Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O Entroido da Ulla xa ten todo programado para que os xenerais protagonicen os altos
Os concellos de Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces son os oito municipios que compoñen o Entroido da Ulla, unha festividade declarada de Interese Turístico. O obxectivo de todos eles de cara esta tradición pasa por consolidar a recuperación deste carnaval como elemento distintivo do patrimonio cultural da zona; dinamizar o turismo do territorio coa posta en marcha deste Entroido como eixo vertebrador do mesmo, explotando a súa capacidade de atracción e converténdoo nunha maneira de captar turistas nas datas do carnaval galego.

Para os que descoñezan a esencia desta festa hai que explicar que as figuras máis relevantes son os xenerais e os correos a cabalo, que percorren as parroquias dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun exército de abandeirados, coros e comparsas. Rematan sempre escenificando un atranque, é dicir, un enfrontamento dialéctico por parellas no que aproveitan para satirizar asuntos locais que deron que falar durante o ano.

Aínda que non se pode asegurar con certeza a orixe dos xenerais da Ulla, hai que buscala nos diferentes enfrontamentos armados que tiveron lugar na comarca ao longo do século XIX. Referímonos á loita contra a invasión francesa e a revolución de 1846, que rematou coa batalla de Cacheiras. As guerras carlistas que se desenvolveron en España durante o século XIX axudaron a crear un abraio colectivo que desembocou na súa ridiculización. De feito a primeira documentación que se ten deste Entroido corresponde aos anos 70 do século XIX cando Alfredo Vicenti, ilustre político santiagués, publica a partir de abril de 1875 no xornal El Heraldo Gallego varios artigos titulados En las orillas del Ulla. Un deles leva por nome La máscara e nel narra a formación dunha comparsa de Entroido na parroquia de Oca, na Estrada. Posteriormente serían moitos os autores que difundiron esta tradición carnavalesca.

A celebración de dito festexo sítúase arredor das datas marcadas pola Igrexa para esta conmemoración. Os días con máis actos son os correspondentes aosábado e domingo de Carnaval, pero tamén hai actos o martes de Entroido, o domingo de piñata, o domingo de corredoiro e mesmo antes si é necesario pedir traxes ou bestas prestadas.

PROTAGONISTAS. Quizais a figura que máis se coñece a nivel popular é a do xeneral, xa que a parte de ser a máis vistosa, son realmente os grandes protagonistas deste Entroido. Con todo, van acompañados doutros personaxes que tamén posúen un rol fundamental nesta tradición.

Os xenerais, levan unha vestimenta que evoca aos uniformes militares decimonónicos. Na cabeza portan un chamativo tricornio (bicornio) rematado en plumas, frecuentemente de pavo real. Montan cabalos aparellados nos que destaca o espello que levan adornando a cabeza ou o peito petral. Xunto a eles están os correos, que visten camisa con gravata, guerreira e pantalón, que recordan aos uniformes militares antigos. Cubren a cabeza coa "gorreta", un gorro circular rematado nun entretexido de alambre arranxado con contas de cores. Montan en cabalos engalanados con campaíñas.

Hai que destacar tamén os abanderados, que acostuman vestir con uniforme militar, sobre todo de mariñeiro, e portan unha bandeira. Son protagonistas tamén o rei e a reina, que levan capas e na cabeza unha coroa. Segundo a ocasión ou montan cabalos ou van nun carro tirado polos mesmos.

Non se pode esquecer o coro principal, de bonito ou de chavales. Está conformado por rapaces e rapazas vestidos normalmente con traxe galego ou de montañés, xunto cun señorito e unha señorita. Ao fronte deles van un director e unha directora. Normalmente o coro interpreta cancións coa letra composta para a ocasión.

Acompáñanos tamén o coro de vellos, composto por xente de máis idade. Poden ir vestidos cada un a súa maneira, aínda que nos últimos anos se tende a unha uniformidade nos traxes, nos que non falta o compoñente colorista. Acostuman a cantar cancións de carácter burlesco.

Tamén destacan as comparsas "inventos", que representan "cousas curiosas", disfraces máis actuais, a figura do cura que ofrece un gran sermón, e outros máis singulares como é "o vello dos cornos".

Iván Abad Álvarez
4º ESO B
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 02-02-2020 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal