Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Cultura virtual en tempos de pandemia
A pandemia da COVID-19 está provocando unha enorme distorsión no mundo
da cultura que ten dúas caras. Por unha banda, está a suspensión case
completa de calquera actividade cultural pública: cines, teatros, lecturas,
concertos, rodaxes, gravacións, presentacións, feiras… cancélanse en todo o
mundo sen que se coñeza cando nin como se poderá recuperar a normalidade,
e sen que estea aínda claro cales serán os efectos económicos desta parálise
nun sector xa de seu carente de políticas públicas e moi afectado pola
precariedade. É moi cedo para facer contas, pero as primeiras estimacións
feitas pola Asociación para el Desarrollo de la Propiedad Intelectual (Adepi)
falan dunhas perdas de 3.000 millóns de euros no conxunto do Estado. Véxase
como se vexa, unha catástrofe para o sector.
Mais hai outra cara, quizais menos visíbel a primeira vista, pero que se albisca
ao facer inventario das múltiples iniciativas que xorden para manter a cultura na
axenda da cidadanía: obras teatrais retransmitidas en streaming, vídeos de
concertos e representacións, películas que se liberan para que o público poida
acceder a elas de balde, publicacións que autores e editoriais ceden de xeito
altruísta… Pode parecer que esta súbita xenerosidade é contraditoria coas
perdas millonarias que se prevén para o sector, mais quizais é neste punto
onde aparece a cultura e desaparece a industria cultural, onde se revela a
cultura como creadora de comunidade, como espazo para a empatía e a
reflexión crítica sobre nós mesmos.


Ricardo Tornero Belloso
1º BACH A
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 22-03-2020 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal