.jpg) Xinzo de Limia celebra esta xornada o inicio da súa festa por excelencia, suspendida no 2021 pola pandemia. Os municipios do “triángulo máxico”, que suman tamén a Laza e Verín, retoman con precaución os actos dunha tradición que non se quere perder.
Pendentes das decisións do comité clínico, os municipios con máis presenza do Entroido agardaron até última hora para decidirse por como será este ano a festa.
O pasado 26 de xaneiro as autoridades anunciaban que poderían celebrarse desfiles, bailes itinerantes e espectáculos, eventos que poderían contar co 100% de capacidade, mais está prohibido fumar, tamén nos exteriores, incluídos os cigarros electrónicos.
Aliás, para o acceso a espazos interiores será obrigatorio o certificado Covid cando o público supere as 200 persoas e 500 en exteriores e cando se vendan comidas e bebidas.
Desde o Concello de Xinzo de Limia, a localidade co Entroido máis longo, este sábado iniciouno co Petardazo e hoxe é o primeiro domingo de festa co Fareleiro. A súa alcaldesa, Elvira Lama, asegura que "vai ser un Entroido de transición por un principio de prudencia" pensando en que "terá que haber menos Entroido de noite".
Nas reunións que mantiveron cos Concellos de Verín e Laza acordaron que haberá charangas desde primeira hora da tarde e até as once da noite durante eses días, pero non haberá orquestras para evitar aglomeracións e efecto chamada.
Érika Mera Quintas 1º B Bacharelato |