Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

E SEGUIMOS IGUAL.
Boas amigXs. Somos tremendos! Danos igual ver e escoitar os terroríficos relatos de todos aqueles que pasaron a enfermidade ingresadXs pola COVID-19 ou as novas nos telexornais cos índices pandémicos.
Non se trata soamente de enfermar; de poder pasalo sendo asintomático, no mellor dos casos, pero tamén os menos; de pasalo coma un simple arrefriado; de pillalo ben pillado que teñamos que ingresar e xa, no peor dos casos, que nos teñan que meter na Unidade de Coidados Intensivos, sedarnos vendo como se che apaga a vida e con iso todo canto coñecías, sen saber se volverás ver aos teus ou non, sen saber se volverás sen quen de vivir ou te apagarás coma vela que lle falta osíxeno.
Somos imbéciles. Somos un país arruinado economicamente e porque non dicilo, tamén socialmente. Centos, miles de empresas van cerrar polas consecuencias do COVID-19 e polas medidas que se teñen que tomar á hora de reabrir; moitos xa pecharon porque non foron quen de manterse a flote tendo os seus negocios pechados sen producir un can.
Pero que máis nos da.
Non levantaremos a testa ata pasados mínimo, un par de anos. Pero iso non vai comigo. Iso é cousa dos outros. Eu estou seguro. A culpa é do Goberno que non sabe tomar decisións. A culpa é do Goberno que restrinxe as liberdades. A culpa é do Goberno que trata de anguriarnos con previsións catastrofistas para que ninguén lle contraríe. A culpa é do Goberno que cortou o gasto en sanidade. A culpa é do Goberno que non tivo a bola da pitonisa Lola para saber o que se lle aveciñaba.
Pois si. Seguramente non soubo ser previsor. Seguramente se confiou porque isto era menos ca unha gripe. Pillouno en panos menores. Pero señores, e a nós? que estamos avisados e ben avisados; seica somos tontos. Saimos á rúa como o boi que leva pechado na corte unha semana. En desbandada. Vendo como facer para saltarnos á lei. Para estar o máximo posible na rúa, sen ter que facer realmente, pero da igual. O importante é estar na rúa.
Que sorte. Canto deportista se botou onte á rúa. Sanidade vai estar de sorte porque o deporte é saúde así que o gasto que levamos polo coronavirus, vámolo amortizar agora coa cantidade de xente que decide coidarse e pasarse á vida san. Claro, non me decataba, os bares están pechados. Caramba.
Ata se fai complicado comprar unhas zapatillas de runners en Amazon. Están todas esgotadas. Dou boa fe.
Cando as cifras de contaxios comecen a subir novamente; cando non se prorrogue o estado de alarma e tódalas axudas que o Goberno estableceu con tal decreto se vaian polo regato: as axudas aos autónomos, os non desahucios por impago de luz e auga a familias con problemas de exclusión social e económicos, o gasto sanitario, as axudas en comedores sociais… botaremos as mans á cabeza. E estaranos ben. Teremos o que buscamos. E non lle poderemos botar a culpa ao Goberno. Nós seremos os únicos responsables da nosa propia e allea desgracia.
Estou moi defraudada co xénero humano. Cada vez me confirmo máis no egoístas e ruíns que podemos chegar a ser.
Soamente espero… EQUIVOCARME.



Clara María Domínguez Iglesias
2º de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 03-05-2020 22:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal