Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Apunte rápido
Boas a todXs! Como ben debedes saber xa, non acostumo amosarvos temas que aparecen nas cubertas dos nosos xornais habituais; se cadra de vez en cando podería ter empregado algunha a modo de fío de condutor do meu propio ideario pero por tónica xeral, emprego esta plataforma para plasmar os pormenores do meu propio día a día, esas inquietudes que rompen co transcurso da monótona rutina. Neste caso, veño avisar que a miña reflexión non vai ser precisamente alentadora, senón froito dun episodio persoal, co que non é momento de aburrirvos, pero non teño máis que dicir que conseguiría espertar as miñas alarmas. Ademais, antes de que alguén encolerice, é a miña obriga dicir que sempre e en tódolos casos atopamos excepcións aínda que eu tome de fondo a imaxe máis xeral... xa o entenderedes. Sen máis dilación, comezamos.
A educación nos nosos tempos estase a converter nun ben de “poucos”, nunha calidade do que un escaso e ínfimo número de persoas pode presumir e, polo tanto, pode ser capaz de inculcar correctamente. Un feito que se reflicte día tras día entre nenos e adultos da nosa poboación: rapaces fóra de control, cridos o embigo do mundo e seus pais... dúas opcións: ou ben esperan a que pase o momentiño, “son cousas da idade”, ou entran en cólera ó non seren capaces de afrontar a situación. Sen termo medio. “Educade os cativos para non terdes que castigar ós maiores” manifestaba a súa preocupación o propio Pitágoras, e non lle falta razón pois, esta carencia educativa, repercutirá directamente na nosa xuventude que máis tarde será adulta... comezando un bucle que non será doado reparar.
Desta forma véxome na obriga de redundar no tan cuestionado debate entre colexios e familias; sendo a educación o valor máis importante dentro da formación intelectual, moral e persoal dunha comunidade, debería ser tarefa dos proxenitores ou ser motivo de ensino único nas escolas.
En verdade, esta disputa vén xerada por unha confusión de termos. Todo o referente ós valores morais, presenza e pautas de comportamento deben ser convenientemente aprendidas dende casa, unha tarefa que lles corresponde de xeito inmediato ás familias do cativo; o cal, acudirá á escola formarse academicamente e reforzar o traballado diariamente dende o fogar. Pero, que ocorre cando o ambiente que un rapaz ou rapaza respira na casa é completamente o oposto ó aconsellado?
A resposta é clara: de adulto sufrirá as consecuencias. Verase na obriga de medrar nun clima desequilibrado, insostible e carente de valores positivos ós que se amarrar no seu camiño cara a idade adulta. Unha madurez na que por ende, seguirá transmitindo ós seus devanceiros aquilo que tempo atrás, cando foi neno, lle ensinaron en definitiva, o incorrecto.
Sendo así, parece posible pensar que todo se resume nun ciclo continuo de aprendizaxe (ou en certos casos, desaprendizaxe), para o cal, é primordial destacar a coñecida mención: “predícase co exemplo” pois, sen ánimo de descalificar nin ofender a ninguén, hai que educar primeiro ós pais para que estes, nun futuro, poidan saber como formar ós seus fillos.
Espero non tervos aburrido en exceso coa miña aportación do día. Polo de hoxe penso que xa teño dito suficiente, para a semana máis e se cadra, mellor! Ata a vindeira.


Clara María Domínguez Iglesias
2º de Bacharelato


Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 19-01-2020 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal