Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

TIRASTE DOS PELOS!
Boa noite amigXs.
A pouco non chego para esta nova edición do blog e é que co baixón de defensas tras a remesa inconmensurable de exames, acabou por pillarme a gripe. Pero aquí estamos, a golpe de paracetamol, ibuprofenos, codeína... para que logo se diga.
Iso si, non teño nin a máis remota idea sobre o que vou compartir con todos vós. Porque teño moi claro que vos interesa un corno todo aquelo que vivín esta semana para preparar os exames e a verdade é que non deixan sitio para decatarte de nada máis. O que si deixan a un é esgotado ata a extenuación, física e psiquicamente. Empurras cóbados ata que xa non podes máis; péchanse os ollos, a cabeza semella que vai estalar, xa non consegues que che entre nada máis. Conseguíchelo! Dominas a materia pero, chega o día do exame e de repente, quédaste completamente en branco, bloqueado. Poste tan nervioso que es incapaz de responder a esas preguntas que tes diante nun papel branco e que onte pola noite eras capaz de responder sen problema.
A que isto soa coñecido? Si. Pásanos a unha porcentaxe alta de estudantes que, por sorte, conseguimos controlarnos e pasar o exame satisfactoriamente. Este tipo de ansiedade é boa, propicia, porque nos axuda a estar en alerta, despexados. O problema xurde cando esta ansiedade é tan intensa que interfire na capacidade de concentración e no rendemento. É o que os psicólogos chaman, ansiedade por execución e que aparece naqueles casos onde existe unha grande presión por facer ben as cousas: unha obra de teatro, cantar so nun escenario, facer unha entrevista importante… dor de estómago, dor de cabeza, vómitos e incluso desmaios son os síntomas que produce a ditosa adrenalina que liberamos nestas situacións e que, en condicións normais, prepáranos para reaccionar ante unha situación estresante pero que, en niveis excesivamente elevados, pode chegar directamente a matarnos.
Soamente pensamos no negativo: teño moito que estudar, teño pouco tempo, e se me bloqueo, e se o exame é demasiado difícil, e se poñen algo que non me explicaron, teño outras tarefas que facer… pois non, se pensamos en negativo, é un círculo vicioso, todo nos sairá mal porque nos atopamos animicamente peor, cheos de medos e de pensamentos que o único que fan é distraer a nosa atención do verdadeiramente importante: estudar.
Por se fora pouco, isto non lle sucede a tódalas persoas por igual. Acontécelle preferentemente ás persoas perfeccionistas; aquelas que sempre queremos dar o máximo e sacar o máximo. Aquelas que por defecto e sen pretendelo, nos esiximos demasiado.
Pois ben, visto desde fóra e unha vez pasada esta segunda fase camiño da terceira e da traca final, direivos que é moi complicado dominar a situación a pesar de todas as recomendacións que escoitas. Soamente vos podo dar os seguintes consellos, se sodes daqueles que ao igual ca min, estades dentro deste grupo de esgotados.
Primeiro, utiliza o estrés ao teu favor. Evita que o estrés te domine e te faga perder o control da situación. Comeza a estudar en tempo e non deixes todo para o final e sobre todo, afástate de pensamentos negativos incluso daqueles compañeiros que son tóxicos por natureza, porque para eles todo sae mal!
Prepara ben o exame. Busca axuda para resolver todas aquelas dúbidas que che xurdan ao estudar. Volvemos ao de antes: comeza a estudar a tempo para preparar ben todos os temas e non deixar lagoas que impidan ter a seguridade de que levas o temario preparado.
Controla os teus pensamentos. Isto si que é tarefa difícil porque todo depende de ti e estás esgotado. Pero comeza polo principio: pensa que o vas facer ben: Estudei e estou preparado para dar o mellor e sacar o mellor resultado! Repíteo ata que o creas e desde logo, se á primeira non sae, acepta os teus erros e aprende a relativizar todo. É o máis difícil pero é o que mellores resultados consegue. Todo nesta vida ten solución... máis tarde ou máis cedo, dando máis ou menos voltas... pero todo ten solución. Todo o mundo comete erros e temos que aprender a sacar a parte positiva deles. Un fallo que cometiches nun exame, seguro que non volves cometelo. Aínda que xa di o refrán que o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra e claro, o problema non está en tropezar, senón en namorarte dela.
Por último e o máis importante durmir. Cando pille a cama! E non deixes de practicar deporte ou cando menos, móvete! Semella que todo aquelo que estudes se fixa mellor se practicas algún tipo de deporte mentres estudas. E por descontado, cume. Moi importante, alimentarte adecuadamente é moi importante: froitos secos, plátano... e comidas lixeiras pero a miúdo. Ahhh e chocolate, que non falte o chocolate!
Bueno, xa está!
Ao final conseguín falarvos dalgo que me resulta doado. É a miña vida levada ao papel. E que conste que fun bastante feble escribindo. O que se pasa é moito peor!
Esta segunda tanda está pasada. Vamos a pola terceira!
Ánimo amigXs e non desesperedes. Todos estamos no mesmo barco aínda que rememos a ritmos diferentes e cara beiras que se atopan en distintas direccións. Ao final, tódolos camiños conducen a Roma.
Apertas e ata a semana.



Clara María Domínguez Iglesias
2º de Bacharelato

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 17-02-2020 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal