Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O clima da guerra fría volve marcar as relacións entre Rusia e os Estados Unidos
O Consello de Seguridade de Rusia comparou esta sexta feira, 23 de abril, o estado das relacións bilaterais cos Estados Unidos de América (EUA) coa situación durante a crise dos mísiles en Cuba de 1962 e dixo que "calquera paso erróneo" pode expor unha ameaza de confrontación militar directa".


O vicepresidente do organismo, Dimitri Medvedev, que previamente foi presidente e ex primeiro ministro ruso, sostivo esta sexta feira que "calquera paso erróneo ou falta de paciencia [...] pode afundir todo o mundo nun abismo de problemas complicadísimos". Medvédev asegurou que "a presión de sancións, ameazas, conflitos, protección dos intereses egoístas, todo iso suma o mundo nunha incerteza permanente".

Así, Medvedev preguntouse se a Administración estadounidense "será capaz de conseguir 'a sabedoría de compromiso' á que chegaron os líderes dos países participantes da crise dos mísiles dos anos sesenta do século pasado".


Aliás, esta sexta feira, o Ministerio de Defensa ruso asegurou que a Forza Aérea interceptou un avión espía estadounidense RC-135 que se achegaba ás costas do país no océano Pacífico, aínda que cambiou de rumbo ante a aproximación. "Os radares detectaron un obxectivo aéreo que se aproximaba ás nosas fronteiras. Un MiG-31 alzou voo para identificalo e impedir que viole o noso espazo aéreo", resaltou o Ministerio de Defensa.

Repregamento en Crimea
Segundo confirmou o Ministerio de Defensa ruso, as súas tropas iniciaron este 23 de abril un repregamento na península de Crimea, tras participar nunha serie de manobras militares. Esta decisión podería axudar a reducir as crecentes tensións bilaterais con Ucraína e a UE.


As relacións entre Moscova e Occidente empeoraron desde o conflito interno na Ucraína e a adhesión de Crimea a Rusia, após o referendo de 2014. Ese mesmo ano, os EUA, a UE e outros países aprobaron paquetes de sancións contra Rusia polo seu papel na crise ucraína.

Alexei Navalni abandona a folga de fame
O político ruso Alexei Navalni anunciou este 23 de abril que abandonaba a folga de fame que comezou hai 23 días, despois de que o persoal médico o advertira de que, se seguía adiante con ela, podería pór en perigo a súa vida.


Navalni, considerado por países de Occidente líder da oposición, detallou en Twitter que continuará exixindo a visita dun facultativo porque perdeu a sensibilidade nas pernas e brazos. Precisamente comezou a folga para denunciar o seu estado e reclamar a visita dun médico.

Bruno Antonio Ortiz López - 2º BACH A
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 24-04-2021 14:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0