Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Benqueridos, ata sempre
Benqueridos amigXs.
Hoxe é o derradeiro día en que unha servidora escribe neste blog. Se Deus e a fortuna ben quere, para a fin de semana vindeira, a mesma que agora vos escribe rematará a súa andadura por estes lares para comezar, Deus mediante, unha nova etapa na súa vida. Foi un ano raro, sen despedidas, sen bágoas, sen mágoa... e que mellor forma de poñer fin a este blog en galego que conmemorando o día da Patria Galega, o Día das Letras Galegas.
O Día das Letras Galegas foi creado pola RAG en 1963 para Rosalía de Castro, por cumprirse o centenario da publicación da súa obra “Cantares Galegos”. Rosalía de Castro foi a primeira homenaxeada á que continuarían, desde esa data e sen interrupción, outras moitas figuras senlleiras da nosa cultura, elixidas en Xunta Ordinaria pola Academia, como se recolle nos seus Estatutos. Así, o 28 de abril dese mesmo ano, a Academia resolve por unanimidade, aprobar esta proposta e declarar Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano.
Desde 1991, dezaoito anos despois da súa institución, o Día das Letras Galegas é festividade oficial en Galicia e constitúe a meirande conmemoración da nosa cultura. Arredor dela, desenvólvense numerosos actos organizados non só desde a Academia, senón tamén desde a Xunta de Galicia, os concellos, os centros de ensino e outras entidades ou agrupacións civís que participan, en conxunto, no labor de coñecer, honrar e difundir a memoria e a obra da persoa homenaxeada.
O 30 de outubro de 1910 cumpríanse 100 anos do nacemento de Ricardo Calvalho Calero. O máis lóxico houbera sido que ese ano do seu centenario a RAG, lle dedicase a festividade do Día das Letras Galegas e o noso filólogo máis importante e o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega que tivo a Universidade de Santiago de Compostela. Porén, de forma case que inexplicable e inxusta, tivemos que esperar case dez anos máis para que por fin sexa homenaxeado. “Nunca é tarde se a dita é boa”, que diría o refraneiro popular.
Desde 1980, ano de xubilación de Ricardo Carvalho Calero, houbo xente interesada en situar a súa figura nun exilio interior ou ostracismo. Son coñecidas as contradicións e presións que impediron á RAG declaralo protagonista do Día das Letras Galegas. Non é pois brincadeira, afirmar que o primeiro docente de lingua e literatura galegas na Universidade de Santiago, o pai lingüístico de varias xeracións, foi vítima dun interesado esquecemento. Con certeza, nesa xenreira influíu decisivamente o feito de que don Ricardo defendera que o noso idioma forma parte do sistema lingüístico galego-portugués, opción diferente, xa que logo, da oficial. Mais tamén a súa exemplar dignidade persoal, a súa independencia cívica e a súa coherencia fronte aos que, como el escribiu, o deixaron só.
Nese sectarismo persistiron ata que despois de anos de reivindicación por parte de importantes sectores da literatura e a lingüística e polo Concello de Ferrol, a súa cidade natal, a Real Academia Galega (RAG) ratificou o sábado 22 de xuño de 2019, que Ricardo Carvalho Calero fora o homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano 2020. Fíxoo despois de que as dúas únicas propostas para esta edición fosen as dúas sobre a figura do filólogo e escritor ferrolán, que xa estivera sobre a mesa da institución en dez ocasións (2005, 2006, 2008, 2009, 2013, 2014, 2015, 2016, 2017 e 2018).
Así pois, hoxe, 17 de maio de 2020, Carvalho Calero é homenaxeado coincidindo co 110 aniversario do seu nacemento e o 30 aniversario do seu pasamento porque, en palabras do propio Víctor Freixanes, presidente da RAG, “o profesor ferrolán é unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX por ter desenvolvida unha traxectoria vital fondamente vinculada á historia do galeguismo”.
QueridXs, detrás de min virán os que bo me farán...
Vémonos e ata sempre!
Clara



Clara María Domínguez Iglesias
2º de Bacharelato

Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 17-05-2020 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal