 A Galiza é rica en tradicións que se manteñen no tempo. No extenso calendario de celebracións anuais no país unha das datas máis sinaladas é o 2 de febreiro, Día da Candeloria ou tamén denominad Día das candeas.
A súa orixe foi estudada como parte de cultos anteriores á chegada do cristianismo e relacionada con unha das catro grandes festividades do ano celta: o Imbolc. O seu significado ten a ver co preludio do cambio de estación e a importancia que ten este suceso para a economía rural. Coñecido popularmente como o día 'en que casan os paxariños', sinala a relevancia do apareamento en todo tipo de animais para o bo funcionamento do mundo agrario galego.
Cristianización dun rito
A Igrexa non dubidou en integrar o seu culto xa desde o inicio, igual que fixo co resto de ritos que atopaba en territorios nos que se foi introducindo. Neste caso relacionouno coa Purificación da Virxe María e coa luz que cada vez estará máis presente na xornada de traballo. Lémbrao o arqueólogo galego Felipe-Senén, que sinalaba para Nós Diario que "a figura de Santa Bríxida (alter ego da deusa celta do lume) asóciase coas candeas, coa luz que brota entre a brétema da invernía, celebrada cada 1 de febreiro, na véspera da Candeloria cristiá".
O propio Senén apunta que xa no século IV a galega viaxeira Exeria fala da Festa das Candeas en Xerusalén, que di ser tan celebrada como a mesma Pascua, ao cabo dos corenta días despois do nacemento". Era a "conmemoración da presentación do neno no templo ante os sacerdotes e a sociedade: ofrecíase un año, unha pombiña, unha rula e dous pombos". Desta adaptación xurdiu o costume de bendicir as candeas na misa que se realiza neste día, candeas que logo se gardan na casa como protección contra o mal tempo.
Na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Compostela, realizábase unha misa na que casaban dúas pombas, que se ceibaban ao rematar.
Sara Prado Barrera 1º B Bacharelato |