Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O Celta reacciona tarde tras unha esperpéntica primeira metade

O Celta foi un desastre durante unha hora e o arreón final, cando xa estaba cuns menos, non lle foi suficiente e acabou perdendo en Leganés: 3-2. Os de Javier Aguirre pasáronlle por encima aos vigueses durante a primeira parte e despois xa foi demasiado tarde. Tampouco axudou a expulsión do Toro Fernández, que apenas estivo 20 minutos no campo.


Todo o mundo esperaba un Leganés intenso que saíse a morder e o cadro pepinero non sorprendeu. Quen o fixo foi o Celta , que coas novidades de Rubén na portería e Rafinha e Okay na medular, saíu carente de todo punto de competitividade, non foi agresivo nin intenso e a pesar de ter o balón non disparou a porta ata pasada a media hora. Para entón os do Vasco Aguirre xa lle pasaron por encima e gañaban por 1-0 mercés a unha falta botada con mestría con Óscar Rodríguez tras unha falta absurda de Rafinha na frontal.


Durante un primeiro tempo para esquecer o único que fixo o Celta foi un contragolpe de libro con excelso centro de Aspas desde a esquerda e o remate de Santi Mina que desviou Cuéllar. Puido ser o empate, pero da probabilidade pasouse á realidade do 2-0 cunha contra e un zapatazo afastado de Óscar que acabou aloxándose na portería viguesa tras facer un estraño na súa traxectoria.


No descanso Óscar García cambiou o sistema ao prescindir de Hugo Mallo polo Toro Fernández e durante uns minutos o Leganés estivo aparvado co 3-4-3, ata que nunha tripla ocasión chegou o 3-0 de Kevin Rodrigues.


O partido parecía sentenciado a pesar de que Araujo acurtou distancias rápido nun lance de estratexia, máxime cando o Toro foi expulsado pola vía rápida, pero entón o Celta comezou a tocar con facilidade e Aspas inventouse o 3-2 nunha xogada persoal. O de Moaña estivo preto do empate nun lance similar e incluso o VAR tivo que actuar para descartar un penalti na prolongación na área pepinera, pero xa era demasiado tarde.


Iago Fuentes Aller
1º BACH A
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 08-12-2019 22:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal