A Xunta quere levar a cabo a entrega das Medallas Pardo Bazán, un premio do Executivo autonómico ás entidades e persoas que traballan a prol da igualdade, o vindeiro luns 8 de marzo no Pazo de Meirás, recentemente recuperado para patrimonio público tras o litixio mantido cos herdeiros do ditador Francisco Franco.
Nun comunicado, o Goberno galego informa de que pediu ao Estado que celebre este acto nos xardíns de Meirás "pola súa simboloxía e conexión" coa escritora que dá nome aos premios e que "loitou pola igualdade no seu tempo".
Estas medallas, creadas en 2019, recoñecerán este ano o traballo a prol da igualdade da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) e da Asociación Rede Mulleres Vecinais contra os Malos Tratos de Vigo.
Ademais, este galardón tamén recaerá a título póstumo na ex-presidenta de Casa Galicia Xapón, Megumi Shiozawa, falecida o pasado marzo.
A Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) naceu en 1998 e conta actualmente con 64 entidades asociadas distribuídas por toda a provincia, o que lle confire "unha ampla e variada base social" que se traduce en "miles de mulleres beneficiarias das súas actividades", subliña o Goberno galego. Ademais, forma parte do Consello Social Provincial de Ourense e do Consello Galego de Benestar.
Pola súa banda, a Asociación Mulleres Vecinais Contra os Malos Tratos de Vigo atende as demandas diarias das mulleres, especialmente a través da intervención directa coas persoas que sofren violencia de xénero. A Xunta explica que esta entidade céntrase "na importancia do apoio social" para as vítimas e na "recuperación psicosocial e laboral".
Tamén, a título póstumo, recibirá a medalla Emilia Pardo Bazán Megumi Shiozawa, que dirixiu a Casa Galicia Xapón e axudou a "fortalecer as relacións" entre a Comunidade galega e o país xaponés.
Sara Blanco Daparte
2º BACH A |