Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A COVID-19 non deterá o quecemento global
A paralización dos transportes e de boa parte da actividade industrial global que produciu a crise da COVID-19 supoñerá un descenso aproximado do 6% das emisións de CO2 este ano, algo insuficiente para frear o cambio climático, vaticinou a Organización Meteorolóxica Mundial ( OMM).
O lustro máis cálido:
O secretario xeral do organismo, Petteri Taalas, lanzou esta advertencia ao presentar o informe co que a OMM celebrou o Día da Terra, no que se confirmou que o lustro 2015-19 foi o máis cálido do que se ten rexistro, cunha temperatura media global 1,1 graos superior á da era preindustrial.
“A caída de emisións, desafortunadamente, será a curto prazo, e probablemente regresarase ás cifras anteriores o próximo ano, ou mesmo podería haber un repunte da contaminación”, subliñou.
O máximo responsable da OMM, axencia dependente de Nacións Unidas, apuntou que en todo caso a actual crise podería ter algún efecto positivo na loita contra o cambio climático, ao mostrar á comunidade internacional que se pode traballar conxuntamente por un interese común e de urxente resolución.
“O COVID-19, espero, ensinará ao mundo a importancia dos esforzos internacionais #ante grandes retos”, subliñou, matizando que mentres a pandemia é un problema “a curto prazo e con efectos económicos que durarán varios anos”, o cambio climático é unha emerxencia moito máis duradeira.
Quecemento global:
As análises e predicións da OMM realizáronse con datos recompilados de diversos observatorios no británico Centro Hadley, e vaticinan novos aumentos da temperatura mundial nos próximos anos, máis rápidos na superficie terrestre que na mariña, así como nas latitudes máis setentrionais.
O informe engade que desde os anos 80 cada década foi máis cálida que a anterior, e que o último lustro tivo unha temperatura media 0,2 graos superior á dos cinco anos previos (2010-14).
A concentración de CO2 tamén foi un 18% máis alta entre 2015 e 2019 que nos cinco anos anteriores, e a OMM advirte que o dióxido de carbono permanece na atmosfera e os océanos durante séculos, polo que “o mundo está abocado ao cambio climático, con independencia de calquera redución transitoria das emisións”.
De feito, a pesar da actual baixada na contaminación, a concentración de CO2 na atmosfera segue aumentando mesmo nestes meses de paralización industrial e confinamentos, como mostraron medicións de observatorios designados como o de Mauna Loa ( Hawai, EEUU) ou o de Izaña (Tenerife, España).
Crises sanitarias como a COVID-19:
Nun momento de gran preocupación global polas emerxencias sanitarias, OMM lembra que o efecto invernadoiro contribúe a desastres naturais tales como choivas torrenciais e inundacións, que abonan o terreo para a aparición de epidemias de enfermidades como o cólera.
Naqueles países onde esa enfermidade é endémica, estímase que 1.300 millóns de persoas están en risco de contraela, subliña o informe, que tamén advirte dos efectos que o cambio climático causa na escaseza de alimentos ou nas ondas de calor, “o risco meteorolóxico máis letal no pasado lustro”.
O organismo recalca nese sentido que o 30% da poboación mundial vive en zonas cuxas condicións climáticas xeran temperaturas potencialmente mortais durante polo menos 20 días ao ano.



Marta Rodríguez Conde
2º de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 03-05-2020 22:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal