 A organización ecoloxista Adega presentou denuncia por unhas obras relacionadas coa corta de piñeiros na contorna da mámoa da Fonte da Luz, na parroquia de San Martín de Suarna. En concreto sinalan a apertura dunha pista e a circulación de maquinaria pesada no monumento.
A asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) informa que vén de presentar unha denuncia diante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural polo posíbel incumprimento dunha resolución de Patrimonio relacionada coa corta de piñeiros nunha parcela que se atopa no ámbito do Camiño de Santiago e da mámoa da Fonte da Luz na parroquia de San Martín de Suarna (A Fonsagrada).
Lembran nun comunicado que en decembro de 2021 a Dirección Xeral do Patrimonio ditaba a resolución pola que se autorizaba os labores forestais nesta zona, ao tempo que se estabelecían as condicións que o madeirista tiña que respectar para salvagardar o Camiño de Santiago e maila mámoa. “Entre outras, na resolución figura a prohibición de realizar movementos de terra no transcurso dos labores forestais, por afectaren directamente estes bens patrimoniais”, sinalan.
A denuncia da organización ecoloxista presentouse despois de que membros desta asociación comprobaran que no ámbito do Camiño de Santiago e da mámoa da Fonte da Luz se efectuaron movementos de terras para a apertura dunha pista, que foi acondicionada co aporte de capas de grava.
Así mesmo, observaron que “a circulación de maquinaria pesada pola contorna inmediata do túmulo provocou a formación de fondas rodeiras, que claramente afectaron o subsolo e mesmo puideron afectar a masa tumular”.
Na actualidade, aseguran desde Adega, “o sitio arqueolóxico estase a utilizar como zona de carga da madeira; unha actividade que está danando a mámoa, e está alterando a contorna do Camiño de Santiago. Como a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural semella non ter actuado, xa que a afectación sobre estes bens patrimoniais continúa producíndose”.
Denuncia no Concello
A organización ecoloxista tamén presentou o pasado 26 de xaneiro unha denuncia no Concello da Fonsagrada. “Esta administración local ten a obriga de adoptar as medidas necesarias para salvagardar os bens patrimoniais que se vexan ameazados no seu concello”, aseguran.
Desde Adega agardan que as Administracións “non eludan a súa responsabilidade de protexer o patrimonio e que paralicen, sen demora, todas as actividades que estean afectando a mámoa da Fonte da Luz e o Camiño Primitivo de Santiago, ao seu paso por San Martín de Suarna”.
Candela Pedrido Oddós 1º B Bacharelato |