Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Estrella Galicia: en catalán si, pero en galego non

O uso do castelán na Galiza para unha campaña que si se traduce ao catalán dá conta dunha falta de vinculación co territorio galego a través da lingua que si estaba presente anteriormente na marca. A que se debe o cambio? 'Nós Diario' repasa a súa estratexia publicitaria.


As dúas imaxes que encabezan este artigo dan conta dunha triste realidade: a empresa Hijos de Rivera, mais coñecida pola afamada Estrella Galicia, emprega o catalán para a súa publicidade en Catalunya, mais non acontece o análogo na Galiza. E é que a segunda foto foi tomada en Aríns (Compostela).



Malia tratarse da mesma campaña, cunha cartelaría idéntica, o idioma que se usa no noso territorio é o castelán, segundo denunciaba onte un usuario a través das redes sociais. A que responde esta contradición?


Identificación coa terra

Isto non sempre foi así. Antes Estrella Galicia empregaba o galego nas súas campañas, cunha vontade clara de identificación co público a través da lingua. Sumábase así a unha resposta favorábel da audiencia ao uso da lingua propia que foi analizada por primeira vez a mediados dos anos 90 polos investigadores Gabriel Rei-Doval e Fernando Ramallo.


As súas conclusións debuxaban un escenario optimista para o uso do galego en campañas publicitarias. O 80% das persoas consultadas amosábase partidaria da publicidade en galego, mentres que só 5% rexeitaba a súa utilización de xeito explícito.


Os anuncios televisivos máis antigos de Estrella Galicia apostaban xustamente na lingua como chave para a vinculación do produto co país. É o caso dun dos máis sonados, “Maruxa e os alemáns”, no que o uso do galego era crucial. Porén, a medida que a súa expansión avanza a nivel estatal, a marca desvincúlase progresivamente da lingua.


A estratexia publicitaria da marca pasa desta idea do “galego 100%”, con base enxebre e costumista, á procura dunha imaxe de “galego exportábel” que atoparía a través da face de intérpretes como Manuel Manquiña, Nancho Novo ou María Pujalte. Nesta campaña, baixo o lema “Tenemos algo especial”, xa non se apunta o uso do idioma como bandeira, encarreirando unha liña que se consolida no futuro.


Expansión estatal

É por volta de 2010 que a marca comeza a súa expansión a nivel estatal, o que se aprecia na publicidade cun cambio notábel da orientación cara a ese novo mercado.


É paradigmático neste senso o anuncio de 2011 “Creo que deberiamos coñecernos”, editado en galego e castelán, aínda que a mensaxe se dirixe claramente cara a fóra. A partir de aí a nosa lingua perde presenza a pasos axigantados.


A resposta máis probábel para este abandono do foco galego é que a Galiza é hoxe en día considerada un mercado cativo. A integración da marca coa clientela é moi elevada, e a decisión dun local de hostalaría de optar por outra marca pode ter consecuencias negativas fronte aos consumidores e consumidoras máis leais, aínda que outros selos ofrezan mellores condicións.


Estes son algúns factores que, desde unha marca que nin expresa o compromiso identitario co país na lingua do seu nome, explican que o uso do galego non sexa prioritario na súa estratexia de comunicación na Galiza. Pola contra, a análise do mercado catalán parece apuntar noutra dirección.


Diferenciación de gamas

A modo de curiosidade, hai outro aspecto que cómpre salientar na estratexia da empresa Hijos de Rivera. Aquí todos presumimos como parte de Estrella Galicia a 1906 e as súas variantes Red Vintage ou Black Coupage, selo do que se recolle a publicidade.


Porén, a cervexa optou por unha estratexia de diferenciación absoluta destas dúas liñas. Aínda que o grafismo as delata, non atoparán na etiqueta dunha 1906 ningunha referencia estrita á marca Estrella Galicia.


Esta división en dúas gamas procura a creación de identidades diferenciadas para cada unha delas, na que se estabelecen campañas e patrocinios distintos. Así, 1906 preséntase como un selo que procura a distinción e a exclusividade, especialmente vencellado coa música jazz.

Nesta liña encaixa o slogan "la mayoría nos pedía una IPA. Por eso, esta no es una cerveza para la mayoría". Na construción ideal desa "inmensa minoría" á que se destina 1906 segundo a súa publicidade non ten lugar a lingua galega.


1906 non ofrece a posibilidade de ver tampouco a súa páxina en galego, cousa que si acontece con Estrella Galicia. Se o que caracteriza a súa estratexia é esa especificidade do público, o afastamento do galego non pode deixar de conectarse cos prexuízos e estereotipos que aínda hoxe acosan o prestixio da lingua.


Iago Fuentes Aller
2º BACH A
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 15-11-2020 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0