concello da Coruña visan a visibilizar os lazos entre María Casares e a cidade
"Eu nacín aquí. Meus pais naceran aquí e mais meu avó paterno e a miña avoa paterna, e tamén a miña avoa materna e máis lonxe na miña ascendencia os meus antepasados e a súa proxenie”. María Casares subliña así as súas orixes galegas no libro de memorias que escribiu, Residente privilexiada, nas que se relata polo miúdo como foi medrando o seu sentimento de pertenza ao país que a vira nacer.
A pasada sexta feira inaugurouse a exposición Eu son de aquí, no Fórum Metropolitano da cidade herculina, que abre o Ano Internacional María Casares organizado polo Concello para conmemorar o centenario da actriz galega. A exposición orbita arredor de varios eixos temáticos que van desde a Coruña natal na súa época até a valoración de Casares como muller independente, pasando polos sucesivos exilios vividos pola actriz -primeiro a Madrid, polas responsabilidades políticas do seu pai, Casares Quiroga, durante a República, e logo a Francia, despois do golpe de Estado fascista.
A mostra tamén fai un breve repaso da súa carreira, tanto no teatro coma no cinema, e da súa pegada na cultura francesa. Conta, igualmente, con material audiovisual, accesíbel a través de códigos QR, como un fragmento da actuación de María Casares no Festival de Avignon de 1956 co Teatro Nacional Popular, o trailer do filme Orphée, de Jean Cocteau, ou unha entrevista concedida en 1989 ao programa da TVG Xente Nosa.
Despois do Forum Metropolitano, a exposición itinerará por todas as bibliotecas municipais da Coruña, que simultaneamente lles amosarán aos usuarios todo o material bibliográfico e documental do seu catálogo relacionado coa actriz.
O Ano María Casares na Coruña
A conmemoración do centenario da actriz continuará na cidade da Coruña coa presentación dunha biografía en banda deseñada -En tres actos, María Casares- este mesmo mes de febreiro. En marzo inaugurarase a nova musealización dos materiais sobre Casares na Casa Museo Casares Quiroga, onde tamén terán lugar as conferencias dramatizadas “Voces para un centenario”. E de maio a xullo estará patente no Quiosco Alfonso a exposición María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada. Ademais, o programa completarase con rutas urbanas guiadas pola Coruña de Casares e visitas teatralizadas ao Teatro Colón. As actividades culminarán cun encontro internacional que decorrerá en novembro, mes no que se estreará tamén o documental dirixido por Xavier Villaverde A muller que viviu 1.000 días.
Sara Prado Barrera 1º B Bacharelato |