Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

E SE CHEGAMOS TARDE...
Aquí seguimos, que dadas as circunstancias, non é pouco.
Onte, entre as 20.30 e as 21.30 horas celebrouse a HORA DO PLANETA.
Recordades, aquel xesto simbólico que naceu en Sidney no ano 2007 para chamar a atención sobre o cambio climático. Un xesto simple: apagar todas as luces (negocios, fogares, edificios, monumentos…) durante unha hora. Un feito que cos anos converteuse en todo un movemento mundial do que xa forman parte miles de cidades de 188 países. Sen máis, pódovos dicir que o ano pasado, apagáronse as luces de 17.000 monumentos e edificios emblemáticos en todo o mundo.
A cuestión é sinxela e neste intre penso que a gran maioría, o temos claro (sempre está esa minoría que polo que a min respecta, podería irse a “por onde se comezan os cestos”). Dependemos da natureza para vivir. Non somos nada sen ela. Estamos no planeta terra e grazas a el levantámonos a mañá para ir ao colexio ou a traballar, saímos de festa, vamos de vacacións…Se se lle ocorre pararse, non queda aquí ninguén para contalo. En cuestión de millonésimas de segundo, boom! todos sairíamos disparados cara o espazo exterior.
A terra bríndanos todo o que necesitamos. É o noso soporte vital. Importantísimo: o aire que respiramos e a auga que bebemos; que ámbolos dous fan posible que a vida exista e continúe.
Pero tal e como nos estamos comportando, tódalas chamadas de atención se fan poucas. Entre todos, temos que adoptar decisións que aínda a modo individual e parecendo insignificantes, acaben por incidir directa ou indirectamente no conxunto da acción global. Non podemos esperar que soamente os gobernos arranxen esta desfeita. Aviados iríamos! Todos, gobernos, empresas e cidadáns temos que arrima-lo ombreiro. Iso non quita que sexa o momento de actuar e de pedir aos líderes políticos un compromiso internacional para deter e reverter a situación de desastre climático. O tempo acábase. Segundo os expertos, soamente quedan 10 anos para que poidamos evitar os peores escenarios. Temos que actuar xa antes de que sexa demasiado tarde, e que queredes que vos diga, visto o visto, ou nos poñemos as pilas ou nos quedamos no camiño.
A cuestión está clara: ás malas, temos as de perder e senón, aos feitos me remito. Levamos confinados por un virus que, se nos atemos ás informacións subministradas, pasou dun morcego (que son reservorios naturais do coronavirus SARS-CoV-2) ao ser humano, utilizando unha especie, non identificada, como ponte. Igual que xa pasou co SARS en 2002 e co MERS en 2012. En pouco tempo, estendeu unha pandemia que ten parado o mundo enteiro de consecuencias inimaxinables a nivel económico social e incluso, porque non, político e soamente sobrepasada pola mal chamada, Gripe Española do 1918-1919.
Non podemos permanecer impasibles vendo como acabamos co planeta. Temos que unirnos nun esforzo común e nada egoísta se queremos saír desta e gozar das experiencias que o mundo, que agora semella tan distante, nos ofrece cada día da nosa vida. Aprendamos a gozar coidando.
Apertas e a seguir fortes!
Ata a vindeira e recordar: somos fillos da nobre estirpe de Breogán!



Clara María Domínguez Iglesias
2º de Bacharelato


Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 29-03-2020 18:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal