Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Un Stonehenge en Forcarei?
Reivindican o estudo dunha posible edificación neolítica situada en Pardesoa e similar á británica
Na parroquia de Pardesoa (Forcarei), existen vestixios dun xacemento arqueolóxico no que os investigadores atoparon grandes similitudes formais coas estruturas neolíticas das illas británicas denominadas henge. Como a mundialmente coñecida Stonehenge, que cada ano atrae a millóns de visitantes.O descubridor da estrutura é o investigador Antón Costa que, como membro da sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos do CSIC, mediados os anos setenta tivo acceso ás copias das fotos procedentes do voo realizado por Estados Unidos en xullo de 1957. Esas fotos e o uso dun visor estereoscópico permitíronlle descubrir, por pura casualidade, unha figura en territorio forcaricense que entón non soubo identificar e que corenta anos despois deu a coñecer.
Como o propio investigador describiu no seu blogue en setembro do 2018, trátase dun recinto circular duns 110 metros de diámetro unido a unha avenida rectilínea duns 170 metros de lonxitude e 25 metros de ancho que parece penetrar no interior do recinto flanqueada por dous pequenos muros. Á dereita do recinto principal apréciase unha pequena estrutura circular duns vinte metros de diámetro. Así mesmo, perpendicular á avenida, dous muros delimitan unha figura trapezoidal duns 75 x 30 metros, cunha división interior. Antón Costa atopa unha gran semellanza entre esta estrutura coas denominadas henge das illas británicas e tamén co xacemento A Roda de Barreiros (Lugo). Un henge é unha estrutura prehistórica en forma circular ou ovalada -máis raramente pode ser rectangular- formada por un foso e un terraplén que a delimitan. No caso de Forcarei, as fotografías aéreas de anos posteriores mostran que o recinto pasou por varias fases de forestación que alteraron sensiblemente a contorna e danaron a avenida. Nas imaxes tomadas entre 2010 e 2017 o recinto xa non é visible nas fotos debido ao crecemento da masa arbórea. Con todo, ante a escaseza de monumentos deste tipo, Antón Costa urxiu fai máis dun ano ás autoridades responsables o estudo e posta en valor do xacemento.
Valeria Labandeira
4º ESO B
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 02-02-2020 11:56
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal